Houbo aquí quen chamou xa a atención sobre o fenómeno que, sendo duros poderiamos chamar de tocar a rebato á sociedade. Sendo blandos, pódese considerar un intento de homologar Galicia coas sociedadades punteiras, aínda que sexa na crónica negra. Sendo realistas, pailanismo sensacionalista. De facerlle caso a algunhas informacións, os habitantes de varias urbanizacións de Santa Cristina (Oleiros) están atemorizados pola amenaza de bandas do Leste. Desde logo, o medo é libre, e a prensa tamén, pero os feitos están suxeitos á realidade. Igual que os animais que lle pegaron un tiro a un inocente en Coristanco con métodos orientais resultaron ser veciños do lugar, como todo o mundo sabía na contorna, os asaltos dos bárbaros do Leste consistiron na sustracción dos cartos dun bolso que estaba riba dunha mesa nunha sala coa porta aberta a un xardín, e no roubo dunha placa vitrocerámica nun piso en obras. A única violencia rexistrada na zona foi unha labazada que apañou un presidente de comunidade duns rapaces ós que lle chamou a atención por estar fumando canutos (precisamente cando acababa de deixar as forzas de seguridade inspeccionando o lugar dos feitos). Por moito que o máximo sustentador da teoría do perigo rumano sexa un hosteleiro revestido da autoridade profesional de ter sufrido tres roturas de luna de escaparate, o esquelete dos feitos dá, como moito, para darlle algo de substancia a unha trama menor de Aquí no hay quien viva. Pero entre a potencia do medio emisor e o coro que lle fixeron tertulias radiofónicas por toda Galicia, xa temos montado un agromo de gripe aviaria (por certo, que foi dela?).
Agora, denunciado o caso, uns veciños terán medo dos rumanos, outros dos habitantes do planeta Reticulín, pero os que eu coñezo de quen teñen medo é dos periodistas.
É que o Oriente dá para moito perigo. E hai tamén medio emisor que reclama que non esquezamos aos clásicos no asunto: Se disparan las alarmas en Santiago tras el incendio en un segundo restaurante chino. Eso si, “aunque todo apunta a que fue fortuito” neste caso que, inexplicablemente entón, dispara as alarmas, a información non deixa de prestar o servizo público á cidadanía de lembrar que o anterior incendio “hizo correr ríos de tinta ya que se habló de sabotaje, venganza de delincuentes habituales y hasta de una venganza de las peligrosas mafias chinas” e engadir ademais que “el oscuro suceso aún está sin esclarecer del todo aunque sí se pudo definir que había sido intencionado”.
É que non vaia ser cousa do demo de que un día rematen os bárbaros. Hai que manter os existentes e buscar novos. Os homes eses sempre serán unha certa solución.
Aquí o poema enteiro
Non lembro en que sanatorio foi, oín unha vez a uns médicos comentar que para os xornalistas, calquera tumor extirpado, recibía sempre o adxetivo de “maligno”, fose como fose. Sempre queda bonito, e á sazon dramático, poñerlle unha muletilla tipo “del este”, “maligno”… ás cousas. Ademáis, o narrador parece que sabe máis, aínda que non teña nin idea.
Na moda esta das bandas organizadas, e tendo en conta a latitude de Oleiros e Coristanco respecto ó resto de Europa, España e incluso boa parte de Galicia, hay que recoñecer que os medios apostan case sobre seguro, porque o difícil vai ser que veñan de máis ó oeste todavía.
A solución, para os que non o facemos, quizáis sexa ler prensa internacional, de países próximos sobre todo, para ver si pasa o mesmo en todo o mundo ou España é tan “different”.
Comprendo o medo do noso guía espiritual ante tanta licencia peridística e máis se temos en conta que recentemente mudou a súa residencia dende a urbe herculina a aparentemente máis placentera vida oleirense
O guía espiritual ese tamén se mudou a Oleiros?, e fíxoo coma eu, buscando una zona con bares e onde mercar tabaco sen ter que coller o coche?
Recoñézao aínda que lle coste, Sr. Pereiro, e vostede un lider de masas. He He. Un home non sempre pode escoller as responsabilidades que lle depara o seu destino
E un home pode aproveitar as responsabilidades que non pode escoller da mesma forma que eses compañeiros de guianza espiritual que se forran a conta dos fegreses? Algo tipo secta Moon, Pat Robertson, etc.
Como en todo, supoño que a cousa empeza por recoñecelo a un mesmo. E despóis, por si lle interesara, coméntolle que eu sempre admirei a personaxes como Han Solo, Heinrich Himmler, San Pedro, Alfonso Guerra, John “Doc” Holiday, o Mulá Omar, Donald Rumsfeld ou o Capitán Haddock, por citar algúns. Vamos, por si lle interesa
Sobre o crime de Coristanco, a rumorologia local aponta a uma extravagante história mui semelhante ao argumento de Double Indemnity, de Billy Wilder. Y hasta aquí puedo leer.