Estes días, todos os que opinamos de algo non porque saibamos senón porque nolo piden, largamos sobre dous acontecementos: o Evazo, a nacionalización dos hidrocarburos que decretou o presidente de Bolivia, Evo Morales, e o hispanazo , a protesta que os hispanos que viven nos Estados Unidos fixeron en demanda dos seus dereitos. Dous fenómenos coincidentes na terra (América) e no tempo (o 1 de maio) e que son as dúas caras da mesma moeda, aínda que se presenten como o paradigma do hispano bo e o hispano malo.
O hispano bo, aplaudido por tirios de aquí e mesmo boa parte dos troianos de alí, é o que se ergueu nos USA para facerse presente como forza laboral real, por moi oculta ou irregular que sexa teoricamente. O millón de inmigrantes que se manifestaron en data tan demonizada alí como o 1 de maio. Os que non foron ó traballo, nin á igrexa para deixar patentes os ocos laborais e sociais que cobren a cotío (e de paso esixir ser norteamericanos como os demais). O hispano malo para as forzas vivas, económicas e mediáticas, é Evo. Para as progresistas, un desagradecido que paga así os desvelos e o cariño que lle demos cando o elixiron. Para as conservadoras, que xa non lle tiñan cariño ningún , un dictador (sic, escoiteino con estas orellas) populista máis, deses que van levar a América do Sur ó desastre (como se o punto de partida non fose xa a máis absoluta ruína). A primeira das reaccións é de dolorida sorpresa, igual que a dunha ONG á que se lle rebelaran os axudados. A segunda é un capítulo máis da historia universal da infamia. Consista no que consista a tal nacionalización que ninguén parece telo moi claro, aínda que iso non impida que se rachen máis vestiduras que camisas na voda de Farruquito a verdade é que eu non teño demasiadas esperanzas de que vaia mellorar a vida dos bolivianos. Tampouco penso que a poida empeorar, porque os cartos son os cartos, anque se repartan mal. Pero o que non se lles pode negar é o dereito de tentalo, habida conta que as anteriores solucións, as dictaduras promovidas pola CIA e as solucións economicistas patrocinadas polo FMI deixaron o asunto tal cal estaba: uns poucos abarrotando e uns moitos lampando. E non hai razóns obxectivas para que sexa así: un país pobre é Chad, Bolivia é un país rico con xente paupérrima. Os rachadores de vestiduras, ademais da postura imbécil de defender a unha empresa que nos está cobrando cada día ó prezo actual o combustible que compraron máis barato hai seis meses, e sen baixalo nunca, sitúanse non eurocentrismo parvo. Mófanse de usos e costumes claramente folclóricos (meter ós militares nas instalacións petroleiras) esquecendo vigas no ollo propio como a toma de posesión de Bono, a despedida de Paco Vázquez ou a práctica política de Berlusconi. Ou poñendo en dúbida a legalidade democrática de gobernantes que ganaron unhas eleccións máis limpamente que Bush as súas.
O pavero do asunto é a contradicción de criticar que en Bolivia tenten atallar as causas e aplaudir que os inmigrantes nos EEUU se rebelen contra as consecuencias. Máis ou menos, o mesmo que criticar que se limpe o monte e despois pedir máis medios antiincendios. Claro que defender o idioma propio é bo se o fan en Porto Rico e malo si se fai aquí.
(xoves, 4 de maio de 06)
Dende que existe a imprenta, coido que ten quedado máis constancia do ruido que montaron os que se opuxeron ós cambios, foran cales foran, que o ruido que dos propios cambios.
Efectivamente, os Bolivianos non teñen nada que perder; os que máis poden perder son os que máis teñen. Polo de pronto, en toda a feria de opinións, os que menos encheron o peito foron os propios de Repsol, ¿será porque teñen un as na manga ou porque saben que as súas razóns son as menos lexítimas?
Por certo, que nada que ver cos aloumiños que o presidente de Pescanova lle adicou onte ra RG á conselleira. Algúns non calan nin debaixo da auga.
E repetir unha e outra vez que os bolivianos non van saber administrarse, pobriños eles, e que teñamos que ser nós quen lle coidemos as vacas non vaia ser que estraguen o negocio.
E repetir tamén unha e outra vez os mil millóns que levan invertidos os de Repsol, pobriños eles, pero sen dicir xamais canto levan gañado.
O que vai resultar curioso de ver será a reacción dos sres. Kichner e Lula, tendo en conta que as outras dúas maiores empresas implicadas na historia boliviana son YPF (arxentina) e Petrobras, esta última de capital público e a maior extractora de gas en Bolivia. Veremos agora se a retórica vai acompañada de compromisos reais. Ogallá que sexa así.
Lembran o episodio dos dous directivos de Repsol en Bolivia acusados de contrabando duns centenares de miles de barrís de petróleo? Algúns en España levan moi mal a investigación e non dubidan en ameazar, por máis que a Xustiza boliviana sexa benevolente no caso.
Maravilloso Evo Morales.Non e doado atopar millores exemplos de democracia,xustiza e igualdade…
E se mo permite o dono desta leira,como non todo vai ser sHs,vou facer propaganda do Foro Social.Se tenen tempo boten unha ollada no http://www.athens.fse-esf.org
Outro mundo e posible!
Permito, non vou permitir. E xa que estou, engadiría a suxerencia de que Repsol podía chamar a aquel imitador da COPE tan simpático que se fixo pasar por Zapatero para falar con Evo Morales, para que o chame outra vez, o poña firme e amañe o asunto
PD. Por certo, xa cumprin pasando polo sitio daquel de Sao Paulo que recomendaron.
Xa vexo que está en todo e sempre trae os deberes feitos. Apertas,
Matías Bruñulf
P.S.- Non é por foder, Alfonso, pero se todo vai para adiante (que haberá que velo), está por ver se a nacionalización dos recursos propios redundará nunha mellor vida dos bolivianos. Seguiremos atentos.