Realmente, a maiores do cambio climático, o Mundo este debería mandar mirarse o ralentí, a ver se é que estamos acelerados de máis. Non sei se lles pasa o mesmo, pero nestes días que queda agosto e verán para rato, a sensación que teño é de que rematou todo. Sinto a mesma anguria que me estragaba de pequeno os domingos pola tarde, ó pensar que remataba a fin de semana e o luns cedo había que reingresar no colexio. Pode ser cousa miña, pero xa me dirán se non. Ó ano xusto do goberno que aquí fixo carne o cambio político (ou mellor dito, O Cambio Político, porque era a primeira vez que aquí non gobernaba o centro, a dereita ou a postura que prefiran), hai unha crise gorda. A Fraga tardoulle unha década en aparecer o das vacas tolas (ben é certo que daquela tanto as vacas como os medios eran máis mansiños), a Felipe González demoróuselle outro tanto en emerxer o da corrupción e o GAL, e para que Aznar afrontara unha emerxencia tivo que poñerse o mundo patas arriba e el empeñarse en meterse no medio. Pero aquí abondou que se reproducise a previsible catástrofe de todos os veráns, pero máis cargada de bombo, para que abaneen os piares do noso mundo noroccidental e progresista acabado de estrear. Pase que agora non duren nada os coches nin os electrodomésticos, pero é que agora as situacións caducan con máis celeridade ca os iogures e por parecidas causas (non porque se deterioren, senón porque a caducidade estimula o consumo), ou coa froita, que en canto a sacas da cámara, máis que madurar, evoluciona.

Exactamente o mesmo que nos pasa con Paco Vázquez. Aínda estamos afacéndonos á súa ausencia, en pleno período de alivio (nas dúas acepcións: loito rebaixado ou consolo moderado), e xa nos metemos no asunto de dedicarlle o Paseo Marítimo. En poucos meses temos que disocialo do concepto alcalde para asimilalo ó rueiro. Do exercicio do cargo público cotián e tanxible á honra eterna e inmaterial do nomenclátor sen necesidade de falecemento intermedio (afortunadamente). Pasando por Roma, é certo, pero sen proceso de beatificación. A outros inmortalizados recentes, de Casares Quiroga a Alexandre Bóveda, custoulles 70 anos e unha traxectoria tan exemplar como tráxica chegar a ter, respectivamente, unha praza nas aforas e un vial sen casas. A Paco chegoulle medio ano de recordo para tomar posesión da metade do Paseo Maritimo, tanto treito que se podería subdividir en lexislaturas (Paseo PV-1983-87, Paseo PV 1987-91, etc.) De gobernar a cidade en persoa, a rodeala simbolicamente. Nin Pedro Barrié de la Maza, con ser o de Fenosa e o Pastor, ten tanto tramo (aínda que é certo que ten un dique de abrigo a maiores).

Claro que todas estas présas se poden deber a esoutra síndrome PV, a posvacacional que afecta a un de cada dous españois, segundo un estudo feito por unha asociación de cervexeiros (de fabricantes, non de consumidores). O estudo, quizais pola alegría dos patrocinadores, non especifica se o PV o padecen todos os cidadáns ou a escasa porcentaxe que pode coller vacacións, pero si o remedio: tomarse unhas cañas cos amigos e irse por aí na fin de semana. É dicir, a síndrome PV cúrase con máis do mesmo. Contra sobredose, fartura. Tanta velocidade acábase confundindo co touciño.

Advertisements