alcalde de Toques
Para todo hai que valer. Eu souben desde hai tempo que non valía para profesor de autoescola, xuíz ou médico, e antonte confirmei que tampouco serviría para avogado. Antonte asistín en calidade –é un decir- de denunciante ó xuízo de faltas contra o alcalde de Toques por aquel chusco asunto de hai dous anos e medio, cando aparecemos dúas ducias de xornalistas na casa consistorial na inxenua crenza de que ía dimitir logo de que o condenaran por abusos sexuais a unha menor. Si se acordan, resultou que non soamente non dimitiu, senón que nos botou de mala maneira do salón de sesións, axudado por uns secuaces, ó becerreiro modo, a golpes e a gorrazos.

Describo así aquela situación porque teño o recordo do vídeo que gravou o meu compañeiro, onde vin ducias de veces repetida a conducta rufianesca que eu, neto de labradores, sempre pensei que era radicalmente allea ó noso mundo rural. Do visionado saquei a conclusión que a triquinose ou o mal das vacas tolas non son o único que as bestas poden transmitir ós humanos. A impresión debilitouse cando os vin alí sentados, ó vello que nin enchía o traxe acompañado do comando túzaro, incluído aquel ó que a tropa de denunciantes alcuñamos como Pucho Boedo non por cantante senón polo seu dominio do pucho á hora de tornarnos do pleno. Alí estaban, serios como estoas, como se estiveran na misa e os obrigaran a sentase nos primeiros bancos, nos das vellas. E volveu outra vez en canto o interrogou o seu avogado. Resultou ser que aquela ánima bendita, a instancias dos seus veciños, xente noblota e pastoril que se sentía agredida por tanto trípode e tanto cable, nos pedira por favor que desaloxaramos a sala, e os golpes producidos e levados foran os propios de calquera tumulto. Como a traxedia do estadio de Heysel pero a escala de casa consistorial de Toques (A Coruña, por si alguén ten dúbidas de en que continente tiveron lugar os feitos).
Foi nese momento cando tiven a revelación divina de que nunca podería ser avogado. Asistín a bastantes xuízos e sobre todo ás declaracións de acusados, algúns de crimes tan descarnados que, logo de ler o informe fiscal, daban ganas de arrearlles co banquiño na cabeza. En ningún caso recordo que as súas declaracións –normalmente, variantes do “non recordo”- me incrementaran as ganas de tirar de banquiño. Pero no forno do xulgado de Arzúa aquelo pasaba antes e despois de uns e outros visionaran o vídeo onde se vía claramente a actuación completa do comando túzaro. Nese caso, eu sería un avogaducho que tatexaría decindo: “o meu representado tiña un mal día, estampou ó coche e pola noite non durmira, sexan comprensivos”. Aínda que algo debía ter sospeitado cando a acusación era por un delito de faltas (a Pepe Castro o de Ponteareas inhabilitárono seis anos por un delicto contra a libertade de expresión por retirar dun recinto municipal uns folletos, e nin siquera a patadas). O momento chave do asunto foi cando o xuíz lle preguntou pola súa actual ocupación. “Alcalde”, dixo todo rufo. “Ah”, dixo o xuíz, como sorprendido. É para estalo, tendo en conta que sigue –e probablemente renove- de alcalde, mentres a que se tivo que ir foi a abusada. Nin me estrañaría que o absolveran.

(LA OPINIÓN, xoves, 8 de xuño de 06)

Advertisements