Que mal repartido está todo, de verdade. Non é que estean mal distribuídos os bens escasos – ese clásico da reivindicación social -, é que ata se reparten mal os abondosos. E non falo de abundancias como a cantidade de sol, a extensión das praias, a azulinidade do mar, a beleza e donaire da poboación, e todas esas cousas que nos pregóns se agradecen á Providencia. Refírome as obras de enteira responsabilidade humana, mesmo municipal.

Como saberán se miran o resto do periódico ou, se carecen dese hábito, como poderán ver nas portas e paredes dos bares, nesta época organízanse, convócanse, prodúcense e perpétranse actos de todo tipo. Festas, feiras, romarías, verbenas, sesións vermús, concertos, festivais, eventos, conferencias, xornadas, xeiras, simposios, seminarios, mostras, exposicións, presentacións, demostracións, regatas, travesías, concursos, certames, piñatas, cucañas, campamentos, campionatos, opens, trainings, meettings, pregóns, benvidas, despedidas, almorzos, xantares, ceas, catas, degustacións, merendas e merendiñas. Alternativas festivas, lúdicas, culturais, de lecer, deportivas, náuticas, gastronómicas, étnicas ou báquicas. Para a diversión, a relaxación, a reflexión, a formación ou a dixestión. É posible, e mesmo inevitable, ver en directo, empolingados nos palcos e escenarios, cantando, tocando ou orneando, a todo pichichi que o resto do ano aparecera na televisión por calquera motivo.

Non é como para queixarse da cantidade (si se podería, e moito da calidade), pero o caso é que é materialmente imposible asistir non a todos ós actos que se celebran no teu radio de acción, senón mesmo ós que che interesan. Incluso hai que fiar ben fino para poder acudir ós ineludibles. A causa da inflación debe ser a idea xeneralizada de que no verán todo o mundo ten tempo (por moito que o 53% dos galegos non se poidan permitir nin siquera unha semana de vacacións), e daquela tanto as institucións públicas como as entidades privadas considéranse na obriga de entreter á cidadanía. Ou tamén que aquí somos moi de matarnos polos visitantes. Pero quitado algunha celebración específica para veciños, retornados e veraneantes, e outras que se teñen que realizar ó aire libre ¿non se podería repartir un pouco esta fartura polo resto do ano, que polo xeral é un aburrimento? Xa sei que o localismo ancestral que nos caracteriza imporía a liña de pensamento “vai descentralizando ti, e logo xa o farei eu”, pero para algo están as autoridades pertinentes. Toda celebración que congregase a máis dunha ducia de asistentes –quitado festas de recoñecida tradición, vodas, bautizos e primeiras comuñóns- debería contar cun permiso preceptivo da autoridade pertinente (xa se verá cal, se local, autonómica ou da administración xeral, se un organismo existente ou por crear). En aras da transparencia, cada ano publicaríase a lista de prazas de cada sector (festas, concertos, conferencias, etc..) e os parámetros para a concesión.

En definitiva trataríase de facer algo menos a cigarra e ser algo máis formiga neste asunto. Se damos racionalizado o planeta festeiro, é pan comido acometer o control do medio ambiente, o aforro enerxético…

(LA OPINIÓN, xoves, 3 de agosto de 06)

Advertisements