Aquí hai dúas fotos da expedición ecoloxista do Xurelo, hai 25 anos, contra os verquidos tóxicos fronte ás costas galegas. Descubra as 5 diferenzas entre a foto orixinal e a publicada.
SOLUCIÓN:
29 Venres Set 2006
Posted Matrix Press, Xeral
inAquí hai dúas fotos da expedición ecoloxista do Xurelo, hai 25 anos, contra os verquidos tóxicos fronte ás costas galegas. Descubra as 5 diferenzas entre a foto orixinal e a publicada.
SOLUCIÓN:
29 Venres Set 2006
Posted Si home si
inA próxima vez que escoiten ou lean algo sobre políticas de apoio á vida familiar, consideren que nesas palabras (sen contar as preposicións) hai alomenos dúas mentiras e outras tantas medias verdades. Por seguir teimando no meu caso, eu era dos convencidos de que algo se fixera polos pais coa paternidade recén estreada: Una leche (maternizada, por suposto), se me permiten a expresión castiza.
Eu xa sabía que as nais, como suxeitos activos (ou pasivos?, nunca o teño claro) do parto e dos resultados que del derivan, teñen dereito a 16 semanas de baixa, prorrogables a catro máis por lactancia. O que ignoraba é que a solicitude ten que ir necesariamente acompañada dun certificado médico de baixa, como se o de parto non fose suficientemente explícito sobre o estado da beneficiaria. Quedóuseme gravado porque tiven que facer a xestión dúas veces. Na primeira, en canto cheguei á casa todo orgulloso co papeliño, a beneficiaria advertiu que lle puxeran unha baixa de 30 días. En cando rematei de xestionar a baixa da nai, púxenme coa miña. Eu son tan iluso que pensei que todos os pais eramos suxeitos pasivos (agora penso que está ben) do Plan Concilia ese que anunciaron, oito días de baixa paternal. Pola cara que me puxeron cando o invoquei, advertín que non, que está reservado ós funcionarios. No meu convenio figuran tres días de vacacións (e de tres a cinco por falecemento de familiar, en evidente desproporción) que xa gastara entre pitos e frautas burocráticas. Fedellando en internet, descubrín que a nai pode renunciar a unha das súas semanas en beneficio do cómplice necesario da aparición do bebé. Aparecín pola oficina do INSS provisto do formulario baixado de internet e xa cuberto e asinado, todo cheo de razón. Nin caso. Non é que dera co tópico funcionario correúdo e mesmo mosqueado de que un civil se autoabasteza de formularios. Dei con un tan educado como estrañado da petición.
– Terao que pedir a súa muller – tentou despexar.
– E que a miña muller é de MUFACE – interceptei.
– Pois o pídao en MUFACE – teimou
– Pero é que eu son da Seguridade Social – resistín.
Como era educado, mesmo llo consultou á xefa, pero o único que saquei en conclusión é que ou son raros os matrimonios mixtos (MUFACE-INSS) ou sono as cesións nai-pai dunha semana. Tamén de que perdera a cartilla do INSS, así que fun pedir unha á central, e de paso preguntar polo meu. Outro funcionario deume ó momento a cartilla, pero solución, ningunha. Pinteille un panorama familiar desolador no que a miña presencia no fogar era imprescindible, e logo tirei pola vía da complicidade de xénero (“mire que, por eses cambios hormonais ou o que sexa, vaise arrepentir de darme a semana…”). Díxome que a ver se nunha oficina especializada que estaba nun primeiro piso nunha rúa pouco coñecida. Como para sospeitar, se eu non fose xa algo maior para ser suxeito pasivo de trata de brancos. De alí a unha semana, a muller dun compañeiro que traballa alí (ela, el traballa comigo) deu desencriptado o trámite: tiña que telo solicitado antes do parto, non sei se en MUFACE ou no INSS. Despois de ter adiviñado o duros que eran os primeiros días con bebé, supoño. A xente que lexisla debe ter os fillos criados ou vivir cos sogros.
(LA OPINIÓN, xoves, 28 de setembro de 06)
27 Mércores Set 2006
O que todos sabiamos pero non había maneira de facelo evidente, sobre os intríngulis das xestións municipais. Atención ó momento "control do gasto".
(A todo esto, ¿cal é relación contractual dos gaiteiros e con quen?)
