Non sei se viron o anuncio ese tan bonito e tan plástico no que dúas pandillas urbanas de deseño están radicalmente enfrontadas sobre se o é mellor o sabor clásico dun refresco ou a nova versión light Cando xa están a piques de iniciar unha loita coreográfica e intercambiarse tremendos pas à deux e espagats mortais, os feroces contendentes descobren que o clásico e a novidade saben igual, e acougan. Se non o viron, fagan por velo, porque é unha alegoría da polémica dos incendios.
O enfrontamento entre pandillas, esa especie de estéril guerra civil entre marxinados, ten unha longa tradición no xénero tráxico. Desde Romeo e Xulieta ata xoias do cine como West Side Story ou Rumble Fish, e mesmo Bad, o videoclip de Michael Jackson que dirixiu Martin Scorsese. Agora sirve para anunciar un refresco novo que sabe como o de sempre. Se aceptamos a convención, por moi de ficción que sexa, de que a xente se pode matar ou facer que se mata por se unha zarzaparrilla está máis ou menos edulcorada, como non se van trivializar logo accións como tirar pedras desde os pasos elevados ós coches que circulan polas autopistas. (En UK, ou en Alemaña, con esas cousas non se xoga). Igual que esoutro spot no que unha grea de niñatos con xesto airado profiren aulliditos rebeldes para esixir un batido amarelo/violeta. Este tipo de polémicas de se a ficción inflúe na realidade só as provocan agora algúns videoxogos (que sen esa polémica soamente coñecerían os seguidores estrictos), a pesar de que a xente sabe que os videoxogos son de mentira, e a publicidade non.
Pois o dos lumes, igual. O que comezou como gran polémica sobre quen e por que rematou en canto, como é tradicional en Galicia nos sectores productivos e sobre de todo nas catástrofes ecolóxicas. As axudas económicas ós sectores afectados polos incendios forestais son unha mala copia das adoptadas cando as mareas negras. Se aquelas tiñan a xustificación de compensar un lucro cesante, algunhas destas compensacións ós afectados dos lumes vai ser como dar axudas ó que se lle afundiu un petroleiro porque o tiña descoidado. Esa chea de millóns que irán para remediar os efectos da catástrofe estaría mellor empregada en tentar converter o monte en algo productivo, transformar nunha actividade empresarial de silvicultura o actual ter plantados uns pinos. E, sobre todo, se os anteriores gobernantes, que fixeron da política de axudas, subvencións e sinecuras unha das belas artes, non adoptaron esa medida, por algo sería. Por exemplo para que, ademais da industria da extinción dos lumes, non se creara a industria da subvención polos lumes. En definitiva, moita controversia, e ó final, as medidas clásicas e as novas veñen sendo as mesmas: tapar bocas.
(LA OPINIÓN martes, 29 de agosto de 06)
Comeu esto, prezado sihomesi, respecto ao artigo publicado en La Opinión: “Desde Romeo e Xulieta ata xoias do cine como West Side Story ou Rumble Fish, e mesmo Bad, o videoclip de Michael Jackson que dirixiu Martin Scorsese.” (os links son suxerencias), e non sei se falta algo tamén nese “(En UK, con esas cousas non )” que engade aquí no blog.
Porra, pois é certo. Papeino precisamente ó tentar meter os link de Bad e o de UK. (Veño de ser pai, e ando espeso.
Gracias polo seguimento e pola advertencia, admirado Mourullo.
Parabéns, papá Pereiro e a toda a familia!
Moitas gracias
Hainos con sorte. Eu veño de ser tío abó por terceira vez. Moitas moitas felicidades.
Parabens moitas apertas dende o sur do mundo e se pasa dous meses sen durmir, xa sabe: é un home con sorte! hainos que pasan un ano o pode que mais…
Eu tamén me alegro polo pequeno sí, home, sí gran home. Ou é pequena?
Moitos parabéns. Dea detalles… nome e sexo polo menos. Un bico para o cachorriño e outro para a nai.
Cando vaian de paseo pola calle real van parecer do opus Agora xa sabemos en que consiste o seu plan para dominar o mundo Unha aperta
Parabéns por ser pai e polo seu bo gusto (máis pola parte de “West Side Story” que pola de “Bad”, claro).
Moitas felicidades pola paternidade (eu estou no mesmo caso).
E felicidades tamén polo artigo, que me parece brilante.
Parabéns, Pereiro. É claro que es un home consorte.
Menos mal que queda alguén lembrando aos elexidos que hai quen cala, por imprudencia cesante, mas asi e todo non outorga.
Ai!A paternidade,que bonito debe ser iso!Como unha lumerada,pero das boas.Bueno,non digo máis cursiladas.Moitas felicidades para vostede e para a súa sufrida dona.(Polo parto,non polo home)
Parabéns pereiro
Parabéns, Sr. Pereiro, polo si-homiño-si. Déalle a benvida a este recuncho do universo da miña parte.
Eu non vou ser menos. Parabens pol@ nen@, e disfriutao hasta que empeze a dar berriños porque quere zarzaparrilla violeta. O dos lumes é así, non sei se comprar terreos deses que non quer ninguén e despois prenderlle lume, ¿canto dis que pagan por ferrado?, é pra calcular o que teño que mercar pra que dea uns 1500 euros o mes.
Completamete abrumado, reitero o meu agradecemento en xeral e en particular a cada un de vostedes. O tema, máis debullado no seguinte post, perpetrado como puiden na situación de zafarrancho na que me atopo.
Mire unha cousa: cando intento ir aos artigos supostamente mais lidos, aparezo sempre aquí, neste, outra vez. ¿Sabe se pasa algo, ou será cousa miña? Gracias.
Está vostede na miña lista de recomendacións do Día dos Blogs:
http://ouriceira.blogaliza.org/2006/08/31/31-de-agosto-dia-dos-blogs/
Feliz día!
Portorosa: non é cousa súa, tamén me pasa a min
e a máis xente que usa wordpresse non sei por que. Supoño que haberá que usar o search…Xabre: “eternamente agradecidooooo!” (Rosendo, obras completas)