Unha amiga natural dunha cidade que non é esta nin as veciñas, contoume o caso que aconteceu na súa hai días. Un bazar chino apareceu un día pechado e houbo quen deu en atribuír esa circunstancia a un suceso ben truculento. Un matrimonio de idade foi alí mercar algo, e en canto entrou a muller, pecharon de súpeto a porta, deixando ó home fóra, e considerablemente mosqueado. Por moito que petou e teimou, os propietarios aseguráronlle que dentro só estaban os dependentes, así que chamou á policía. En canto apareceu a autoridade, apareceu tamén a señora perdida, atada e cunha serie de sinais pintadas no corpo, marcando máis ou menos os sitios por onde extraer órganos. Este é, desde logo, un fenómeno que chama á reflexión, pero como non é o único, o mellor é numeralos. Este é o FR1.
O Fenómeno para a Reflexión 2 é que, a pesar de que non é pequena, aínda que tampouco grande (a cidade, non a miña amiga), o caso correuse en pouco tempo por toda a poboación, mantendo a esencia do narrado, anque coas comprensibles variantes (non lle pasara non a un matrimonio senón a unha nai e ó seu fillo, a doante involuntaria de órganos estaba tirada polo chan e non sentada, etc.). Tanto se difundiu que medios de comunicación locais non tiveron outra que facerse eco do asunto (aquí o FR3), e fixérono asegurando que a policía non tiña constancia do caso, ou sexa, que nin confirmaba nin desmentía o rumor (FR4, como adiviñarían). O carozo do caso, o FR1, obviamente é unha variante da famosa lenda urbana do turista que vai por aí (Brasil, Tailandia), liga e/ou se embriaga, e logo esperta nun tugurio cunha cicatriz nos cadrís: mangáranlle un ril. O FR2 é como un conto chino así pode infestar amplas capas sociais, sorteando evidencias como que no terceiro mundo é máis cómodo e menos comprometido esfolar a un compatriota que a un turista occidental, e que tanto Copacabana como os bazares chinos de provincias son lugares pouco axeitados para extraer uns órganos, e menos para conservalos (non sirve o arcón dos conxelados). O FR3 é a paradóxica inversión do teórico e tradicional papel dos medios de comunicacións: no canto de contarlle á xente cousas que descoñece, agora o que fan é certificar a existencia oficial de cousas que a xente coñece de sobra. Colateral e coherentemente con este novo cometido (este é o FR4 ) a información periodística non ratifica nin rectifica o contido do rumor: simplemente recolle que corre por aí.
Ben, ó contrario do que pasa habitualmente coas lendas urbanas/contos chinos, o caso do bazar oriental/unidade de transplantes aclarouse (supoño): os indignados propietarios do establecemento inseriron un anuncio na primeira plana dun xornal local no que sinalaban que o peche era temporal e por mor dun trámite burocrático, e que presentaran unha denuncia contra os autores do infundio. Deséxolle a maior das fortunas ós denunciantes e ás forzas de seguridade que levarán a investigación, pero moito me temo que lles vai ser máis difícil deter ó autor que trincar a un incendiario que recoñeza que lle pagaron por prender lume. Curiosamente (FR5), nunha cidade veciña desenvólvese unha campaña para impedir que se estableza un bazar deses.
(LA OPINIÓN, xoves, 24 de agosto de 06)
Arre carallo,eu que criticaba o panorama xornalístico galego,que pensaba que A Coruna era unha das cidades máis provincianas do mundo.Como está o conto polo noroeste,que diría Zapatero.
E digo eu…. non lle sería mellor aos chinos sacarlle a casquería a unha muller que non fora de certa idade? Non entendo moito de como vai a cotización de mondongos, pero supoño que pasará como cos coches: canto máis kilómetros menos pasta….
Tamén o pensara, supoño que a variante da nai/neno era un intento de corrixir esa incoherencia inicial.
en Moaña, vai unhas semanas que un home entrou nun bazar chinés e degollou á propietaria (o comercio levaba como dez anos instalado sen problemas). Según o Faro de Vigo edición do Morrazo daqueles días, interrogado o autor do crime este recoñeceu o seu delito pero que o fixera porque a señora o chamara “galego de merda” en chinés. Resulta que á pregunta de si el entendía chinés o individuo respostou que non.
(Coido que este suceso podería merecer unha etiqueta tipo FR7)
En efecto, aquí está o FR7 (en plan Mourullo)
¿E non serán os vapores tóxicos eses das zapatillas, que volve medio tolo ó personal que visita ós bazares chinos?
O da señora podería ser certo e formaría parte dunha grande confabulación estranxeira para acabar coa raza española. Para facer semellante afirmación baséome nunha noticia publicada na web da Cadena Ser que di texualmente:
Los aztecas se comían a los conquistadores españoles
Lo demuestran los huesos hervidos hallados por arqueólogos (http://www.cadenaser.com/articulo/cultura/aztecas/comian/conquistadores/espanoles/csrcsrpor/20060824csrcsrcul_1/Tes/) e na coñecida doutrina do profesor de Georgetown Prf. D. José María Aznar López quen, nunha conferencia pronunciada na citada universidade, afirmaba que os atentados do 11-M eran a consecuencia da inquina que nos gardaban os sucesores de Boabdil dende que foron expulsados da pel de touro
hoxe touro de Osborne; eles, ao verse derrotados e frustrado o seu plan de acabar coa raza española, asentáronse en África e certas zonas de Asia a agardar o seu momento e co rencor que se acumula durante máis de 500 anos puxeron as bombas do 11-M (Se non era exactamente así era algo parecido).Máis aló desta sucinta introdución, o certo é que a noticia da Cadena ser abunda nese tipo de xornalismo de hoxe, onde o amarelo e o sensacionalista prima sobre todo
e se non que llo digan a Plutóne os informativos son unha sucesión de noticias truculentas e anécdoticas, aderezadas cun pouco de Principios Fundamentales del Sistema (PFS).Unha variación deste bulo da muller desaparecida no bazar chinés espallouse por Mieres. Outra por Salamanca. Incluso hai xente que di que a súa intención é informar e non alarmar sobre un “feito” similar en Palencia…
tras estes últimos datos (FP8, FP9 e FP10) a cousa xa ten rango de expediente-x
Pensar que, ata de agora, o máis escabroso que escoitara dos probos comerciantes chineses eran a mosqueante ausencia de cans e gatos arredor dos seus restaurantes e as sospeitas sobre a falsificación de camisolas do brasil do chino antonio (para quen non o saiva, famoso almacén sito no lucense polígono do ceao). Francamente, non sei onde imos parar….
Por certo, séguese sen saber nada da política rural de nunca máis da que falaba nun post anterior? que aínda o están buscando? pois vale, avísenme por favor cando a dean atopado …
O mellor das andanzas casteláns e leonesas do Conto Chino (FR1) é a salmantina: o tipo xa ten rexistrado o asunto como argumento unha cortometraxe, e nos comentarios hai unha chea de xente que pica.
E o Chino Antonio non é orixinario do polígono do Ceao, penso que foi coller a nave en Lugo logo de facerse coa metade dos baixos comerciais da Avenida Finisterre esquina a Ronda de Nelle na Coruña
Coño, pois razón de máis. A primeira transnacional galaico-chinesa. Non saberá por un casual se ten dereito ás axudas esas por cadea sucursalista….
Eu case mellor quedo calado. En fin.