Quéixanse os ciclistas de que volve estar de moda o seu deporte, e non pola épica dos esforzados da ruta e pola lírica da serpe multicolor, senón por mal, polo novo escándalo do dopping. E quéixanse con razón, con tanta que é doble: unha porque os meten a todos no mesmo saco e outra porque os meten os que os ven matarse a pedaladas na tele mentres se mazan a cañas ou copas de coñac. E deberíanse queixar por unha máis: polo agravio comparativo que sofren con outros profesionais do deporte virtual, os futbolistas, alomenos os futbolistas dos equipos italianos.

matrix

Posiblemente neste punto é cando xurden as protestas por chamarlle ó ciclismo “deporte virtual”, pero percorrer nunha bicicleta o traxecto a Coruña-Vigo pode ser deporte, pero facelo vinte días seguidos é algo máis parecido ó espectáculo dos gladiadores do circo romano. Está claro que para prestarse a facelo voluntariamente e sen excesivos cartos polo medio, algo hai que tomar. Ben para que anule o instinto de conservación ou para que fortaleza os músculos. Se eu me vira na obriga ou na devoción de ser ciclista, ademais de someterme a prácticas tan truculentas como deixarme poñer unha autotransfusión do meu propio sangue requentado, o que máis me amolaría sería que me criticaran eses seguidores que sudan co esforzo de pedir outra copa.

E agora sabemos que o fútbol italiano non é que fose pelma e amarrón por unha curiosa característica nacional, senón por outra non menos típica: a organización mafiosa. A falta de atractivo do calcio viña dada porque estaba organizado por un ex ferroviario que controlaba ós árbitros, as tarxetas que se sacaban, a boa parte dos clubs, dos xogadores e dos policías encargados do xogo limpo, e mesmo ó tipo da moviola televisiva. O tal Moggi recibía unha media de 416 chamadas diarias á ducia de móbiles que tiña, o que supón, concedéndolle seis horas para durmir, unha chamada cada dous minutos e medio (sen contar o que falara en cada unha, nin as que facía el). Un tipo así pode ser un gran emprendedor que monte un imperio empresarial, pero non un espectáculo creativo. Aquí, naturalmente, non pasa nada parecido, quitado nas paranoias dos antimadridistas corroídos pola envexa. Pero o que parece evidente é que o futuro do fútbol é o dun espectáculo montado a maior gloria duns adolescentes malcriados, cun umbral de frustración mínimo, uns presidentes que non son italianos porque non poden, e unha morea difusa de espabilados que viven desto porque xa non hai estraperlo e o que saben facer non está no catálogo de empregos do INEM. Todo soportado polo desembolso duns paganos ós que tanto lles ten consumir Beckham como David Civera.

     Caian do guindo. Aquí o único real son os rapaces que pasan as fins de semana escocéndose riba dun sillín, os que soportan horas de coche e vestiarios sen auga quente para xogar un partido para cento e pico de espectadores, e os <a href=\"http://es.biz.yahoo.com/23052006/4/rsc-marcas-deportivas-pagan-millones-estrellas-mundial-vulneran-derechos-laborales.html\">nenos </a>de por aí adiante que cosen balóns a 50 céntimos a hora para que os deportistas virtuais fagan figuritas con eles nos spots de televisión. O demais é matrix-sport.

(LA OPINIÓN xoves, 25 de maio de 06)

Advertisements