cocaine wineOnte celebrouse en todo o mundo o Día Internacional Contra El Uso Indebido Y El Tráfico De Drogas. Non sei como o celebraron por aí (sei que, en China, executando a catro narcotraficantes) pero aquí celebrouse coma sempre, con consellos, estatísticas estarrecedoras, declaracións públicas, folletos, e sen recoñecemento ningún de estar fracasando absolutamente.

A historia das drogas é tan vella como o mundo, e todas as sociedades admitiron algunhas e condenaron outras. Por esta contorna, o alcohol tivo desde sempre a mesma acollida popular e o mesmo apoio oficial (dos reis ós curas) do que agora disfruta o fútbol. O tabaco e o café presentáronse hai cinco séculos e foron furando. A súa condición de legais (o tabaco, de momento) non puido agachar a súa non menos evidente condición de prexudiciais, pero ese detalle, que o seu abuso sexa pernicioso serviu como moito para que o alcohol e o tabaco se inclúan no catálogo teórico de substancias non recomendables, mentres gozan na práctica dun respaldo inoxidable (eu, por exemplo, veño de cubrir unha cata de viños). Outras caeron en desgracia por razóns que se me escapan porque non sei onde teño metido Historia general de las drogas, de Antonio Escohotado. A coca, por exemplo, que despois de formar parte de viños (do Viño Mariani feito en Italia foron agradecidos consumidores a raíña Victoria de Gran Bretaña, Alfonso XIII de España, Alejandro Dumas, Julio Verne, Thomas Edison, os irmáns Lumière e os papas Pío X e León XII) e de xaropes parafarmacéuticos (no que vostedes están pensando deixaron de botarlle coca en 1906, oito anos antes de que se ilegalizara a cocaína en EEUU) pasou a ser unha praga moderna, como se pode comprobar en moitos guións televisivos.
O caso é que, por unhas razóns ou outras, quitado a priva, o tabaco, o café e algúns fármacos, as demais son ilegais, non como os coches. E aquí entra a razón de ser do tal Día Internacional. Non importa que desde que se celebra (1987), e desde que a loita contra a droga é Obxectivo Mundial Número 1 (en realidade, número 2 desde que irrompeu Al Qaeda no ranking) os seus consumos se teñan incrementado a ritmo de Ibex 35, en paralelo ás ganancias dos seus distribuidores e en inverso ás economías dos usuarios. En calquera outra actividade, o normal sería cambiar de estratexia, pero nesta non, por falta de imaxinación ou porque hai moita xente que vive dela, tamén no campo dos bos. En concreto, que aquí baixe imparablemente a idade (ós 14 anos) de iniciarse nas toxicomanías, legais e ilegais, sirve para que se dupliquen os berros de alarma, pero non para que se dobre o esforzo de reflexionar sobre si se está enfocando ben o asunto (os 10 minutos diarios que preconiza o alcalde Javier Losada perécenme claramente escasos). Mesmo cando, no mesmo famoso Día, a directora xeral de Instituciones Penitenciarías recoñece que é imposible controlar o consumo nas prisións. Pois se é imposible nas prisións, das que non se pode entrar nin saír así como así, xa me dirán como se vai controlar noutros ámbitos nunha sociedade que non é nin capaz de impedir que os nenos vexan a televisión de madrugada.

Advertisements