Antes estaba mal visto referirse a situacións inxustas ou queixarse delas se non se apuntaban ó tempo as causas que as producían. No imparable proceso de modernidade e progreso, agora vese con malos ollos o simple feito de queixarse. Sinalar unha situación constitúe xa unha mostra inadmisible de parcialidade. Pasoulle ó outro Pereiro, a Óscar, a quen só a posibilidade de ganar o Tour nos laboratorios o salvou da polémica que lle viña enriba por poñer unha camiseta na que reclamaba que se parara de botar mísiles.

Cada día, o meu correo electrónico énchese –ademais das habituais ofertas para virilizarme a prezos módicos- de análises do que está pasando no Oriente Próximo. Por un lado, parece que Hizbulá e Hamas están a correr co gasto, por conta de Irán e Siria, de distraer á opinión pública mundial da crise do uranio iraní ou para demostrar que Siria, como Teruel, tamén existe e quere trato de potencia rexional. Polo outro, aseguran que a contundencia da reacción israelí obedece máis ás necesidades de consolidación do goberno de Ehud Olmert que ás expectativas dunha moi improbable derrota militar das milicias islamistas do Líbano. En realidade, e agradecéndolle o esforzo ós remitentes, tanta utilidade me teñen as análises xeoestratéxicas como os fármacos vigorizantes. O que pasa no Oriente Próximo ben o vexo nas cabeceiras dos telexornais e nas portadas dos periódicos: xente inocente morta irracionalmente a mans de xente que ten razóns.
Porque, despois de tanto tempo de conflicto, razóns ten o todo o mundo. Sen ir moito máis alá de medio século, tiñan razón os xudeus en solicitar un fogar propio e seguro despois de toda a vida de estar en todas partes como de prestado e coa maleta preparada por se viñan mal dadas. Pero tamén tiñan razón os habitantes de Palestina en opoñerse a terlle que deixarlle as súas terras ós recen chegados. Abreviando e actualizando, as razóns dos estados occidentais para considerar a Hizbulá unha organización terrorista son máis ou menos as mesmas polas que consideraban terroristas as actividades da Haganah, a organización militar do movemento sionista. Teñen razón os que aseguran que Israel é a única democracia da zona, pero tamén os que ven que a súa política radicalizou o fundamentalismo do contrario: a vella OLP era un movemento laico, con faccións radicais de esquerda e agora, como se demostrou cando votaron, a maioría da poboación apoia a un partido relixioso. Igualmente, o Líbano era un lugar que parecía gobernado por un consello de administración no que estaban representadas unha chea de faccións, e hai uns meses, manifestacións masivas conseguiron que se fose o exército sirio. Agora, que a maioría das víctimas dun bombardeo sexan nenos non contribuirá a desarmar militar ou moralmente ós protexidos de Siria. E ó revés, o obxectivo preferido dos mísiles de Hizbulá é a cidade de Haifa, a máis tolerante na convivencia de contrarios (porque, como din os seus habitantes, alí non hai sitios sagrados polos que pelexar).
O forno estaba xa cada vez para menos bolos, e para acabar de amañala, a clase política/mediática española tomou cartas no asunto. Agora mencionar a existencia do forno (e non digamos dos bolos), supón atraer as iras duns por antifornista ou doutros por probolista. Se aquí é polémico pedir que pare o intercambio de bombas, que menos que alí estean a matar.

(LA OPINIÓN, martes, 1 de agosto de 06)

Advertisements