26 Martes Set 2006
Posted Si home si
inSen ánimo de atentar contra a igualdade que garante a Constitución, sosteño que hai dous tipos de cidadáns: os que se saben navegar nos mares da burocracia e os que naufragan nela. É unha habilidade innata ou adquirida que non ten que ver coa orixe xeográfica, coa clase social ou co grado de educación. Eu son dos náufragos, dos náufragos redondos, a pesar de que coidaba que me fora espelindo coa experiencia. Foi ter un fillo e comprobalo.
Como o da paternidade/maternidade é un uso social relativamente raro, informarei ó público non advertido que o primeiro que hai que facer, axeitadamente provisto do certificado que dan no hospital xunto coa criatura, é ir ó rexistro a apuntalo no libro de familia. O trámite é rápido e sinxelo, quitado que te chames Xosé. Nese caso tes que aclararlle á amable funcionaria que te chamas Xosé con X, e non José con J, nin tampouco Xosé con J. No noso libro de familia, a parte alícuota masculina do matrimonio propietario-fundador do libro é Xosé, pero o pai dos dous primeiros nenos é José. Neste caso cheguei a tempo. Poderalles parecer unha parvada, pero unha vez que a miña muller fixo nun organismo público o comentario inocente de que o seu pai era Fernando Julián e non Fernando Juan, como poñía no seu DNI, tivemos que atrasar unha viaxe e facer un pasaporte novo.
Logo, como a criatura que queda berrando na casa fai o número 3, aínda que non haxa No-Do para que te saquen en plan cidadáns exemplares, fun todo orgulloso a facerme co título de familia numerosa. En internet –invento polo que eu supuña ata agora que me ía dando maña coa burocracia- aseguraban que había que personarse coas fotocopias debidamente compulsadas do DNI e do libro de familia. É decir, que soamente se fiaban da fotocopia dun documento feita nesa ou noutra oficina, pero non do documento entregado en man polo interesado. Afortunadamente, non tardei en descubrir que eses requisitos estaban caducados. (Non é de estrañar que as familias se negaran a traer nenos a un mundo en mans de autoridades que esixían un trámite previo que elas mesmas poden facer de vez, sen máis historias). Aínda así, logo de entrar na delegación provincial correspondente, tiven que saír a fotocopiar o carné, anque puido ser pola miña culpa, por ser un cortado e non preguntar se alí non tiñan fotocopiadora. Pero se un vai provisto da fotocopia de marras (ademais de ter tres fillos), o libro de familia numerosa fano no momento. Incluso fan dous, se estragan o primeiro por poñer José Manuel… Alí tamén me deron o enderezo da páxina web dunha asociación que penso que preside o próximo candidato do PP á alcaldía de Compostela, e na que me ofrecen descontos nun concesionario de Mercedes, nun clinic do Atlético de Madrid e tamén acoller a cinco irmáns húngaros. Procurando pola miña conta, dei coa web oficial na que me informan que, mandando unha instancia, teño dereito a 216 litros de leite Tal, que poderei recoller –agardo que non necesariamente todos xuntos- nos supermercados Cal. Non sei se agardar polos do No-Do…
Ben, moi interesante –dirán algúns deses que non aprecian as digresións- , pero ¿cales son os seus problemas coa burocracia, fóra do José/Xosé?… Mentres o que fagas é apuntar ó neno no sistema, poucos, pero como queiras pedir unha baixa…
(LA OPINIÓN, martes, 26 de setembro de 06)
23 Sábado Set 2006
Posted Xeral
inExcelente idea (supoño, doutores ten o blogomillo), pero ¿é para tanto como para poñer esa cara?
21 Xoves Set 2006
Posted Si home si
inDescúlpeme se está lendo isto empoleirado nun tellado, no medio dun mar de auga lodosa, á espera de que o rescate unha zodiac de Protección Civil ou un helicóptero de SOS Galicia, o que chegue antes. Ou se o lee porque se foi a luz a media noite e non veu desde aquela, e o único dos servicios que nos caracterizan como sociedade civilizada que funciona é a distribución deste periódico e pouco máis. Ou funcionan máis cousas, pero a forza dos elementos e a debilidade dos sistemas de prevención conxuráronse para producir outro drama no mar ou onde sexa, como aventurou nestas páxinas o agoiro de Ánxel Vence. Pero desde a placidez do momento en que eu escribo isto, nunha tarde noite desas que nos lugares pequenos a xente aproveita para poñerse a falar diante das portas das casas, o do ciclón-furacán-tormenta tropical Gordon parece unha cousa tan allea como o golpe de estado de Tailandia, gracias ó que soupemos que en Tailandia había democracia, a monarquía era constitucional e mandaba un tal Sinatra.
