A Xunta debería axudar á musica galega. Non é menos certo que a Administración ten que facer unha aposta decidida polos proxectos de investigación punteiros. E non cabe dúbida de que as institucións deberían apoiar as empresas que levan por aí adiante a bandeira da nosa creatividade. Todos de acordo, supoño, incluído eu. De feito, estaba de acordo con todas estas peticións cando as escoitei días pasados das respectivas bocas dos interesados. Pero algo debeu pasar, quizais escoitei demasiadas e demasiado xuntas, que non as dei dixerido de todo, e aínda me repiten.

Non sei por que, dado que calquera sociedade civilizada considera lóxico promover as actividades culturais, claro que dependendo. Por exemplo, os escritores non reclaman que se cubran as súas necesidades, posto que é xente que se apaña cun bolígrafo e uns folios, e danse por contentos se hai unha certa actividade de conferencias e congresos para verse cos colegas e liberarse momentaneamente da dura soidade da mesa. Ídem de lenzo –nunca mellor dito- os pintores, a pesar de que o material é considerablemente máis caro, ou os músicos, en igual situación. Todos estes solicitan, como moito, oportunidades de formación e infraestructuras para que os resultados da súa creatividade cheguen ó público, e xa postos, uns premios para tapar buratos (económicos ou de inseguridade). Xa sei que a realidade concreta de cada sector é ben máis complicada, pero en xeral non se me ocurre que outras axudas precisan (ben, por exemplo, unha si: locais de ensaio para os grupos). En todo caso, hai proxectos determinados –por novedosos ou por arriscados- que paga a pena apoiar economicamente, igual que non queda outra, tal e como está a cousa aquí, que subvencionar xéneros enteiros como a ópera ou a música clásica, pero ignoro a eficiencia cultural de gravarlles discos a grupos para logo andar amolando administrativamente os sitios de concertos en directo. Ou en correr coas seguras perdas de actuacións de fenómenos comerciais de por si omnipresentes como Shakira.
Evidentemente, os cartos gastados no que se considera cultura son o chocolate do loro, o mesmo que os dedicados á investigación. Pero eu supoño que quen precisan axuda –axuda e non o que hai- son os investigadores, ou proxectos ou liñas de investigación concretos, e ignoro a razón de que haxa que subvencionar ás empresas que satisfan as demandas de ocio do persoal e non ás que remedian as necesidades alimenticias. Claro que a historia recente, e moito me temo que o presente, está chea de exemplos de que se lle deu a quen lle petou ó que daba. E que as institucións financeiras á hora de prestar miran máis os apelidos que as iniciativas. E por riba, que aquel prócer que máis se significara nos últimos tempos contra as subvencións descubríronlle un buratiño de mil millóns de pesetas sachado precisamente a base de axudas públicas. Ou sexa que posiblemente en non teña razón ningunha.
(Por certo, por se a algunha institución lle interesa, facer estas trangalladas de indubidable interese cultural e de investigación social pioneira suponme unha chea de tempo e esforzos. Máis vale pedir que roubar)

(martes, 25 de abril de 2006)

Advertisements