O luns 19, día de análise do referendo do Estatuto Catalán, cumpríase un ano de outro referendo, aquel no que Galicia decidiu se lle concedía unha moratoria ó fraguismo ou daba por liquidado o contrato. Nos dous casos saíu que si, e nos dous se produciu un fenómeno, chamémoslle curioso para non chamalo preocupante, que é a posta en cuestión dos resultados polos perdedores. Máis curioso sería, desde logo, que os cuestionaran os ganadores, pero o preocupante é que o fagan pais da patria e do invento, xente que vive diso, e non os socorridos sectores antisistema.

O 19 de xuño a estas horas moitos colegas, independentemente de adscricións ideolóxicas, estabamos cruzando os dedos ante os resultados das eleccións autonómicas. Non polos resultados, senón pola súa interpretación e polas posibles consecuencias. Despois de case un ano de esgotadora precampaña e de quince días de campaña esmagadora, o que nos faltaba era unha prórroga de incerteza a conta do reconto. Sei de profesionais curtidos que tiveron unha crise nerviosa cando apareceu Federico Trillo co maletín na xunta electoral de Pontevedra, naquel reconto que se vendía e temía como unha final de infarto das eleccións. De feito, o mundo mediático sufriu un choque traumático que o tivo meses desnortado e apampado, medio sen saber que había que informar. Ata hai ben pouco aínda espernexaba ese argumento de que a ver quen ganou as eleccións, como se non estivera claro quen manda e quen non, e esquecendo o dato de que a primeira vez que ganou Fraga foi gracias a sacos de votos emigrantes que se computaron daquela maneira. E co Estatut, exactamente o mesmo. Logo dun ano ou dous que parecen media vida debatendo o asunto, antonte votaron dunha vez, co que o asunto debería quedar amañado, ou polo menos informativamente amortizado. Nin por esas. Hai xente de orde que fai proclamas sobre o valor político da abstención como se fosen activistas da CNT-AIT e non rexistradores da propiedade.

Que conste que eu sempre me acollín ó maxisterio de Bernard Shaw cando opinaba que a democracia substitúe o nomeamento feito por unha minoría corrompida pola elección feita por unha maioría incompetente, ou que é un proceso que garante que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos. Ou ó de Charles Bukowski, que aseguraba que a diferencia coa dictadura consiste en que en democracia podes votar antes de obedecer as ordes. Pero descrer de algo non supón acreditar no contrario, como resumiu Churchill cando cualificaba a democracia como o peor sistema de goberno, quitado os demais. E o rechamante é que os que montaron o pendello, os que pactaron o derrubo do antigo réxime a cambio de que non se tocara ós que o serviron, os promotores de sistemas como o D´Hont que lle asegura ás maiorías máis representación da que lles dan os votos, os que converteron a democracia de sistema político en ideoloxía arroxadiza, se queixen agora.
Si de verdade o teñen tan pouco claro, deberían tomar de exemplo a dous presidentes do país que pasa como inventor do sistema: “Creo que estamos nun camiño irreversible cara máis liberdade e democracia. Pero as cousas poden cambiar” (George W. Bush). “Hai momentos na vida de todo político en que o mellor que pode facer é non abrir a boca”. (Abraham Lincoln).

Advertisements