Creo que xa lles teño comentado o caso dun coñecido meu que herdou un circo. Un día, sen previo aviso, viuse propietario dun circo enteiro en Italia que lle deixara un parente remoto, e do que non tiña máis idea (falo do circo, non do parente) que un vídeo do espectáculo que lle mandaran os propios artistas, en parte para presentarse e sobre todo para que decidira que facer con eles. Estes días cheguei á conclusión de que o de herdar circos é bastante máis habitual do que parece.

O clásico do circo herdado é o do desfile militar anual, o da Victoria, da Paz, ou como se chame agora. Unha demostración militar con pretensións de espectáculo cívico, que en realidade non se sabe para que sirve nin que conmemora, e que é un engorro para todos, civís e militares, autoridades e espectadores. Outro que tal era a gaiteirada/toma de posesión presidencial de Fraga, que constituía un híbrido de exhibición de dominio do DOG e do roncón. Pero o auténtico abarrote de circos herdados prodúcese hoxe. O da carpa máis grande e con máis pistas é o da ofrenda de España ó Apóstolo, unha cousa que parece que era tradición pero que ninguén o sabía ata que a Franco a promocionou no NO-DO, quizais para agradecer aquelo de ser Caudillo por la gracia de Dios e de paso suxerir que o responsable do que pasaba era o Apóstolo Santiago e non el. A Casa Real ou a televisión (ou calquera outra institución que pensa que todo o que pasa en Galicia é raro e de lenda) mantivo o espectáculo quizais para non lle facer un feo a ningún dos dous, aínda que habitualmente lle carga o morto a outro.
Así que hoxe temos a máxima autoridade dun país formalmente aconfesional pedíndolle a un santo que lle bote unha man. Formato discursos solemnes aparte, non deixa de ter exactamente o mesmo significado civil e político que ir á romaría do San Fins do Berro Seco pedindo curar das verrugas e outros males cutáneos. O mesmo día, no mesmo lugar, celébrase outra tradición, neste caso de raíz democrática e laica, que é a manifestación do Día da Patria Galega. Unha convocatoria baseada historicamente na protesta e que agora, cunha perna no poder e outra no teu tellado, xustifícase sobre todo como festa para coincidir cos amigos. A reivindicación política faise na Quintana, pero a verdadeira forza do nacionalismo está nas celebracións previas e posteriores. Os terceiros en discordia, apeados do DOG e da cucaña das medallas, dubidan entre dúas tradicións populares (os fogos do Apóstolo e a praia). Igual que o meu coñecido analizou o traballo de trapecistas e domadores para ver que facer deles, uns e outros deberían reflexionar sobre a vixencia dos respectivos espectáculos, pero parece que a conclusión foi a de aumentar a cantidade e variedade dos números para atender a todas as sensibilidades e multiplicar as ocasións de saír na foto.
Non é mala solución, porque en Galicia non hai precedentes de festa ou acontecemento veraniego que morrera por falta de público. Mesmo aquel meu amigo debeu decidir manter o circo, porque non o volvín ver.

(LA OPINIÓN, martes, 25 de xullo de 06)

Advertisements