Se en algo estamos todos de acordo, os que pensan que ZP sigue a estratexia de ETA e viceversa e os que consideran que oxalá as tácticas de ZP e ETA deberían aproximarse, os que reciben o Mundial de Fútbol como ó Santo Advenimiento e os que o asimilan á chegada do Anticristo, é que o urbanismo debe ser sostible.
Por exemplo, esta semana, a Federación de Promotores de la Edificación y del Suelo de Galicia (Feproga) que debe ser unha organización moi importante por moito que ata agora gardara un sorprendente silencio mediático, convocou un acto informativo para sinalar que eran os primeiros interesados en combater o feísmo e a marbellización, e que apostaban por un desenvolvemento urbanístico harmónico e sostible (a partir de agora, como sairá moito, DUSH). E antonte mesmo, o presidente da Fegamp e alcalde de Lalín, José Crespo (este si coñecido bastante) sinalaba que, para os alcaldes, “facer urbanismo en Galicia empeza xa a ser un labor de heroes”. A Feproga, despois de recordar o moito que a construcción contribúe ó Producto Interior Bruto (é decir, á a economía teoricamente de todos), pedía seguridade xurídica para traballar. A Fegamp, “facilidades para sacar adiante o planeamento, porque, se non, ó final, un polos outros, a casa sen barrer e quen se prexudica é Galicia”.
Reveladoras e valentes declaracións todas, aínda que, autodescartados os xestores do solar e o ladrillo por un lado e os administradores do solo edificable por outro, non queda moita máis xente á quen botarlle a culpa do que pasa… ¿quizais á xente que, adoecida porque non sabe onde meter os cartos, se lanza a comprar pisos? Quizais aclare algo unha declaración pouco difundida que o representante de Feproga fixo entre canto e loa ó DUSH: “no se puede cerrar el grifo al desarrollo, ni matar la gallina de los huevos de oro”. Aí pode estar a clave. Que mentres uns se preocupan da saúde das súas galiñas ponedoras, a maioría o que tén é un ir tirando, sen máis ovos que os que veñen de serie. Non soamente os asalariados adocenados e pouco emprendedores, senón a maioría dos empresarios, sobre todo os pequenos. E entre os heroes urbanísticos dos concellos hai bastantes que se baten en trincheiras escavadas por amigos, familia e demais parentes. En Nigrán, que lles vou contar que non saiban ou supoñan, pero en Muxía resulta que o heroico goberno local asinara dous acordos cunhas empresas madrileñas que, atraídas sen dúbida pola heroica loita contra o chapapote na zona cero, proxectaban construír unhas 5.000 vivendas (en Muxía agora non chegan a mil) en terreos mercados ás familias duns concelleiros. O proxecto, plenamente DUSH, afectaba á zona de protección da costa, pero o concello comprometíase por escrito a salvar ese pequeno escollo. Polo da seguridade xurídica, suponse.
Sinceramente, os únicos que non están a favor do DUSH son os propietarios afectados polos PXOUs ou PXOMs heroicamente planificados nas oficinas, municipais ou privadas. Aqueles que mesmo siguen apoiando electoralmente a coñecidos destroyers costeiros. Eles queren poder erguer un pindirico o máis alto posible (como ben apuntou alvarez nun post), e como saben que non pode ser, polo menos que o reparto de ovos áureos sexa igualitario. E decir, queren ter a seguridade xurídica de que as autoridades non se dedican a tornar o raposo duns galiñeiros e deixalo entrar noutros.
(FARO DE VIGO, 11 de xuño de 2006)
Vexa con que facilidade (querendo ou sin querer) demostrou vostede que o ovo foi antes coa galiña.
Co da “galiña dos ovos de ouro” luciuse (o da Feproga) case tanto como o que dixo hoxe(?) na comisión da reforma do estatuto, a propósito das diputacións, que “As institucións nunca son caciquiles, poden selo as persoas, pero non as institucións.”
A mín, o que máis me preocupa, é que agora empezan a ser as constructoras, as petroleiras, as eléctricas, e canto pailán haxa co negocio amenazado pola conciencia ambiental, os que máis énfasis están a poñer no conto da “sostenibilidade”. Será que cheiran como a xente efectivamente quere poñer a salvo as (poucas) galiñas (que quedan), e se queren encargar eles de vixialas.
Mal asunto, ese de poñer a raposa a coidar das galiñas.
Por certo, coa movida académica dos exames, non puiden velo o outro día no debate da tele (co da radio teño máis sorte). Non se preocupe polo asunto de Monteferro (como comenta), porque non se poden atender tódalas frontes nun mesmo día. Oxalá non houbese ningunha necesidade de volver falar do conto, pero dame a min que o que van sobrar son oportunidades.
Creo que os raposos non deben de entrar en ningún galinheiro. E o urbanismo, pois que decir, non? despois do que imos coñecendo día a día, creo que está máis que xustificada a actuación do Director Xeral de Urbanismo, Ramón Lueje, de tolerancia cero. Xa ía sendo hora que no noso país se actuara de frente e non co típico: “ti vai facendo”.
http://www.jmlage.net/blog/nigran-rebelion-cidada-pola-falta-de-informacion-urbanistica-10-06-2006/
Saúde