O mundo catódico vai por modas, e agora as excelentes series que trunfan na televisión son un canto á especialización. No revitalizado xénero médico/hospitalario, House é a apoloxía dos dialoguistas sen barreiras e do ollo clínico (e da eficacia inmediata dos tratamentos, todo hai que decilo), mentres Anatomía de Grey xira exclusivamente arredor do planeta MIR. Pero o fenómeno é máis agudo no xénero de investigación criminal. Os varios CSI solucionan casos exclusivamente por métodos empíricos e por completo físico-químicos, analizando (eles chámano “procesando”) o cuspe que atopan na herba do xardín da víctima, mentres os de Mentes criminais traballan unicamente o sistema especulativo, facendo un retrato robot da conducta criminal e logo localizando a quen se axeite a el. Crossing Jordan mestura as autopsias coa tensión sexual máis ou menos resolta. The Closer é unha serie de interrogatorios e resaibos do machismo. O tradicional sistema de descubrir ós malos polo método deductivo e trincalos logo de learse a tiros ou mamporros non ten representación catódica.

Veume á cabeza toda esta panoplia serial a conta da cadea de sucesos sanguentos que se produciron a pasada semana en Galicia. O caso do fontaneiro de Cedeira que se fixo pasar por garda civil con fillo que non podía atender para conseguir unha canguro e logo matala, non daba para encher un dente ós criminalistas dos CSIs. Imaxino que chegou con rastrexar as chamadas que recibiu a víctima no seu teléfono, sen necesidade de agardar a que se descubrira o seu corpo no colector onde a meteu o homicida. Tampouco ese crime de celos e tunning pasional que cometeu un Vigo un mozo co seu rival sería adxudicado á unidade da doutora Jordan ou da inspectora de Closer, quitado que a confesión do autor escondera outra cousa. Pero o que si sería materia para Mentes criminais sería o caso de Remedios Sánchez, a vellicida ludópata de Barcelona natural de Dormeá (Boimorto). Entre outras razóns, porque nos Estados Unidos (polo menos nos EEUU televisivos) catro asasinatos de anciás solitarias montarían un rebumbio socioperiodístico bastante como para que tropa mentalista do FBI collera o avión ese desde o que o xefe Gideon dispara citas filosóficas como mísiles. Cavilo que o primeiro “perfil” do criminal apuntaría a un home introvertido ó que a nai ou un avoa dominadoras lle amargaron a infancia e case toda a xuventude. A forza empregada na estrangulación manteríaos enganados, ata que a facilidade de entrar nos domicilios ou calquera detalle relacionado co xeito apresurado e trapalleiro de coller o botín lles desvelaría que era unha muller coa necesidade compulsiva de conseguir cartos.
Con todo, o que si seria materia para a tropa de Gideon son as interpretacións soterradas que fixo a prensa a posteriori. Fracasado o intento de obter “datos de interese humano” dos Fandiños e do resto dos veciños de Dormeá, os reporteiros descenderon en círculos sobre a inobxectable galeguidade de Remedios. O seu lugar de orixe (“la aldea gallega de”), os seus lugares de traballo, os seus sucesivos compañeiros sentimentais e mesmo “su obsesión por no volver nunca más a la miseria de su Galicia natal” (“a la miseria que ella padeció en su Galicia natal”, supoño que quererían decir), sen salientar que tamén era galego o santo que tiña por marido. Deben ser as consecuencias de que agora non emitan series como Lou Grant, aquela de periodistas éticos.

(LA OPINIÓN, martes, 11 de xullo de 06)

Advertisements