O bo do Día das Letras (Galegas, refírome) é que se promove un debate ausente o resto do ano, como no Día da Fibromialxia se fala da fibromialxia. Curiosamente, o debate non é sobre a forma (a literatura galega), senón sobre o fondo (o idioma no que se constrúe esa literatura). E se a forma vai como unha moto, máis ou menos, todos os indicadores apuntan a que o fondo vai cara o ídem. Hai unha chea de estatísticas que o evidencian, pero abonda con unha: en cada xeración o seu uso baixa un 20% con respecto á anterior. E hai un dato pouco científico, pero para min revelador: o descenso na utilización é máis acusado nas mulleres. Elas son na maioría das sociedades as que se encargan da transmisión de valores, elas foron as que pasaron de inculcar mercadorías caducadas como o ardor guerreiro, así que se agora lle empezan a tomar o número ó idioma, que se vaia preparando.
A maiores, segundo outra enquisa, para a xuventude urbana, quen fala galego ou é de aldea ou do Bloque, o que en abstracto quizais non deixe de ser unha realidade, o que pasa é que en concreto as dúas razóns estaban consideradas como negativas. Se sumamos que boa parte dos vellos, por influencia franquista ou por experiencia, consideran o galego como unha desgracia máis que lles caeu enriba, o que temos é a curiosa situación de que todo o mundo está a favor do galego, sempre que non haxa que falalo ou deixar de criticar a quen o fala porque o impón. O mesmo que se podía querer que ascendera o Dépor, sempre que iso non supuxera deixar de ser do Madrid. A este estado da cuestión chamáronlle, nun debate no que participei a noite pasada, “bilingüismo harmónico” cando sería máis exacto definilo como “bilingüismo agónico”, no que os verdadeiramente bilingües son os galegofalantes que o son mentres non se lles cruza alguén –médico, parente da cidade, compañeiro de cuarto no hospital ou colega no traballo- que exerce de monolingüe en castelán.
Así, a noticia da creación dun cento de garderías presentadas como “galescolas” en vez de ser recibida como dúas boas oportunidades –a primeira, a creación de cen escolas infantís; a segunda a de que haxa nenos que escoitarán falar nun dos idiomas cuio dominio se lles esixe teoricamente ó remate da educación obrigatoria- foi acollida coa sospeita de que a ver se van ser “bloquescolas” ou ikastolas, esquecendo que as ikastolas naceron como entidades privadas cando o ensino público excluía o euskera, que o malo non é que ensinaran euskera senón algunhas actividades “extraescolares”, e que en definitiva estamos falando de nenos de menos de tres anos, ós que soamente se lles pode adestrar en que vaian facer pipí ó baño. Que eu saiba, en 16 anos de goberno Fraga ninguén falou de “ppescolas”, e as “cristoescolas” nas que ensinan que o divorcio e o condón son pecados están subvencionadas con diñeiro público.
Pero en, definitiva, que ben que hai debate, e desde aquí eu aporto a miña opinión sobre o futuro do galego. En castelán, para que non me adxectiven: Entre todos lo mataron y él solito se murió.
(martes, 16 de maio de 06)
De todo este lío das galescolas non entendo dúas cousas:
1.- Por qué non existe sinxelamente, na propia rede de escolas infantís, a posibilidade de establecer modelos lingüísticos en función da lingoa que escollan os pais e/ou do mapa lingüistico da área de ubicación.
2.- Por qué esta é unha iniciativa do vice de asuntos sociais e non de educación, como sería o lóxico.
Unha cousiña máis: supoño que a referencia ás “actividades extraescolares” nas ikastolas será unha ironía máis das súas (xa sabe que eu sonlle cortiño e non lle pillo nen a metade). De non ser así, téñame coidado que eso, ademáis do discurso da reacción, é radicalmente falso. De todos os xeitos, o feito de que no seu inicio as ikastolas foran unha iniciativa totalmente privada de autodefensa nos tempos chungos (agora están integradas na rede pública) é unha proba máis de que hai pobos e pobos (outra razón para a envexa da que falaba hai pouco).
Eu son algo máis cavernícola, e penso que a capacidade de decisión paterna/materna no currículo escolar ou como se diga debe ter limitacións claras. A ninguén se lle ocurre que os pais podan decidir se o seu pequeno estudia matemáticas ou non. Se as autoridades educativas deciden que é en galego, punto pelota, en expresión madrileña (e se é ó contrario, xa teño materia para varias columnas). Efectivamente, a Xunta debería establecer que as garderías
qué o do que se trata neste casopoderían ser todas en galego, pero supoño que habería problemas co profesorado que no te es capaz de hablar en gallego. A maiores, penso que a noticiaimportante dabondo en si mesmade que se crearán 99 garderías vestiuse como “galescolas” porque se non, non estariamos falando da decisión, e os medios e o PP non terían nada que decir. O preescolar depende de Vicepresidencia, e así empurran a Educación a moverse máis.O do galego é como o dos amigos gais, “todo o mundo presume de ter un”, pero logo que casen ou teñan fillos xa é outro cantar.
