Desgraciadamente, despois dun tempiño de descanso no que poder reflexionar e cavilar sen a distorsión da urxencia (ou como decía o finado Cándido, sen que a actualidade agache a realidade), sigo nas mesmas. Ou pode que en peores. Sen saber máis, ou sen ignorar menos, do porqué dos incendios. E o malo non é que eu siga sumido na inopia, senón que non vexo moito máis clarividencia en quen debería tela. E tampouco percibo siquera ese agrupamento social instintivo ante o perigo común que ten calquera grea de herbívoros cando ventan a un felino. De feito, en que o lume prende no monte porque está a monte é a única posición común, incluído Alberto Núñez Feijoo cando volve coller aire, logo de soltar aquilo da Galicia verde que deixou o PP en herdanza. No demais, non hai coincidencia ningunha, nin entre compañeiros de trincheira, gremio ou institución. Dentro do fabuloso corpus teórico lígneo-ígneo que se está a producir, hai dúas liñas do pensamento principais, ou troncais, nunha mellor dito: a integrada (a que invoca iso das causas estructurais) e a apocalíptica (a que defende o da trama organizada). Os integrados ou realistas aseguran que o monte queimase porque todo –a política agraria, a forestal, a urbanística e a sindical, a cultura do lume, a ignorancia rural, etc.- está enfocado a que non haxa outra posibilidade que a de que se queime todo. Os que van e prenden efectivamente lume nese polvorín son meros instrumentos do determinismo socioeconómico, comparsas sen vontade, desequilibrados ou fanáticos sen evolucionar. Esta liña, tamén chamada conductista, é particularmente apreciada por analistas e comentaristas (permite facer socioloxía e non ter que sinalar a ninguén), e sustentada polos ecoloxistas (non lles fan caso, e así todo vai a peor). Con todo, dentro dos integrados, hainos optimistas (as cousas amañaríanse mudando a política agraria, forestal, etc.) e pesimistas (a industria da extinción é xa unha causa estructural). Os apocalípticos, como era de prever, aínda compartindo a tese central da existencia dunha organización, están escindidos radicalmente na interpretación práctica: para uns o problema é que hai unha organización para prender lumes, e para os outros o que pasa é que non a hai para extinguilos. As posicións son intercambiables, dependendo, e de feito, historicamente xa se teñen intercambiado. Despois destes dez días que conmoveron ó noso mundo fondo, de ires a sitios queimados e vires a lugares por queimar, de ler informes de tirios integrados e de escoitar argumentos de troianos de todo tipo, a única conclusión que podo respaldar minimamente é que posiblemente non lle falte razón a ningunha das teorías. (LA OPINIÓN, xoves, 17 de agosto de 06)

Advertisements