O outro día, nunha área de servicio –xa lles teño comentado que paso medio verán apatrullando as vías de comunicación, ese clásico galego- vin un xogo deses cos que distraer ós nenos do que realmente os entretén, fozar nos andeis da tenda de lambetadas e souvenirs. Era un recinto que imitaba a área pequena dun campo de fútbol, e había que meter unha pelota nun buraco. Unha enorme fotografía do ex atlético Kiko aconsellaba como introducila (e de paso evitar romper algo): “rasita y por el centro”. “Rasita?”, que ten de malo “rasa”? É unha concesión paternalista á idade e presunta mentalidade dos participantes?, ou –témome- unha mostra máis dese fenómeno diminutivista que asolaga á sociedade?
Por exemplo, a publicidade xa consagrou o termo “braguita”. Un diminutivo que creo non ter escoitado practicamente nunca na vida real, e que supón un paso atrás cando se está dar o paso adiante de converter o tratamento “señoritas” no xenérico “señoras”. Ademais, provoca un novo problema, mesmo publicitario: se hai “braguitas”, como se denominará a roupa interior de talla ou deseño grande, “bragotas”? Non se crea que este fenómeno rampante se circunscribe ós habituais ambientes cursis de fala gangosa (“le di una cremita”, “esta tallita le sirve”) . Tamén en sectores teoricamente peitolobos se están introducindo desde o sur denominacións como “coleguita”, para referirse ós amigolos, aínda que traballen na estiba e avulten como un armario de tres corpos. E xa está máis que importado o de ir tomar unhas “cañitas”, como se así, cañita a cañita, houbese menos perigo de converterse nun cervexeiro incapaz de vocalizar. O ascenso imparable do itismo (-ito/-ita) contamina incluso a función afectiva do diminutivo en galego, que cada vez usa máis xente que non adoita falar galego ou que non sería ben visto que o falasen no choio, en contextos non necesariamente afectivos (“¿le doy una bolsiña?”).
Descoñezo as razóns de tal moda, pero xa hai 50 anos, Wenceslao Fernández Flórez describía nunha novela un horrísono accidente ferroviario no que unha víctima atrapada baixo dos ferros rogáballe ó protagonista: “Caballero, ¿me podría quitar este vagoncito de encima?”, na crenza de que a diminución do referente “vagón” lle quitaba peso ó “vagón” real referido. É decir, o diminutivo utilizouse sempre como eufemismo, para quitarlle ferro ó concepto pelado. Se agora arrasa o seu emprego é pola infantilización galopante da sociedade; ou porque, como se queixa o Papa, estamos instalados no relativismo; ou, como denuncian os bispos, en España xa non hai valores nin nada.
En fin, non sei. Déixoos que vou á playita, que para algo é veranito.
(LA OPINIÓN, xoves, 13 de xullo de 06)
Eu aposto pola infantilización, con esa intención de quitarlle ferro ó concepto que é como eximente de responsabilidades. Agora ben, postos a facer diminutivos, e na liña enxebre dos diminutiños, habería que tirar do moito máis racial
icho/icha, común alomenos nestes lares do sur. Así, tomando algún dos seus exemplos, pódese dicir plallicha, bolsicha ou cremicha, aínda que non sone tan infantil.targhetinha tiene? bolsinha quiere?
Fixome moita coña unha persoaxe dun filme de Antonio Mercero que nos créditos aparecía como “enfermerita”, (pode imaxinarxe por qué), e que interpretaba a escritora Elvira Lindo…
Por certo, que aos poucos días topeime cunha dependenta do Corte Inglés de Santiago a que califiquei tamén como “vendedorcita”…
Hoxe a miña muller foi mercar enxoval de bebé e volveu estomagada pola sobredose de itismo (e dándome a razón).
Pois haber se vindes dar unha voltiña por este Cormiño, papar uns percebiños con cacheliños e con un bo Albariño…Je je
Podo imaxinar ao gurú Pereiro pescudando a rede polo miudo ata atopar a braguita máís axustada as súas interesantes teorías. E logo dirán algúns que ser xornalista é un choio que da poucas satisfaccións.
Hai satisfaccións que a rede non satisfai.
Moi bo o artigo, si señor.