Vostedes estarán coa resaca do Día das Letras Galegas (DLG), escangallados por ter disfrutado dun festivo coa mesma ansia como se fose unha fin de semana enteira, pero peor estou eu, que estou sachando na tecla o propio festivo. E dito esto, chega de queixarse, non convén chorar máis, como dixo hai medio século Luis Pimentel e onte mesmo Anxo Quintana (proba de que ó pobre Pimentel non lle fixemos moito caso, e eso que era médico). En resumo, a chorar á casa-cuna, que din por aquí, porque o DLG está moi ben, pese ó que se diga ou digamos.

Está moi ben, porque o do DLG ocurriuselle a don Paco del Riego como medida reivindicativa e a ver se colaba de sacar á luz a autores e ideas que daquela levaban camiño de seguir soterrados per sécula seculorum baixo das tebras. Aquela proposta de don Paco e os colegas de airear os fondos editoriais en mesas paraclandestinas na rúa converteuse nunha das celebracións non estrictamente comerciais nin holliwoodenses máis participativas do mundo occidental, comparable e certo sentido ó día de San Patricio. celebran o DLG colexios, universidades, asociacións de veciños e de amas de casa, urbanas e rurais, multinacionais e comunidades de propietarios, e este ano mesmo o Ayuntamiento de La Coruña/Concello da Coruña. Como esto siga así, sumaranse desde a hostalería de alterne á embaixada de España no Vaticano, por citar extremos. Un abarrote no Parrote, por seguir coa tradición oral local. E todo en apenas 40 anos de traxectoria. Os Día do Pai e da Nai, celebracións con tantas orixes no albor dos tempos como queiran, non colleron pulo universal ata que o goberno ou congreso dos EEUU non lles deu o espaldarazo oficial (en 1924 e 1914, respectivamente).
A proba de que o DLG está consolidado é que, nunha sociedade tan institucionalmente débil como a nosa, permite debates sobre se ten que ser festivo ou laborable; soporta que se lle dedique a figuras de tan discutible relevo literario como don Manuel Lugrís Freire, a pesar da industria cultural tan cativa que temos e suscita despliegues dignos de Champions League nun sistema mediático como o presente que se permite ignorar olímpica e democraticamente tanto ós fenómenos creativos xa consolidados como os emerxentes e ós aínda subterráneos. Mesmo atura o empoleirado DLG polémicas sobre como debería ser reformado, propostas sardónicas sobre a posible escaseza futura de homenaxeables e incluso que algúns sectores dos chamados comprometidos pasen por completo do asunto como se non fose con eles. Ou sexa que albricias e pantrigo (segundo expresión da tradición oral non local), porque por un lado o fenómeno ten percorrido, como se di agora, e por outro existe a creación cultural galega completamente á marxe.
O único problema é a ver se a cousa acaba como lle pasou á promotora norteamericana do Día da Nai, Anne Jarvis, que se fartou tanto da deriva comercial do asunto que comezou unha campaña en contra e ata foi presa por provocar disturbios nunha celebración. Non creo, porque aquí a deriva comercial está máis que controlada.

(LA OPINIÓN, xoves, 18 de maio de 06)

Advertisements