(vexo que lle deu tempo a escribir o artigo
Xa o tiña a medias, e no xornal son excesivamente comprensivos comigo no horario de entrega
cajo na cona, outro artigo sen posibilidade de réplica en ningun dos seus argumentos, isto xa preocupame seriamente. Un dato, a un fillo meu de 11 anos, na escola, rironse del os seus compañeiros porque empezou a falar en galego. Por outro lado, o seu pai non sabia que existía o galego ate que atopou con un de ERGA no colexio, os 14 anos. Imos a ter un pouco de esperanza, ainda que sea porque mañan é o día das letras.
Moitas gracias (supoño). Interesante
e patéticoo caso do seu pequeno, unha mostra máis do bilingüismo harmónico. En cuestión de atopar motivos de controversia, con razón ou sen ela, póñase en contacto con eSedidió, que é un especialista xa desde pequeno.Isto si que é triste, tamén:
Un rapaz arxentino de cinco anos falaba ghalegho con gheada, seseo e todo o que lle botases o ano pasado. Ía a un colexio rural. Este ano sorprendémolo falando español e ó preguntarlle por que xa non falaba galego dixo: “Yo siempre hablé así”. O neno mudara de colexio, estuda en Santiago. Como os pais son arxentinos e aínda non aprenderon o galego, o rapaz nin se acorda de que nalgún tempo falaba galego, nin era consciente diso. É do máis triste que presenciei nunca con respecto á lingua. De aí o importantísimo labor das institucións para prestixiar o idioma, porque aínda que na casa lles fales galego ós fillos, socialízanse normalmente en castelán. Coñezo outro rapaz que ten diglosia: fala galego sempre menos cando xoga, que o fai en español.
Así que a Xunta de Galicia comeza a resolver unha das necesidades máis importantes que sofrimos os cidadáns galegos, e o vicepresidente do noso Goberno converte unha medida social de puta madre nun instrumento ao servizo da identidade nacional. Desde logo, deixou ben claras as súas prioridades políticas.
Sr SHS, é vostede un túzaro e un malandro. Eu o único que pretendo é darlle caché e vidilla ao seu blog para que non esmoreza (tamén un pouco de glamur, pero eso xa o vexo máis difícil), e vexa vostede como me maltrata. Non, si xa me explico por qué os filántropos somos unha especie en vías de extinción…
E, visto que estamos en plan cuente su anécdota de las letras gallegas, velahí vai a miña, rigurosamente exacta: A pelea máis forte que están a enfrontar as/os profes dos institutos (ás profes chámanlles andereño, a eles NPI)de modelo D (para entendérmonos, os que imparten todo o ensino en euskera en plan inmersión lingüística) é conseguir que o alumnado fale en euskera, non só no recreo, senón o que é máis jevi, EN CLASE. I é que a xuventú xa se sabe, sempre tocando as piiiiii. Ao mellor sería cuestión de impoñer de novo o español para que os rapaces se pasaran ao galego, eu que sei….
Creo que non fai falla recorrer á súa intelixencia para anotar que me estaba a referir ao ensino en Euskadi. Si, xa sei que é cousa da idade, pero lembre que somos da mesma quinta
O que pasa é que uns levamos unha vida máis morixerada (signifique o que iso signifique) ca outros
Iván, a ver se explico ben o que antes supoño que expliquei mal. Non sei cales son as prioridades da vicepresidencia, o que supoño
supoño nada máisé que venderon o aspecto máis polémico para conseguir portadas. Tamén ignoro se coa polémica se fai un ben ou un mal á chamada causa do galego, mesmo podo pensar que un mal, pero os beneficios sociais quedan intactos.Boas medidas, tanto a social como a lingüística.
Para evitaren suspicácias políticas e darlhes uma nota de modernidade de mercado que sexa mais do gosto do PP da Galiza poderian procurar patrocinadores privados e chamarlhes blocacolas ou ikeastolas.
O de ikeaescolas é unha excelente idea (e exportable)e solucionaría alomenos o problema do mobiliario. Tamén se podería pensar nas zaraescolas, que xa hai unha en Arteixo.
SHS: podía “pendurar” aquí o artigo sobre ser galego que fixo nunha revista que patrocina unha famosa transformadora de lúpulo galega. Mexei coa risa.
o do “importantísmo labor das institución” que di Kate, como que non.
