Todo nesta vida ten a súas servidumes. Ataco esta columna sobre o Debate del Estado de la Nación (DEN) co mesmo entusiasmo co que afronto as visitas ó dentista. Son obrigas suponse que inevitables, e a de opinar sobre os intríngulis do DEN debe selo, porque o fai todo o mundo, e algúns incluso despois de soportalo atentos e tomando notas. Particularmente, o formato paréceme tan caduco como o da Copa do Rei, e as consecuencias de ganar ou perder igual de irrelevantes, coa diferencia de que no debate non existe a posibilidade de que triúnfe un equipo pequeno.

O DEN como xénero político-audiovisual creouno Felipe González coa intención de fomentar a presencia social do Parlamento ou coa de conseguir que Fraga aparecera moito e seguira cavando o seu propio pozo político. Daquela a cousa pitaba porque era unha novidade, os protagonistas e os asuntos a debate tiñan máis altura (máis ou menos, a mesma evolución que Gran Hermano). Agora, como a clase política anda todo o día a intercambiar fogo cruzado, chegan ó DEN completamente extenuados, coa munición gastada e sen máis remedio que acometerse á baioneta ou limitarse a decir “pum!” desde a respectiva trincheira. En anos anteriores optaron maioritariamente por trabarse corpo a corpo, pero nesta ocasión escolleron o de facer que disparaban. De feito, os temas a debate oscilaban entre o todo –“¿que es España?”- e a nada –a inseguridade-, que é unha maneira de asumir que non se vai discutir.
O de que é España é un asunto metafísico de máis para debater noutro lugar que non sexa un seminario filosófico, ou o bastante primario para que non saia do foro dunha barra de bar. Os teóricos do asunto van desde Paquita Rico e outras (sector primario inocuo) ata José Antonio Primo de Rivera (sector metafísico pero práctico). Primo de Rivera (que para os non avisados non era parente dos Hijos de Rivera, a pesar de que a avenida que lle dedicaron na Coruña está preto da Estrella Galicia) acuñou a famosa definición “Una unidad de destino en lo universal”, cuia aplicación práctica foi destinar ó máis alá ós refractarios a ese concepto. Daquela vén a desgana xeneralizada en polemizar sobre o asunto. O debate colateral sobre a “situación de España” (a punto de romperse ou en estado harmónico, patas arriba ou en evolución consolidada) é outro exercicio retórico, porque que saberán de situacións reais xentes que aseguraron que a vida non subiu coa entrada do euro.
No que toca á inseguridade, e con todo respecto ós afectados, que nos van contar a nós de roubos en chalés. Aquí cada X anos prodúcese unha chea de asaltos a casas de aldea onde viven patróns ós que maltratan ata que lles sacan en que viga gardan os cartos. O que pasa é que os vellos non chaman ós medios de comunicación nin se queixan ó seu deputado. E quizais os medios de aquí non contribúen bastante á alarma social pregoando conceptos como “banda organizada” (calquera banda o é, quitado as agrupacións locais dalgúns partidos) ou aplicándolle a descrición “vivían como guerrilleros” a unha tropa que se agachaba nun monte, cun botín que na maioría dos casos nin cho levan da casa os do Centro Reto.

E todo eso para zafar de asuntos que saben que non poden amañar, como a onde vai parar o euribor, se é que para.

(LA OPINIÓN, xoves, 1 de xuño 06)

Advertisements