“¿Como é que non tocaches o tema do 18 de xullo na columna do martes 18 de xullo?”, estrañouse onte un coñecido. “Foi un desexo incontrolable de facerme o orixinal”, contesteille, botando man do primeiro que se me veu á cabeza. Non sei se o enganei, pero a vostedes, que son máis e están parapetados tras da pantalla, seguro que non lles cola. A verdade é que o asunto do golpe militar do 36, ou mais ben as historias persoais e concretas sufridas daquela, sempre me puxeron os pelos crechos e os ollos de guerra.

Non sei por que. Quero decir que non sei por que especialmente, porque se algo é recurrente e rotinario na historia, mesmo na historia recente de onte e de hoxe, son as animaladas a esgalla, o sacrificio de inocentes en aras de grandes ideais, e os intento de exterminio sistemático do contrario. E en todos eses momentos de barbarie, a loita non é entre os bos e os malos, que de todo hai en cada sitio. O que si son boas ou malas son as intencións e as razóns, por moito que agora impere ese argumento de que “é o que eu penso, e a opinión é libre”. Hai 70 anos, o que houbo foi unha colisión entre distintas concepcións do mundo, entre os que pretendían defender a Relixión e salvar á Patria con maiúscula, aínda que fose pasando por riba dos cristiáns e compatriotas con minúscula e os que pretendían un mundo mellor e máis libre. Así en abstracto, postos a escoller opción, calquera persoa decente escollería a segunda, e si se impuxo a primeira foi porque a loita non se celebrou no terreo das ideas. Se a diferencia entre as opcións non estaba clara no momento en que se confrontaron, quedou á vista cando unha se impuxo á outra. En ningunha guerra civil os vencedores se asañaron tanto cos vencidos coma na de España.
Ás veces, o debate sobre calquera controversia dáse por pechado cun “tan honrados eran uns como os outros”, para non ter que precisar canto o eran uns e canto o eran outros. Estes días, nas traxectorias e perfís das víctimas sobreviventes que leo, chamoume a atención o oposto das miradas cara atrás. A práctica totalidade dos vencidos están libres das ansias de revancha, igual que algúns vencedores. Sen embargo, outros do bando ganador siguen co fardo intacto: un vello –e vixente- falanxista de Tui atribuía, por exemplo, a represión feroz sobre homes, mulleres e nenos a “aquellos que cambiaron la camisa roja por la azul” ou a vinganzas (“claro que, cuando alguien se venga, es por algo”). Por iso, unha cousa é pasar páxina sobre o que pasou, e outra pretender que a páxina pasada estaba en branco.

(LA OPINIÓN, xoves, 20 de xullo de 2006)

Advertisements