Nesta semana santa anduvemos pola catalunya e, salvo en Barcelona, todo quisque fala o seu idioma. Purqua?: exemplo que os meus ollos nunca viran na nosa terra, dixo si estou seguro.Na misa maior da catedral de Girona, o día do burriquito, como decimos en Vigo, coas palmas e os roupa mais cara que puden ver muns nenos (tipo principe felipe de nenino), o atrio cheo ate a bandeira (catalan,por suposto) de burgueses no senso autentíco da palabra, o catalan era o único idioma que se escoitaba entre o xentio tipo Hola. Iso é o prestixio dunha lingua e o demais mariconadas.
Aivai, Kate, esquecérame do asunto (a verdade é que hai algún refrito dos sihomesis). Diante da ignorancia do link (¡atención, Mourullo!, ¡proba a superar!) procedo a postealo.
(Por certo Kate, ¿sabe por que eses amigos seus non incluiron o caso do neno arxentino nun tal programa?)
Forma e fondo: non sei, eu entendo que a forma é a lingua e o fondo é a literatura (falando do Día das Letras, ollo, pero tamén doutras xornadas máis ágrafas).
Nais/mais: benditas sexan, mais, ao igual que os pais, non hai que esquecer que uns e outros (falo dos galegofalantes) educaron ao seus fillos en español (que levanten a man as excepcións). Claro que influirá en todo esto o descenso de nais galegofalantes, pero daquela maneira…
Kate: hai algún máis crecidiño que tamén fala sempre galego menos cando fode; supoño que algunha haberá tamén.
Qué bo o das “cristoescolas”.
Identidade nacional: qué medo (de expresión ou palabros, digo).
sihomesi: creo que non hai link “kañero” do seu artigo, que non existe. Proba superada?
kate: mencionou vostede a revista patrocinada por esa “famosa transformadora de lúpulo galega” e lembreime dunha bonita polémica na casa virtual de “un saludo desde Ourense”.
Público en xeral (e eSedidió en particular): a miña experiencia máis directa co tema de ensino foi como alumno en varios cursos de lingua galega para persoal da Administración Xeral do Estado. ¡O que un pode chegar a escoitar unha e outra vez dalgúns arrebatados compañeiros de clase, auténticos hooligans do autoodio, sobre “para qué sirve el gallego”, “por qué hay que aprenderlo” e outras dudas metódicas polo estilo! ¡E aínda estou por escoitar o primeiro argumento dalgún profe que non sexa lingüístico ou xurídico! Estaría moi ben que fosen por alí, a poñer a orella, eses que tanto falan da politización das aulas por parte do nacionalismo galego…
E mira que non avisar de que saía na tele…
hein, sr. mourullo??? como dí o dilecto sHs falando do policía venezolano, no se me alse. Ou moi mal me explico ou non entendo a qué carallo ven esa dedicatoria particular das súas diatribas sobre os que se autononseiqué nos cursiños eses tan graciosos da xunta. E digo graciosos porque en realidade durante anos non foron máis que a coartada moral dunha administración á que o idioma importáballe (agás excepcións, supoño) un carallo ou menos. Cursiños aos que a xente vai pillar polo xeral puntos valispar para as súas promocións internas e que non teñen dado absolutamente ningún resultado na consolidación de normalización ningunha. Conque non se extrañe dos comentarios.
E por propia experiencia dígolle que o realmente complicado era conseguir algunha axuda pública para a normalización interna nunha pequena empresa (cartos había, pero ían para campañas publicitarias de empresas coñecidas, que é o que da caché). E pódolle asegurar que non é gratis nin en tempo nin en cartos (a satisfacción por facelo sen axuda externa non figura na conta de resultados).
En canto ao do autoodio, eu ¿sabe? odio esa palabra.
Prezado eSedidió, a dedicatoria non era polo contido do que vostede afirmou no tema lingüístico. Era, despois das alusión directas a outra xente por cuestións concretas (SHS, kate) só unha forma de consideración para destacar a quen pretende “darlle caché e vidilla” a este blog “para que non esmoreza. E para recoñecer o seu intento de”un pouco de glamur”. Que mellor entón que unha dedicatoria particular. O que eu non sabía é que vostede o podía interpretar desa outra maneira. Desculpe entón.
Non, desculpe vostede. Como isto siga así vou ter que ir facermo mirar…
Alvarez, mesmo en Catalunya aínda se precisa das institucións para que cando alguén entre nese país, saiba que alí se fala unha lingua e que se queres traballo que menos que o respectes e o fales pouco a pouco (sen crispación, iso si). Imaxine aquí, que por nós mesmos non facemos nada, se as institucións non axudasen. Outra cousa é que o fagan ben. Se mareamos máis a lingua acabaremos por vomitar, e incluso eu, que son galego falante, acabarei por mandar todo ó carallo (e terei non autoodio senón odio de como se utiliza o galego politicamente etc)
SHS, non entendo a pregunta do rapaz? di vostede no vtr que botamos o outro día? se é así, porque só fomos a un colexio, ó de Vedra, e ese non estaba aí.
