Inmersos en debates cruciais como o da saúde deportiva da selección española a raíz do partido contra Rusia, ou a de Rocío Jurado despois das declaracións da Ministra de Cultura, posiblemente se lles escapou o detalliño do Centro de Estudios Galegos de Rennes (Bretaña), no que despediron á lectora de galego por criticar que alí o único relacionado con Galicia era a orixe da transferencia bancaria mensual. Non é raro que se lles escapara. Igual que na trama da Deputación de Lugo, na que o problema parecen ser as poucos discretas formas do fiscal, este asunto é un exemplo daquel proverbio adxudicado ós chinos de que cando alguén sinala a lúa, os parvos reparan no dedo.
Os Centros de Estudios Galegos son unha especie de embaixadas culturais polas universidades do mundo adiante. Hainos de moito prestixio, como o de Oxford, que dirixe John Rutherford, ou do de Tréveris. que leva Dieter Kremer. Dispoñen dun lectorado e dependen da Secretaría de Política Lingüística. Olga Novo, unha poeta nova e din que boa, levaba dous anos en Rennes e estrañoulle que en todo ese tempo o máis parecido á difusión da cultura galega que programaban alí eran seminarios sobre La Regenta ou ciclos de cine galego que incluían a proxección de La Colmena e El Rey pasmado. Olga, pese a que digan que é boa, denunciouno sen reparar en que La Regenta transcorre aquí ó lado, en Oviedo, e que as películas citadas baséanse en obras de Camilo José Cela e Gonzalo Torrente Ballester. Consecuentemente, despedírona. Sorpresa non debeu levar, porque ocupaba o posto gracias a que o seu antecesor, Manuel Blanco, dimitira despois de denunciar exactamente o mesmo. En resumo, dous castigados por non aprender de nenos que non se sinala co dedo.
O que pasa é que alguén, institucións afectadas ou opinión pública, debería botar un ollo á Lúa. A Lúa, o responsable do Centro de Rennes, é un tal Moisés Iglesias Ponce de León, do que unicamente se publicou que é riojano e profesor de español na Universidade bretona, e se calou tanto a súa relación con Galicia como quen o puxo alí e por que. Metendo tan campanuda filiación (Moisés etc.) no Google, aparecen 14 mencións súas (de Olga Novo aparecen 11.500) que nos revelan que Moisés etc. debe ser un xeólogo autor do traballo universitario Contribution au lexique de la couverture en ardoise en Espagne (“Aportación ó léxico da cuberta de pizarra en España”) en unión de Jesús Lago Garabatos. O feito de que o coautor do seu traballo sexa catedrático de francés na Universidade de Compostela e a importancia do sector pizarreiro de Valdeorras (Ourense-Galicia) deben ser os vimbios de galeguidade cos que se fixo o cesto no que este Moisés navegou polo río ata que o apañou a Secretaría de Política Lingüística, o adoptou e lle deu o cargo en Bretaña.
Que conste que non estou discutindo os méritos mosaicos para cargo ningún. Que se ignoren non quere decir que non existan. O que me estraña é que non se lle discutan os resultados, igual que ó delegado aquel da Xunta perdido e atopado en Florianápolis (Brasil), que posiblemente fose un fenómeno, pero aínda non sabemos en que. Por teimar nas comparacións astronómicas, e retorcendo algo a Óscar Wilde, estamos todos metidos na lama, pero algúns deberían mirar de vez en cando ás estrelas. Alomenos os que teñen responsabilidades públicas.
(LA OPINIÓN, martes 30 de maio de 2006)
O detalle estaba ben amarrado (polo menos, a través da rede e, por mediación desta, dos xornais galegos) pero agradécese a ligazón ao artigo de Ferrín (que saberá de algo, polo que fala, e por iso poría de manifestó a xa suposta incompetencia do pizarreiro, aínda que só fose por comparación cos persoeiros que menciona na súa columna e que vostede reproduce na súa). E sen medo a que un engadido sexa redundante, a historia esta é de vergoña. E respecto ao Toño, poderíase falar algo máis…?