En situacións coma esta, na que o temporal, as súas posibles características e os seus presumibles efectos son un futurible que como moito dá para tema de conversación, o que é pesado de verdade é ser xornalista. Máis pesado que cando hai unha catástrofes de verdade, circunstancia dura en todos os aspectos, pero considerablemente máis levadeira. Ó fin e ó cabo, aí pasa algo que hai que tentar contar, e neste caso haise que exprimir para contar o que se supón que vai pasar. Hai que admitir que as administracións fan esforzos para axudar, como anunciar que reforzaron os servicios de prevención e auxilio, e facer chamamentos á precaución, á prudencia e a procurar non levar ningún golpe. Por unha parte, que menos, porque o temporal como xénero informativo inventárono elas para quitarse de culpas se pasa algo e botárllelas ós cidadán que se empeñan en viaxar ou saír da casa. E por outra, tampouco é moita axuda, porque en realidade as medidas preventivas consisten en cousas como deixar a motoserra fora do almacén para poder collela sen ter que espertar ó encargado de material no caso de que haxa que cortar algunha árbore potencialmente perigosa. Ou en poñerlle retén a bombeiros/axentes que tiñan esperanzas de librar. Ou, nun alarde de coñecemento da propia idiosincrasia, aconsellar non ir á Torre de Hércules nin ó Milenio (e que así Corcoba poida denunciar a irresponsabilidade municipal de non mencionar o Dique de Abrigo).
Pero iso non dá para encher un dente, señores, que levamos 24 horas de alerta/alarma/información de servicio (segundo os medios). E nos Estados Unidos sae xente cegando portas e ventás dos chalés cravando chapas de aglomerado cunhas remachadoras ben chulas, ou carretando auga e víveres nas camionetas de caixa aberta. En China moreas de soldados amontoan sacos de area nas beiras dos ríos e en Centroeuropa flemáticos xubilados pedalean coa auga pola metade das rodas da bici. Aquí, como moito arrincas dalgún mariñeiro condescendiente a información de que si, que van ter que amarrar, e consigues que os cidadáns correntes repitan as consignas oficiais como se creran nelas.
Menos mal que continúa a ser noticia que se siga indo a luz en canto os postes abanea co aire.
(LA OPINIÓN xoves, 21 de setembro de 06)
19 Martes Set 2006
Posted Si home si
inAnda Bieito XVI todo preocupado polas consecuencias das súas declaracións sobre o islam. E máis preocupada aínda ca el anda a cristiandade que exerce en países onde impera a relixión vilipendiada e que nalgúns casos está no punto de mira (no senso estricto de punto de mira). Aínda que non lle sirva de nada, nin a el nin ós apuntados, penso que Ratzinger-BXVI ten razón no que dixo, pero non no que calou. Exactamente igual que os manifestantes de SOS Contra o Lume.
O Papa BXVI ten razón – ou tíñaa aquel emperador bizantino de quen sacou a cita de marras – ó criticar ós que predican a conversión relixiosa pola espada. E parte do Islam, ou xente que se ampara nesa crenza, sigue defendendo hoxe ese método de adoutrinamento. BXVI non ten razón cando cala que ese xeito de predicar a paos usárono tanto, con base teolóxica ou sen ela, os seguidores de Mahoma como os seus antecesores no papado. Se temos en conta que as crenzas relixiosas parten da base de que encarnan a verdade absoluta, é case lóxico non andar templando gaitas á hora de defendelas. A doutrina católica e as sucesivas escisións non se difundiron gracias á forza de convicción da COPE, senón que se impuxeron por métodos máis agresivos e contundentes (ou tanto). Que agora non se faga así débese a que as sociedades consideradas cristiáns acadaron un certo grao de civilización, quitado en zonas dos Estados Unidos.
