O outro día tiven que facer unhas xestións coa administración autonómica. Nada do outro mundo, un tema de papeleo. Como todos os inseguros, repasei unha chea de veces os documentos a adxuntar, a ver se faltaba algún. Logo asaltoume a dúbida propia dos que non temos especial relación coa burocracia: ¿o prazo de entrega inclúe ou exclúe a data límite? Chamei ós servicios centrais para resolvela. Atendéronme á primeira, pasáronme de contado co servicio axeitado e sacáronme da dúbida (a data límite está incluída no prazo), todo en galego. Xa saía pola porta cando me decatei de que non consultara outra parvada. Dábame corte chamar outra vez á Xunta e marquei o número da delegación coruñesa. Non contestaban, así que chamei á doutra provincia. Alí colleron: “Sí, un momento que le paso…[ruído de tecla]… Teresa, ¿como se pasa una llamada? ¿Puedes coger aquí?” Teresa resolveume –en castelán- a dúbida. Cando por fin, recontados os documentos e resoltas as dúbidas me acheguei a entregalos, non puiden adiviñar en que idioma me atenderon (é decir, non me atenderon en ningún, colléronos e santas pascuas), pero de fondo escoitábanse : “ya le dí a aceptar, ¿y ahora que hago”.
Se a miña experiencia tivera valor estatístico, concluiría que na Xunta hai funcionarios eficientes e ineficientes, amables e rudos, que che responden no que lles falas ou en castelán. Tamén que predominan os do castelán e que hai unhas certas carencias respecto ás novas tecnoloxías. Imaxino que para remediar os defectos está ese proxecto/ameaza do ministro Jordi Sevilla de vencellar dalgunha forma na función pública salarios e productividade. Para remediar o caso chocante de que unha administración –e máis se é a autonómica- non garanta o dereito dos cidadáns a ser atendidos na lingua que usan, están as probas esas nas que, segundo rezaba un titular de días pasados “se va a imponer el gallego” (redactado supoño co inconsciente de que el gallego se impone, el castellano se supone). En xeral, hai que estar a favor de todas cantas medidas se adopten para mellorar a eficacia da función pública, pero como eu non dubido da capacidade de traballo da maioría dos funcionarios nin da súa preparación –nin siquera da súa preparación informática- co que me conformaría é que se acabara a impunidade. Efectivamente, a impunidade, a falta de responsabilidade ante a lei, e non por delictos graves, senón por faltas ó propio servicio que teñen que dar.
Nos últimos días recollín tres no sector que teoricamente debería estar máis suxeito ás normas: a xustiza. O primeiro, relacionado coas novas tecnoloxías, a dun maxistrado estremeño que se negou a admitir o DVD dun xuizo que lle enviara un xulgado acompañado dun resumo, e esixiu a transcrición en papel. O segundo, outro colega seu que non admitiu un informe dos Mossos d’Esquadra porque estaba en catalán. (O Poder Xudicial non viu falta ningunha nos dous casos, porque a axilidade da xustiza ou os dereitos doutras institucións non van con el). O terceiro caso pasou supoño que aquí. A sentencia do crime de Monfero estaba asinada por unha inexistente Audiencia de La Coruña/A Coruña e datada na mesma cidade irreal, se lle facemos caso ás reiteradas decisións xudiciais. Así que xa me dirán con que razón se lle vai esixir a un auxiliar administrativo que manexe un ordenador.
(LA OPINIÓN, martes, 6 de xuño de 06)
Eu que son funcionario pódolle contar algunha surrealista, como por exemplo que teña que vir o técnico informático porque non vai a computadora e o problema era que non tiña presionado o botón da pantalla ou chamálo e dicirlle que malia poñerlle o contrasinal non lle deixa entrar, e responderlle o técnico: pero home mira se tes o botón das maísculas posto, e voltar a dicirlle ¿e iso onde está? Pódolle asegurar que son reais e non inventadas.
Esquecíame, estiven uns meses na Xunta nun carguiño que me deron e que rexeitei hai pouco, asegúrolle que onde eu estaba de 24 funcionarios que alí traballabamos só falabamos habitualmente en galego 4, coa particularidade que os outros tres se lle falaban en castelán, cambiaban o castelán.
Cada vez quedamos menos, mais seguiremos coa liturxia galaica ata o final. Por certo, a propósito do de onte no Hai debate, aquí pola “Ziralla” ao Antoñito Rodríguez Miranda coñocémolo polo concelleiro que ten o nome de pasodoble español ¡Hai que ter valor para facer a defensa que o do pasodoble fixo da Cidade da Cultura!
Un comment que non ten nada que ver con este post, pero é que hoxe sufrín con vostede na tertulia de Tino, que paciencia tivo con Elisa Madarro… Eu creo que marcharía e a deixaría alí, ladrando a súa rancor polos recantos… Como son estes do PP, e iso que, como vostede dixo, o PP galego non creo que estea moi dacordo coas ideas de Acebes, pero esta parece pupila súa.
Como pasa sempre, unha cousa é o que o sosteñen coas cámaras diante e outra fóra do foco. Que é o que máis me amola, porque sempre hai xentiña que cre nesas predicacións