Matías Bruñulf: Haiche diglosias para todo, hahaha.
Ten moita razón,sHs,o galego esmorece,e o máis triste é que a decadencia vai máis rápida canto máis se acelera a renda dos galegos.Deste xeito a fenómenos positivos do desenvolvimento económico como son as fresas con nata,as visitas ao médico ou os títulos de bacharelato,habería que engadir o monolingüismo en castelán.
Normal que as mulleres non falen máis galego.Elas son as máis vulnerabeis a todos os mecanismos de represión social,así como os elementos máis constructivos e traballadores da familia(Non se perdan VOLVER )
Sería preciso artellar un marco xurídico que:
-Recompensara o estudo do galego.Un da mina clase decía que el estudaba idiomas para botar polvos.O tipo era bastante macarra,pero se cadra o enfoque pedagóxico ten moita miga.
-Non tena como alicerce ideolóxico a supremacía de lingua ningunha.
Mesmo facendo as cousas ben,non sei se será posible rachar en 4 anos co autoodio de moitos séculos.
Por outra banda non coido que sexa bo para o galego a defensa duns tipos que:
-Aproveitan a lingua para liberar frustracións persoais e atacan a outros sen intención de achegalos ás súas posturas.
Van de intelectuais,meten rollos marxistaleninistas e tenen menos ideas novas que os progres dos anos 70-Dalles por sublinar un país centralista,conservador e relixioso,e unha economía e unha sociedade atrasadísimas:Portugal.
Sr. Pardo, estou singularmente interesado na súa proposta de recompensar o uso do galego vía incremento da (miña) vida sexual. Faga o favor de desenvolver máis o conceto que me (nos) ten en vilo
Kate: referiame ó VTR, que estaba moi ben e os rapaces tiñan moita coña (sempre a teñen, e máis os do rural, quizais porque de momento están menos tele-maleados, igual que os adultos). Quero decir que, ademáis dos VTrs pensados para “dar color”, sería interesante
aínda que máis traballosoincluir mostras de casos particulares, sobre de todo de casos particulares tan ilustrativos de por onde vai a cousa.Sr eSedidió,non me faga falar que,ou quedo sen dereito de admisión, ou ao blog clasifícano X.
Eu agradézolle o seu interés na miña atrapallada liña argumental,pero….póñase á cola que eu cheguei antes
Home,para que vexa que eu defendo unha estratexia inclusiva na promoción da cultura galega,admitireino no clube “Os amantes da lingua”. E xa sabe,o importante é non perder a esperanza(no futuro da lingua,enténdase)
PD.Para coller ánimos escoite “Já sei namorar”dos Tribalistas.A min non me falla nunca.
Agradézolle moitismo a súa xenerosidade, Sr. Pardo. Espero estar á altura (no emprego da lingoa, por suposto). Á xente provecta coma min polo que vexo non nos queda outra que dedicarnos ao cultivo de disciplinas coma esa ou o fomento da cultura dixital, que tamén é moderna abondo. Á xadinería non, que se emporcan as mans e pódense sofrer accidentes (como o que lle pasou ao Sr. Miguez)
PS Para coller ánimos prefiro calquera do Abrunhosa, que resulta máis afónico e padezo da tensión.
Kate, perdoe, pero eu dou por evidente que si as institucións autonómicas que existen e cobran (e como cobran) porque existe unha lingua chamada jallejo, o mínimo é que o promocionen e defendan. O autoodio non só é un problema noso, mire para os burgueses e mandamais portugueses e vera unha casta avergoñada de ter unha lingua que só falan africanos. A lingua, como a terra, é unha opción persoal cando desgraciadamente tes uns coñecementos (que non estudios)que te levan a tomar decisións básicas como onde vas a traballar, vivir ou como e con que vas a falar, e en que lingua. E para o noso proletario idioma, só teño un argumento dende neno “porque si, porque me peta e dame a gana” co resto do poema xa non estou moi de acordo. E xa sabe a socioloxia barata (pero non menos verdadeira) que nanexamos, os pobres queremos ser como os ricos, normal ¿non? e éstes aqui xa se saben o que falan, e aqui está o cerme do pesimismo.
SHS: souben do caso do neno este que esqueceu o galego despois de ter ido gravar os outros. Do contrario, non dubides que o tería proposto como caso sangrante de perda de falantes a curta idade.
Non era para rifarche, muller, nin para queixarme. O que pasa é que son bastante contrario a incluir nos telexornais esas opinións da rúa que, ademais de non ter valor sociolóxico ningún, tampouco aportan nada por ser planas de todo. Quero decir que, postos a metela, teñen que ter “algo” (curiosidade, retrato axeitado da situación,…). Pero tampouco era o caso, ou sexa que deixa.
Si, eu tamén son moi contaria a iso. Non pasa nada, xa o deixo.