Teñen tamén máis razóns ca 25.000 santos os asistentes a esa manifestación convocada o pasado domingo por SOS Contra o Lume, a máis grande dos últimos 15 anos en Galicia segundo Mariano Rajoy (ó que todas as anteriores lle deberon coincidir cun partido do século do Real Madrid). Téñena en proclamar que, na súa opinión, a loita contra os incendios este mes de agosto foi un fracaso e que se fixo tarde, mal e arrastro. Pero non a teñen ó esixir unha investigación cando nunca se preguntaron por que arderon medio millón de hectáreas desde 1990, ou indemnizacións cando non as houbo nos 16 anos anteriores. Ou criticar o suposto veraneo do presidente Touriño cando o presidente Fraga estivo probadamente cazando/desaparecido no Prestige. Ou pedindo as dimisións que non se produciron cando a marea negra (a de Cuíña non vale, que non foi por ética). E tiña razón o alcalde de Barro e presidente de SOSCoL, Landín, cando dixo que non era “artista, cantante o filibustero”. Non a ten cando calou que era o mesmo Landín que o 31 de agosto dixo que “escoitara” que quen planta lume ó monte “son os ecoloxistas que queren rematar cos eucaliptos para trasladar Ence” e unha semana despois asegurou que “nas conversas das tabernas hai quen di que pode ser cousa de terrorismo de estado” (que era a Xunta quen queimaba, vamos). O mesmo Landín que xa en marzo consideraba o traslado de Ence como “fruto dunha conversación de taberna á que nos ten acostumbrados o goberno da Xunta de Galicia”. En definitiva, Landín ten razón cando asegura que non é precisamente un artista, pero non cando oculta a orixe dos seus argumentos: cando vai ás tabernas, escoita voces.
(LA OPINIÓN, martes, 19 de setembro de 06)
14 Xoves Set 2006
Posted Si home si
in Quizais a algúns lles pareza raro, pero non estou de acordo coas críticas que lle fixeron ó PP por instruír ós seus alcaldes para que fosen a modo e sen herniarse á hora de facer as brigadas contra os lumes. Non estou de acordo co que dixo José Blanco de que esa estratexia revelaba que a famosa trama incendiaria existe, e está nos despachos do PP. Nin tampouco coa petición que lles fixo Anxo Quintana de que aclarasen se mantiñan a mesma postura de non apurar cando xa ardían os montes.
Non estou de acordo con Blanco por coherencia. Creo que no do lume hai unha trama de intereses, pero non nesas tramas nas que acreditan desde Romay a Feijoo e de Touriño a Suárez Canal, dependendo dos días. E se non creo que prende os montes unha desas organizacións tipo Spectra, con esforzados sicarios uniformados con esquijamas, menos vou crer que comparta domicilio social co PP. E aínda quitando o de ir vestidos de ninjas, tampouco creo que nas sede populares repartan artefactos incendiarios ós militantes, igual que os das comisións de festas lles reparten foguetes ós veciños para que os boten despois do xantar o día do patrón. E tampouco vexo ós alcaldes e concelleiros do PP facendo unha folga de celo ou exercendo a resistencia pasiva no medio dos incendios. Pero non sei se é peor o que vexo que o que non creo.
O que vexo é que a única reticencia real dos concellos ó novo sistema de convenios era que a consellería interviña na selección de persoal. Non é cousa miúda, porque pode supoñer que haxa diferencias de criterio ou de varas de medir sobre o grao de coñecementos esixidos ós candidatos (se precisan ser moi coñecidos ou simplemente amigos, e de quen) e de feito, se ó final a maioría dos alcaldes do PP non seguiron a consigna do partido foi ou por sentido común, lealdade institucional ou porque máis vale persoal consensuado en man que centos de contratos a dedo no aire. O resto da actitude e do informe é o que parece: ímosllo poñer difícil (“especialmente difícil” por utilizar a terminoloxía do informe) a ver si se esnafran. Non negarse a pelexar pero si, como argumentaba aquel oficial prudente, advertir que calquera demostración de valor por parte dos seus homes poñeríaos en contacto co inimigo. É ata certo punto humano –da parte mala do lote humano- alegrarse das desgracias alleas (como aquel socialista madrileño imbécil que dixo “y si hace falta hundimos otro barco” cando o do Prestige) pero outra cousa é ser cómplice delas, aínda que sexa por omisión.
