Estou nunha terraza tan pancho, entre familia e colegas, rodeado de xente contenta que recolle bandeiras e bártulos de se manifestar, sen máis achaque que ter que botar man dun periódico atrasado porque os do día están pillados. No meu exemplar, unha grande empresa proclama a todo trapo que se determinado departamento autonómico non lle dá vía libre a un proxecto que ten medio paralizado, irase co multimillonario investimento a outra parte. Ou sexa, algo que podería estar entre a denuncia da inoperatividade administrativa, que é como o presenta a información, e a chantaxe empresarial, que é o que ven sendo no fondo.
En concreto, a queixosa é unha das nosas multinacionais galegas, que co chapapote do Prestige aínda petroleando as nosas costas, acudiu en auxilio da sociedade e da Xunta anunciando a súa intención de construír na Costa da Morte unha piscifactoría que nunca tal se vira. Pasados catro anos, os tempos son chegados de facer efectiva a promesa, pero a Administración non está polo labor, quizais porque, como argumentaba o añorado portavoz Pita, hai xente que non quere que Galicia progrese. Pois a miña máis sincera felicitación ós que non soltan o papeliño da autorización, mentres dure. Porque unha cousa é o progreso, e outra o rostro, se que sexa incompatible. Porque é rostro coller uns terreos que son espacio natural e comprárllelos a un euro/metro cadrado ós propietarios que non poden alí poñer unha granxa de porcos ou un taller mecánico, e logo conseguir a autorización administrativa para construír o que lles pete co engado dos postos de traballo. Así pasa nese proxecto de Touriñán e pasou con outro en Ribadeo que promoveu un cuñado de Cascos. Non sei cantos empregos están previstos, pero si os reais dun proxecto similar ó que asistín a inauguración hai ano e pico. Os terreos saíranlle de balde, a Xunta puxo a metade dos cartos do investimento, o concello aínda tivo que preitear para que lle pagaran a licencia de obras e agora están colocados 12 veciños. Á vez que me daba os datos (quitado o do preito) o conselleiro do ramo facíame un canto á iniciativa privada. En efecto, é de recoñecer que hai auténticos linces á hora de muxir os tetos públicos. Calculo que cos cartos que custou todo o tenderete podíase retirar de por vida con salarios de alto executivo a medio cento de habitantes.
Por riba, cando esas nosas grandes empresas atravesan momentos delicados, a Administración non tén reparo en inxectarlles unha presada de pasta, nin elas en admitila. Ou moito me equivoco ou, fóra Inditex, pasou con todas e cada unha delas, e por suposto, tamén fóra de Galicia. A maiores, unha empresa ten posibilidade de declararse en suspensión de pagos e outros recursos xurídicos que a lei nega a un particular que se vexa na mesma apurada situación. De ser un deses pequenos empresarios que teñen que busca un baixo comercial ou unha nave pola súa conta e negociar como pode coas institucións financeiras –privadas, por suposto- eu mosquearíame bastante. Pero son un asalariado, e por riba, teño que traballar facendo isto en pleno 1 de maio.
(para martes, 2 de maio de 06)
A min tamén me gusta moito a historia urbanística tipo Concello de Miño e outros máis. Decídese que se vai urbanizar un monte ou unha fraga, exprópiaselles por catro cans ós veciños que non queren regalar os seus terreos debido ó grande interese público que ten, por exemplo, un campo de golf. Polo camiño fórranse a maioría dos concelleiros (co cal, no caso de Miño, incluso tivo que saír do pleno no que se votou a adxudicación
agora ilegalo alcalde por ter intereses económicos no asunto) e logo venden por unha millonada non só os chalés adosados senón incluso parcelas sen construír que che acaban de roubar pola cara. É fantástico!Si, é ben curioso que esas cousas pasen cando toda a opinión publicada aquí está en contra de feísmos, construccións masivas na costa… Un fenómeno paranormal, vamos
Benquerid@s amiguit@s: esta e non outra é a proba do nove do goberno da xunta. Se non frean vía moratoria ou o que sexa o que está a pasar nas nosas costas (véxase o caso carnota, o de miño, etc) é que non pagou a pena que marchara o vello.
