Hai xente que está grandemente preocupada por decisións do Goberno como o Estatut (aínda que non sexa unha decisión gobernamental), as negociacións con ETA (aínda que, polo que se ve, tamén dependen bastante dalgúns xuíces) ou o porvir da selección do Mundial de fútbol (aínda que Zapatero cumpre aí o mesmo papel que Rappel). Eu si estou enormemente preocupado por decisións que si toma o Goberno: a prevista modificación do Código Penal en materia de tráfico.

As medidas que anunciou o Ministro Fernando López Aguilar con ese salero que o caracteriza van desde penas de cárcere para quen supere os 90 kilómetros por hora nas vías urbanas limitadas a 50, os 160 km/h en estradas prohibidas a máis de 90 e os 190 kilómetros nas autoestradas e autovías. Ir a 160 nunha estrada e 190 nunha autoestrada paréceme, en efecto, unha machada. Non tanto ir a 90 nunha vía urbana porque o límite de 50 penso que obedeceu máis a unha xeneralización que a unha análise de cada vía concreta, sobre todo en Galicia, que hai traxectos dun cento de kilómetros que discurren enteiros por teóricas travesías urbanas. O destacado salero do ministro do ramo non nos debería deixarnos enganar sobre que estas medidas non son “de seguridade viaria”, senón sancións de faltas e delictos na circulación, como o demostra a intención de penalizar con dous puntos de carné o estacionamento en dobre fila, actitude tan escasamente cívica como cativamente atentatoria contra a seguridade viaria. Paradoxicamente, son medidas intervencionistas por un lado e que polo outro cargan todo o peso da culpa na responsabilidade dos conductores. Un coche ten a potencia letal dunha arma, e nos dous casos, que mate ou non depende do usuario. Sen embargo, non se pode ter un arma, pero si un automóbil. E as pistolas fabrícanas con seguro para evitar que o propietario se pegue un tiro nun pé, pero os coches fanos para que vaian a todo meter. Ademais, as leis son efectivas na medida en que hai unha probabilidade razoable de impoñelas. Sacase ben máis proveito dalgúns delictos contra a propiedade que de ir a 190, e con penas similares, pero non se cometen porque a probabilidade de que te collan é moito mais elevada.
Hipóteses: 1.- A poboación carceraria en España é das meirandes de Europa. 2-. A construcción e o motor da economía española –e o reactor da economía dalgúns españois concretos-. 3.- Parece ser que as autoridades están firmemente decididas a salvar a costa da especulación urbanística. Tese: A única explicación lóxica deste furor apresandi consiste en que hai que construír unha chea de establecementos penitenciarios. Como lle decía a unha señora do PP moi agradable coa que discuto radiofonicamente unha vez á semana, en vez de andar de aprendices de Nostradamus, profetizando cada mes e medio desastres bíblicos que non se producen nunca, o que debería facer a oposición é aproveitar as ocasións que lles ofrece o goberno de defender o sentido común.

(LA OPINIÓN, xoves, 22 de xuño de 06)

Advertisements