Quizais estea lendo isto porque ten un certo interese no que lle podo contar, ou porque repartiron o periódico entre varios e a vostede tocoulle esta páxina, pero en todo caso, coa confianza que dá compartir este pequeno espacio, permítame que lle pregunte: ¿de verdade o pasa ben no verán?. Xa sei que o tempo é máis levadeiro, que hai festas por todos lados, que é época de vacacións, que si el mar, el sol, las gaviotas y tú. Pero, ¿pásao ben, o que se di ben-ben?
O das vacacións, por exemplo. As vacacións están moi ben, foron unha conquista social e duran un mes, non como os xaponeses, que teñen unha semana e dela perden unha media de tres días nos aeroportos e doce horas cambiándolle o carrete á máquina de fotos ou lendo as instruccións. O mellor das vacacións é que non se traballa, pero o malo é todo o demais. Hai que discutilas, planificalas, organizalas e adaptalas, nesa orde ou na contraria, arredor dunha serie de compromisos ineludibles: o campamento do neno, a festa do patrón, o sarao tremendamente divertido que organiza todos os anos mengano, e o santo da sogra (por certo, felicidades por adiantado, Maruja, este ano tampouco vou poder ir). E a maiores das obrigacións, están as devocións. Ese concerto, aquela romaría… Xuntando todo, os Stones de xira teñen unha vida menos axitada. Ademais, aínda estando ben, as vacacións están ben sexa verán ou tempada outono-inverno. O do veraneo inventárono os ricos para non pasar calor en Madrid e o turismo os ingleses ricos fartos de pasar frío, pero non deixa de ser raro que os que vivimos na costa dediquemos o tempo libre a ir á costa doutro sitio.
Logo está o tempo. O verán está moi ben porque non chove (quitado na costa de Lugo. Como di unha amiga, se choras porque non ves o sol, non veranees en San Cosme de Barreiros). Pero, ¿que ten de agradable unha temperatura que permite fritir ovos nas pedras? A civilización agromou nos climas cálidos cando non había casas con xeito, pero mudouse en canto se inventaron primeiro as casas de pedra e logo o climalit. Ademais, cando non estamos na casa, estamos no coche. Se chove ou fai frío, meterse nel é disfrutar das vantaxes do mundo moderno. No verán, a experiencia de entrar nun vehículo que leva horas ó sol é a que debe sentir no microondas unha pizza conxelada. Igual que o do outro tempo, o libre. Como tés máis, podes relacionarte máis coa xente. O malo é que o verán parece sacar o peor de cada un. Persoas que o resto do ano poden ser interesantes, nesta época mutan a seres sudorosos usuarios de bermudas. E como todo o mundo as leva, podes facer amistade con alguén que as tres estacións restantes traballa de psycho killer ou de xerente dunha ETT.
Ben, recordarame alguén, ¿e a sensación de libertade de ir por aí cos amigotes, rular á aventura, a ver que pasa? Pois que o carné por puntos matou as road movies. (E ademais, aproveitando a confianza que etc. confesareilles que, no meu caso concreto, acabáronseme as vacacións)
(LA OPINIÓN, xoves, 27 de xullo de 06)
Ten razón, non hai coma estar traballando! Non me sexa rosmón que aquí hainos que non temos vacacións, nin no verán nin en ningunha outra época, quitando o paro vacacional, claro. Así que disfrute das súas vacacións home, que lle han sentar ben…
Os “seres sudorosos usuarios de bermudas”! Puro gore!
Pois xa sabes o que tes que facer pro ano que ven. Eu non salín de Corme en todo mes mais que pra ir a Vigo ver o Franz Ferdinand, e xa me chegou.
home! ten que vir vostede a Bos Aires que, neste momento do ano, non temos calor (ou polo menos non tanta) senón tormentas apocalípticas con pedras de xeo de 5cm de diámetro que deixaron honte os coches todos estragados. Ademais, non temos santos aos que louvar, nin romerías nin boas autovías polas que ir. Vinde, vinde que acá non a pasaredes tan mal. Iso si: que sexa sen Touriño…
¿ Porque sin Touriño? ¿Eravos millor Fraga? As tormentas tamén as temos aquí, nos Ancares, e non por Touriño precisamente. E na Costa da Morte 12 anos de tormenta, imparable. E non por Touriño ( A pesar que eu non voto a Touriño)
sen Touriño porque a vez que veu con el, o señor SHS non tivo tempo de nada e se esta viaxe é en plan vacacións… pois non serán moitas vacacións se ven a traballar. Menos sensibilidade política! E sobre Fraga, pode estar seguro que moitos acá botano de menos. E tamén pode estar seguro que non son eu unha deles.
“Non sen Touriño!” Parece o título dunha tvmovie desas de “interese humano”
Aquí, na Costa da Morte, ainda parece que vai aparecer dun momento o outro o fantasma de Fraga. Onte mismo os alcaldes ( entre eles o “noso” de Ponteceso)xuntaronse todos (os dereiteistas)pra facerlle un feo a Touriño, e ningunealo. E xa digho que eu no voto, pero non é Fraga. E teño a sensibilidade politica que me sale do carallo. Polo resto, perdón por non coller o mensaxe.” Non sen Touriño”, ” No en mi nombre” e como dixo Maite Zaldivar a Pantoja ” no en mi hombre”