“350.000 españoles afectados, los Reyes en el Fútbol, Zapatero diciendo que España marcha muy bien y Zaplana preocupándose que castiguen a los policías y 350.000 familias con sus ahorros perdidos, más de uno sin dormir en la noche. Yo le digo al presidente que arregle este tema y por lo menos que nos entreguen lo pagado porque si no lo hace perderá las próximas elecciones”. Esta é unha das opinións verquidas na caixa de desafogos que abriu a edición dixital dun periódico sobre o rebumbio económico filatélico. O asinante non tería moito discernimento á hora de investir, pero é espilido como un allo á hora de resumir o estado da cuestión.

Eu, de neno, coleccionei selos. Pedíallos ós fillos de emigrantes e buceaba na súa procura nos caixóns das casas dos avós. Supoño que era un sistema de ter nun álbum anacos de todas partes do mundo, recordos de xente pasada que contaba a súa vida por carta. Para min, que o auxe da filatelia tivo que ver coa época en que xa se sabía do moito mundo que había, pero había poucas posibilidades de visitalo. Agora que hai micropaises que teñen na edición de selos para coleccionistas a súa principal fonte de divisas, e que as rarezas antigas deben estar xa a bo recaudo, non entendo como o mercado filatélico dá para que invista nel case un de cada cen españois. Claro que tampouco penso moito no asunto: o meu problema non é onde meto o diñeiro, senón máis ben de ónde o saco.
Con todo, o presunto estafado e declarado queixoso ten razón en disparar cara arriba. Coa tradición española dos macropufos (o estraperlo, Matesa, Sofico, Gescartera, Marbella…) é sorprendente que unha empresa que está entre as cen primeiras de España por facturación, un sector sobre o que xa había alertas de expertos e de organizacións de consumidores e unhas sociedades que entregaban intereses mensuais coma un banco (ben, máis ca un banco) camparan alegremente, reguladas pola mesma normativa de consumo ca unha charcutería pouco escrupulosa coa hixiene dos productos. Neste caso, e nunha chea deles máis (algúns ben próximos) parece que en cuestións legais o tamaño si importa: as leis soamente che afectan se non es o bastante grande. Como cidadán solidario, agradézolle ó Goberno iniciativas como autorizar o matrimonio homosexual, pero como cidadán egoísta rogaría que centrase agora a súa acción en medidas de igual cariz progresista e europeo pero de maior esforzo, como evitar que nos rouben a maioría das grandes empresas de servicios. E así de paso, evitariamos que pasara o que apunta a outra liña de pensamento do queixoso de marras: que o Estado –todos nós, aforradores ou gastadores- estea obrigado a resarcilos. No devandito foro dixital, alguén que se identificaba como asesor financeiro de Inditex (e non o debía ser, porque desapareceu ou non dei atopado o comentario) aseguraba que os activos de Fórum eran de 3.000 millones de euros, que cubren o 446% das obrigas contraídas cos seus clientes. Pero si se confirma que o Fórum e Afinsa eran dous negocios piramidais, no que os primos vellos cobraban co diñeiro dos primos novos vai pasar como pasou con Banesto, que teremos que apandar coas consecuencias dunha cegueira dobre: a dos controis da administración e a da prudencia dos accionistas.
Como me dixo na miña época coleccionista un tío meu, filatélico de verdade, “tes algúns exemplares que valen algo, sempre que haxa quen chos compre”.

(xoves, 11 de maio de 06)

Advertisements