baronesa, alcaldesa
Posiblemente non sexa nada grave, pero debería facermo mirar. Tampouco é que teña malestar ningún, pero síntome raro estando de acordo con xente como Carmen Cervera ou o príncipe Carlos de Inglaterra. Xa sei que tanto pode ser unha síntoma pasaxeira como que me estou facendo urbanoconservador.

Evidentemente, pódense facer todas as coñas que se queira co súpeto furor ecoloxista que espertou na señora Cervera o proxecto de reforma do Paseo do Prado que levará por diante uns centos de árbores. Mesmo nalgúns medios, informativos e dos outros, agora refírense a ela como se fose Tita Cervera (a) “Baronesa Thyssen”. E posiblemente no fondo da súa postura teña algo que ver a futura negociación da súa colección pictórica. Todo o que queiran, pero desde o meu particular e provinciano punto de vista, ten razón. E non porque teña analizado o moderno proxecto ó que se opón, senón pola experiencia que teño nesas actuacións. No Berbés de Vigo vin o outro día unha horrenda explanada/escalinata que, deseñada sen dúbida para “valorizar” o entorno, o que resalta é por unha parte o abandono do conxunto “valorizado” e por outra un caseto de información turística. Co conto da actuación urbanística valorativa, no porto de Muxía perpetraron unha especie de Vallecito de los Caídos/andén de estación á espera de que poñan o tren, e máis grande que a metade das casas que ten detrás. En Sarria tiraron un piñeiro de cen anos para facer… un xardín. E hai tempo, en Santiago o mesmo recoñecido arquitecto autor do polémico proxecto madrileño fixo un parque precioso de mirar e pouco útil para usar. O problema nestes casos é que se xuntan a fame de pasar á posteridade das institucións que fan os encargos, as gañas de inmortalidade dos que os reciben e a fartura de cartos que lles saen ata polas orellas ás administracións cando se trata de facer paseos, terminais aéreas e outras infraestructuras transeúntes. (Nese sentido é revelador que o alcalde Gallardón fale de que o Prado converteráse “en el mejor paseo de Europa”. De momento, o resultado de tanta obra foi a reflexión que fixo hai un tempo Danny DeVito nunha visita: “Es una ciudad preciosa, y lo será más cuando encuentren el tesoro”). Nestes casos hai que fiar con xeito, porque o malo son os extremos. O prestixio musical de Stockhausen está fora de cuestión, pero quizais non sexa o autor máis adecuado se do que se trata é de encargarlle uns arreglos actualizadores de Y digo Deportivo de Ghandi. E ó revés, deprimentes urbanizacións dos anos 70 están pespuntadas de farolas fernandinas que lle acaen tanto como ó Cristo de Fisterra un traxe de Supermán, pero das que os veciños están perfectamente orgullosos. En concluíndo, non é o mesmo facer unha intervención en Matogrande ca na Praza das Bárbaras, e se non hai a –sempre relativa- seguridade de que o resultado vai mellorar o que xa había, é mellor pensalo dúas veces, sobre todo porque nas maquetas sempre queda todo moi bonito.
Así que da un chisco folclórica actuación da baronesa Cervera saco tres conclusións: 1.- Que sociedade é a madrileña, que soamente dá xuntado mil persoas nunha protesta da que nos enteramos ata aquí. 2.- Que importante é todo o que pasa en Madrid que a unha concentración de mil persoas lle dan un par de páxinas nos periódicos nacionais, mentres en Vigo andan a romperse a crisma, e non pasa de conflicto “autonómico”. 3.- Que porra de jet temos aquí que non saca os pés do tiesto desde Pardo de Cela (coa excepción do difunto tenente xeneral Gabeiras, que se mollou contra a regasificadora de Mugardos.

(martes, 9 de maio de 06)

Advertisements