Nas vacacións, a miña dieta mediática transfórmase da composta habitualmente por elementos informativos á unha inxesta máis desganada e dispersa. Dentro dese picoteo, chamoume a atención antonte unha crítica acerba de Javier Marías ó comportamento dos seguidores da selección española de fútbol, ós que cualificaba como os máis túzaros e horteras de todos (alomenos de todos os participantes) e o que é peor, de representantes e símbolos da mala educación e da irresponsabilidade que preside a sociedade española toda.
Non vou ser eu quen o desminta, en primeiro lugar porque sostiven parecidas aínda que máis moderadas (ou hipócritas) opinións, e en segundo por si se entera. O que me estraña é que ademais de constatar un feito evidente, desaproveite a ocasión de sinalar co dedo, non digo xa ós presuntos culpables (quizais non cheguen os dedos) senón ós cómplices, por acción u omisión. Empezando por eses que antes se chamaban “hombres del deporte” (os que viven del sen practicalo), presidentes, directivos e federativos, que levan anos permitindo, apadriñando e subvencionando colectivos de xente que non teñen outra virtude que o amor ós colores. E rematando polos medios de comunicación que impulsaron todo tipo de xestos e actitudes energúmenas (poñer unha pantalla xigante congrega-desocupados, caracterizar de hooligans a famosos e líderes de opinión) disfrazándoas de simpáticas, participativas e “de todos”, coa nobre intención de aumentar a conta de resultados. Como se non houbera experiencias dabondo nas que a combinación de obxectivos “de todos” e engorde de contas de resultados produce monstros. Se persoas con formación e que se ganan máis que ben a vida se permiten esas alegrías, que se vai agardar de xente á que non lle esixen outra responsabilidade que a de que non rompa demasiado mobiliario urbano e non caia debaixo dun coche en plena intoxicación etílica. Se pais cos suficientes estudios para redactar correctamente unha carta ó director dun periódico se queixan de que o cabezazo de Zidane lle provocou un trauma ó seu fillo, que o tiña como exemplo, quen lles explica que máis burrada que darlle un golpe a un cretino nun partido é permitir que un futbolista sexa para un neno un exemplo de nada que non sexa xogar ó fútbol.
Obviamente, estas cousas non pasan soamente no fútbol. O de que se combine o prohibicionismo sobre as conductas individuais coa permisividade cos excesos colectivos. Os concellos convocan macrobotellóns coa escusa de San Xoán ou calquera outra, e logo reprimen os que organizan grupos de rapaces. Fanse eco das queixas dos veciños contra os ruídos nas zonas de bares e logo atronan a veciños e transeúntes coa megafonía das festas patronais, do nadal ou da celebración da volta ciclista. (Nestes momentos, coa escusa de patrocinar non sei que evento deportivo nun recinto da praia, unha marca de móbiles machaca o areal todo cos éxitos do verán a todo trapo, supoño que con permiso municipal).
Pódese discutir se foi antes o ovo da sociedade berrona ou a galiña das autoridades mal educadas, pero si se sabe quen ten a obriga de rectificar.
(martes, 18 de xullo de 06)
Iso de aturar ruidos diversos nos areais patrios pásalle por marchar de vacacións, e sinaladamente ás Rías Baixas. Tome exemplo de min, que ademais de seguir a pé de obra, aproveito as fines de semana para facer patria recorrendo os seus máis afastados currunchos . Así, a fin de semana pasada marchei para a terra de vostede a montar no barco chu-chú do Sil en plena vaga de calor e comprobar que:
a) No castelo de Maceda fai unha caló que nindiola, sobre todo polas noites.
b) Os habitantes da Ribeira Sacra deberon marchar todos ás Rías Baixas, a xulgar polo desértico das paraxes.
c) Tras dunha ardua laboura de adquisición e cata de pezas de 750 g, a mellor bica da área norte ourensana é sen dúbida a de Castro Caldelas. Por certo, quere unha pouca? é que non me collen na casa.
Con respecto ao seu último parágrafo sobre hipocrisía social, a min parécenme especialmente escandalosas as declaracións hoxe no Faro de hosteleiros queixándose de que o carnet por puntos provoca que a xente non beba alcohol, coas conseguintes perdas nas súas contas de resultados.
Vale, paréceme moi ben, pero ¿cando rematas as vacacións? Conto contigo para tomar unhas cañas os vernes de agosto ás dúas da tarde, cando rematemos de poñer a parir a todiós pola radio…
están xa rematadas, povero de mi, infelice!
Só disir que me encantou este post, sobretodo o final, o resto custoume máis roelo peor estaba tamén moi bo.
Todos fumos novos, todos nos pasamos cando iamos de “rachi” nos vellos tempos. Agora outros nos pagan coa mesma moeda e fode. O comentario está ben pero non hai unha soa liña, unha soa, que nos se poidera aplicar hai vinte anos cando eramos nós os que viviamos no “lume e o ruido”
Oiga, sigo estando a favor do ruido, pero non do ruido municipal.
¿Lembras cando Don Paco decidiu amenizarnos o Nadal os coruñeses cos altavoces a todo meter en pleno centro?¿Lembras a siniestra megafonía a rumbo surfeiro na praia de Riazor? Hai vinte anos de aquelo, máís ou menos. Nada cambiou dende entonces. ¿Será un producto bastardo máis do populismo redentor?
O que ten que facer é deixar de ir a esas praias que fomentan os de hazteoir…
…por certo, se está argallando unha para o domingo. quizais o berto leve portatil para amosarnos como é o chuza por dentro, bot incluido +info na dorfunteca
‘Os veciños que se fodan!’ dicían os universitarios en calqueira desas festas en pisos alugados que algunha vez (poucas) remataban en comisaría por mor do ‘volume brutal’.
Que lembranzas, que nostalxia, canta saudade!… quen puidese ser coma eses veciños e chamar á policía, ós cascos azuis ou ós cosacos de Taras Bulba cando o vandalismo acústico está consentido e fomentado polos concellos, diputacións, administración autonómica, administración central, asociacións de veciños ou o mesmísimo Coño da Bernarda.
Os veciños muermos, esgotados, enfermos, bebés, lectores, melómanos, científicos (tolos ou non), televidentes… que se fodan, o dereito fundamental no verán é o ‘dereito de rachí’ e prevalece sobor dos demáis. Se hai que cortar a Nacional 550, caso das festas de Ordes, pois os que circulan entre Coruña e Santiago que se fodan se se perden polas rúas mal sinalizadas (por certo, están patrocinadas por Autopistas do Atlántico as festas de Ordes?), ou que se fodan os que van á praia entre Baiona e Nigrán, se tocan festas en Sabarís (caramba, a alternativa neste caso tamén é a autopista…). En fin, eso xa non é cousa do ruido, é a demostración, por se non chegaba coas estúpidas bombas de palenque (caras, molestas e perigosas, a quen collóns lles gustarán de verdade?) de que a importancia política das festas é a instauración temporal da dictadura do paletariado.
Logo tocará queixarse: que si os nenos (ou os universitarios) non respetan nada, que si os botellóns, os macarras que nos instrúen e deleitan coa música a tope do seu coche tuneado e ventá aberta (seica o tuning non inclúe o aire acondicionado), as motos co escape recortado,… nada se crea nin se destrúe, simplemente son os pailáns de toda a vida que se transforman.
Hala, a ver se me calmo practicando a Alborada de Veiga (mira que se me resiste a cabrona) coa miña gaita… e que se fodan os veciños