Polo demáis, a saúde de Silvio non mellora.
Quizais si ou non, pero ignoro quen ven sendo o tal Toño. Aproveito para mencionar a David Mackenzie, outro excelente director de CEG
Como se amplíe a Operación Muralha a todos os organismos e institucións públicas haverá que procurar destinos fora do orbe da Cristiandade.
Agradécese a actitude de Olga Novo mas non ten menos mérito a demisión de Manuel Blanco.
O tema de Olga Novo non é novo nin extraordinario. É certo que non é a situación maioritaria dos lectorados de galego, pero tampouco é a única nin unha excepción, e iso sábeo todo o que saiba algo do asunto. Se é algo común e coñecido, por que non se denuncia máis amiudo?. A diferenza está en que Olga Novo ten unha praza de profesora nun centro de secundaria en Galiza, o que supón que non ten por que sacrificar a súa dignidade por comer tres veces ao día.
O efectivo mecanismo de control que supón a necesidade de comer tres veces ao día foi unha táctica moi explotada polo PP, o que sorprende máis é que membros dun goberno supostamente socialista se agarre á precariedade laboral como único xeito de aforrarse críticas, como o mellor garante de ter amordazados aos seus subordinados. Porque a consecuencia a ninguen se lle escapa: se algún lector inocente pensaba que agora con Marisol xa se podía decir o que co PP estaban obrigados a calar, xa sabe que a lei é a mesma: o que proteste non renova a bolsa.
Nos últimos Encontros de Normalización linguistica que organizou o Consello da Cultura Galega xa houbo unha ponencia sobre a función e situación dos lectorados nos que se denunciaron situacións como as que agora denuncia Olga Novo, que veñen xa e vello. Mesmo se comentaba un caso no que o director do centro gastaba os cartiños dos galegos e n organizar concertos de música de cámara (e non penso que as pezas fosen de Marcial del Adalid). Por iso sorprende que cando salta a lebre á luz pública ninguén diga esta boca é miña, e que a única aparición dun lector sexa para lle quitar ferro ao asunto e lavarlle a cara á Xunta, en vez de dicir que casos como o de Rennes, malia seren minoritarios son moito máis frecuentes do que sería desexábel, e que o problema non se solucionará até que os lectores teñan garantías de poder dicir (non digo publicamente, senón a nivel interno) que as cousas non funcionan sen que iso implique que perdan o seu posto de traballo.
Pois para saber do de Florianópolis (que non Florianápolis ) meta “Juan José Maria Lago” no Google e coñecerá algunha que outra
das súas andanzas.
(Vaia este post dedicado a Berto Yáñez que me chamou (debuenrollito) “trol de sihomesi” no fedello de chuza!)
Pode que eu sexa un parvo e os proverbios chineses moi sabios pero cando alguén me sinala a lúa eu o que miro é onde ten a outra man.
Moito máis útil, desde logo. O que sexa, con tal de non mirar o dedo
Levo todo o tempo dende que se publicou esta mordendo a lingua para non intervir, pero é que non podo…. Sr SHS, aínda que pense que alboroto por alborotar, eu sempre pensei que, cando alguén sinala a lúa, o realmente interesante é mirar para o dedo.
Dá noxo escoitar estes contos.
É milagroso que siga a haber tantos extranxeiros con tanto amor a Galiza.Pero así están as cousas,o millor que vin na miña vida,Jonathan Dunne,e que me desculpe o señor Rutherford,non tiña máis que portas pechadas e poucas axudas.
E deixando as traduccións para falar de política:
Embaixada en Irlanda xa! Edilberto embaixador!
Encantadora e sensible persoa, sí señor. Xa vexo que callou forte o do noso crooner, eh?
Ja, ja, ja…