meis

A todos se nos encolleu o espírito cos accidentes de tráfico desta semana santa, incluso cos espíritos previamente encollidos polo despliegue de capuchóns, sangue, fervor e lágrimas que inundou as televisións estes días. Como estas vacacións non teñen fío conductor ningún –nin o sol/mar do verán, nin a familia/regalos do Nadal- o tráfico e as súas circunstancias –número de desprazamentos, puntos negros, operacións antes de entrar deixen saír- etc., é o protagonista mediático desta época, pero aínda así, a sinistralidade que houbo estes días é unha traxedia.

De feito, a campaña da DGT, (“¿ten pensado morrer de accidente nestas vacacións”) era ben besta, tanto porque era real no fondo como algo frívola na forma. O mesmo que aquela mensaxe nos letreiros electrónicos que indicaba “105 mortos Semana Santa 2005”, que parecía tanto unha advertencia como unha chamada á competitividade. “A campaña é algo salvaxe, pero é que non hai maneira de meterlle na cabeza á xente que a maior responsabilidade é dela”, decíame un experto do sector. De feito, no máis tremendo dos accidentes en Galicia, nese no que un mozo de 18 anos sen carné pero con coche propio matou a catro motoristas e á súa propia nai, polo que se sabe é difícil atopar outro culpable que el propio. Ben, el e quen lle mercou o coche, e o deixaba guiar habitualmente, mesmo para levar á súa irmá pequena ó colexio, segundo calaron os veciños. Por non falar deses compañeiros seus, que pasaron o trago do enterro ameazando polo baixo á televisión, como se desta vez tivera a culpa de algo. Non parece que en casos coma este sirvan de moito campañas, clases de educación viaria e similares medidas preventivas.
Por esta razón, porque é un problema irresoluble, é sorprendente que a actual Xunta (a anterior debería reflexionar sobre ese modelo de vías rápidas que construíu no Salnés e no Barbanza) solicite as competencias de tráfico, aínda que habería que ver se neste tema, como nos demais, aquí nos dan os medios proporcionais ó tamaño do problema ou para ir tirando-total-como-non-se-queixan. En Galicia teño claro que as competencias de tráfico deberían ser transferidas ós concellos, sobre todo ós pequenos. A maioría das mortes de rapaces prodúcense cando van ou veñen –normalmente veñen- das copas, actividade que nunha cidade se pode acometer a pé ou en taxi, pero no rural ou semiurbano, non. Así que ninguén mellor que as autoridades locais, que coñecen as idas e vidas, atallos e pistas, para controlar os desprazamentos da mocidade.
-¡Alto aí, Menganiño!” –pararía o alcalde ou concelleiro de Tal á xente nova que se dispuxera a montar no GTI– ¿Onde pensas que vas? -Vou un momentiño a Cal, que quedei cos colegas -respondería o sorprendido rapaz.
-Diso nada, pousa o coche e quedas por aquí a mazarte, se queres.
-E que aquí non hai ambiente ningún -rosmaría o contrariado
-Claro, ¿como o vai haber se vos ides todos por aí? –concluiría, chea de razón, a autoridade.
E así paliaríanse dous problemas: o dos accidentes e o da falta de dinamización das pequenas vilas, aínda que quizais repuntase o da escaseza de vodas e a caída demográfica. A algúns esta proposta pareceralles unha frivolidade, pero as medidas de verdade, como os controis automatizados das infraccións, endurecemento do código penal, transporte público en serio, son máis caras e menos populares.

(martes, 18 de abril de 06)

Advertisements