Bravo por eSedidió. Deu coas palabras axeitadas unha por unha.
Respecto á cuestión de Pescanova e outras, o mal de fono é ese clientelismo que debemos herdar dos pobos xermánicos… ou algunha clase de síndrome de estocolmo colectivo, que nos fai crer dependentes dos viven forrados á conta do traballo dos demáis.
Inditex tamén tivo o seu regalo da Xunta do PP. seis millóns de euros nún préstamo case sen intereses,respaldado pola administración.Logo foi Aznar a coller cartos para financiar a campaña do 2000. Negocios así fainos calquera que non lle moleste a mala conciencia.
Home, tanto como que non pagara a pena que marchara o vello…
E todos estes empresarios subvencionadísimos son os que logo predican a relixión ultraliberal: as bondades dos contratos-lixo, do despedimento libre, do aforro en gasto social, etc.
Moi boa analise economica! Deberian utilizar artigos coma este nos master de empresa ou nos cursos de doutoramento en teoria economica.
…So podo poner un pero:iso de traballar no primeiro de maio,non lle impedira subir ao ceo dos asalariados?
O caso de Muxía é de libro de texto. Nunca se saberán todas as falcatruadas das que se fala neste pobo. Se conseguen que Pescanova non vaia a Toutñán non vai a ser sen veleno abondo por parte dos do concello, que foron os primeiros promotores da invasión da cetárea de Pescanoca cando o alcalde andaba convencendo os vecinños que venderan porcatro reás, que as terras aquilas non valían para nada.
Pois si. Poida que soe a exabrupto, pero non paga a pena a viaxe se o conto vai consistir en gilipolleces para consumo interno. Explícome: con todos os respetos para os que non pensan iso, a mín parécenme gilipolleces a/s selección/s galega/s, os equipos de ciclismo, a substitución de “encontros” por programas culturais presentados por xente de pelo asimétrico, e mesmo que definan a Galicia/Galiza como nación, como rexión ou como comunidade veciñal. Eu o que ESIXO do esforzo colectivo que supuxo o novo Goberno é que se discuta e deseñe dunha vez un modelo territorial que teña en conta que somos como somos (incluíndo claro está modelos comerciais, de transporte e de infraestruturas), que se depuren dunha vez os verquidos das rías e que se faga dunha vez un deseño de ordeación de usos agrarios que impida que tododiós poña o que lle sae das piiiiii, xa sexan pinos, eucaliptos ou carballos, en terras que deberían estar dedicadas a cultivo, que se tolere que ao persoal lle saia gratis ter as terras “a monte” (curioso eufemismo de ter as terras en abandono) agardando especular con elas, e un longo etcétera. Se iso se fai, benvidas sexan as seleccións, etc, pero se non é así, vamos acabar empachados de tanta guinda sen térmonos comido antes o pastel.(joder que descansado queda ún….)
¡Amén! Coido que non fai falta que copie textualmente o comentario do Sr. eSedidió para demostrar que estou totalmente de acordo con él. Eu so engadiría, no que cita sobre agricultura, a pesca, o marisqueo e outras actividades que poderían meterse no mesmo saco… e unha industria orientada a eses sectores.
São Paulo é unha cidade cemento. Nunha xanela entre milleiros delas, mora un rapaz que acaba de sair do armario, aínda que a primeira vez que se lle puxo dura cun (si)home(si) foi con doce anos, asistindo un combate de boxeo. Bótenlle unha ollada aos seus relatos. Para saber máis, vaian a:
http://www.bestiario.com/mvcuc/d.php?id=377
P.S.- Aprovecho para saludar: ei, Alfonso Pardo, facía xa tempo que non sabía de vostede. Terei que colle-lo coche con maior frecuencia e deixarme caer por aquí. Reciba o autor similares apertas.