Houbo aquí quen chamou xa a atención sobre o fenómeno que, sendo duros poderiamos chamar de tocar a rebato á sociedade. Sendo blandos, pódese considerar un intento de homologar Galicia coas sociedadades punteiras, aínda que sexa na crónica negra. Sendo realistas, pailanismo sensacionalista. De facerlle caso a algunhas informacións, os habitantes de varias urbanizacións de Santa Cristina (Oleiros) están atemorizados pola amenaza de bandas do Leste. Desde logo, o medo é libre, e a prensa tamén, pero os feitos están suxeitos á realidade. Igual que os animais que lle pegaron un tiro a un inocente en Coristanco con métodos orientais resultaron ser veciños do lugar, como todo o mundo sabía na contorna, os asaltos dos bárbaros do Leste consistiron na sustracción dos cartos dun bolso que estaba riba dunha mesa nunha sala coa porta aberta a un xardín, e no roubo dunha placa vitrocerámica nun piso en obras. A única violencia rexistrada na zona foi unha labazada que apañou un presidente de comunidade duns rapaces ós que lle chamou a atención por estar fumando canutos (precisamente cando acababa de deixar as forzas de seguridade inspeccionando o lugar dos feitos). Por moito que o máximo sustentador da teoría do perigo rumano sexa un hosteleiro revestido da autoridade profesional de ter sufrido tres roturas de luna de escaparate, o esquelete dos feitos dá, como moito, para darlle algo de substancia a unha trama menor de Aquí no hay quien viva. Pero entre a potencia do medio emisor e o coro que lle fixeron tertulias radiofónicas por toda Galicia, xa temos montado un agromo de gripe aviaria (por certo, que foi dela?).

Agora, denunciado o caso, uns veciños terán medo dos rumanos, outros dos habitantes do planeta Reticulín, pero os que eu coñezo de quen teñen medo é dos periodistas.

Advertisements