Claro que eso é o que eu vexo. Tamén hai quen pode crer que todo foi cousa dunha unha dirixente coruñesa, entusiasta de máis, que foi por libre. Ou que o partido apeado hai un ano da xestión autonómica quixo poñer o seu know how ó servizo dos novos encargados, e como non se deixaban aconsellar, elaborou unha abnegada estratexia para levalos, calada e municipalmente, ó rego. Mesmo hai quen pode pensar, e mesmo decir, que podería ser o mesmo PP o filtrante do documento, para forzar a comisión de investigación sobre os incendios. Ou haxa quen esixa investigar se o tal Trashorras ten algún pito que tocar neste asunto. Todo pode ser. Xa outro conservador, Chesterton, decía que podía crer no imposible, pero non no improbable.
(LA OPINIÓN, xoves, 14 de setembro de 06)
11 Luns Set 2006
Posted Si home si
inAntes había xente á que soamente lle quitaron unha fotografía na vida, a do carné, ou nin siquera, porque a algúns sacábanllas de morto para lembrar como era, como aquel pai do conto de Castelao que lle pedía que debuxara ó fillo que agoniaba. Agora, calquera persoa amorea milleiros de imaxes ó longo da súa existencia, desde que nace ata que morre, e mesmo antes, porque están de moda unhas ecografías tridimensionais e en color que parece ser que sacan ó feto cuspidiño a como vai ser, para ir afacéndose á pinta que vai ter e poder ir discutindo xa a quen se parece. No mundo occidental soamente debe haber unha excepción a esa sobredose icónica: Natascha Kampusch, a rapaza austríaca que non tivo imaxe ningunha entre os 10 e os 18 anos, e agora é das caras máis difundidas por todo o mundo.
Hai moitos, sobre todo neste ramo de opinantes, que se laian e escandalizan do impacto mediático ó que está sometida a rapaza. Este opinante concreto non sabe que opción recomendar ou de que queixarse neste caso. Natascha dixera primeiro que quería dar por escrito a súa versión dos feitos, logo dala en persoa pero non a cara descuberta e finalmente saíu como sae todo o mundo neste negocio: o máis radiante e favorecido posible. Quizais tomou a decisión de converter a súa imaxe en icona universal pola forzada abstinencia de oito anos de non poder ensinar fotos dos cumpreanos que non festexaba ós amigos que non tiña. Ou se quere resarcir da soidade que pasou presentándose en todos as casas pola ventá dos televisores. Ou mesmo, xa que a vida lle xogou esa mala pasada (“por que me pasou a min entre millóns de persoas”, recorda que pensaba nos primeiros tempos da súa nova vida ou non-vida) por que non sacarlle proveito dalgunha forma. Non se me escandalicen agora vostedes. Nos Estados Unidos hai criminais tremendos que sacan cartos con libros ou guións baseados nas animaladas que cometeron. E por outra parte, a razón para pensar que Natascha é unha boa persoa é unicamente o pouco razoado sentimento de que debe selo en compensación polo que sufriu. A mesma idealización das víctimas que consciente ou inconscientemente se fixo cos mortos do 11-S e do 11-M, presentados como as persoas entrañables que posiblemente o eran para os seus deudos, cando obxectiva e estatisticamente, algún habería que fose unha besta ou un maltratador.
De feito, coa formación que recibiu na época da vida en que se forma a personalidade, non é como para abrigar grandes esperanzas dun favorable desenvolvemento persoal, por desgracia. Só hai que reflexionar como actúa un encerro dun mes e unha sobredose de popularidade nos concursantes de Gran Hermano, por moito de que xa os deben de escoller con tendencia ó desequilibrio mental e emocional. Non é, sen embargo, o caso de Natascha, (ou a xuventude austríaca é completamente distinta da española). Tamén quere ser actriz, pero tamén se imaxina estudiando psicoloxía, periodismo ou dereito. E ten cabeza bastante como para decir primeiro o que pensa (que sentíu a morte do seu secuestrador) e logo o que a xente agarda dela que pense (que ás veces soñaba con decapitalo). Sen que unha cousa quite a outra, porque ninguén soporta oito anos en permanente estado de terror, e o mecanismo de sobrevivencia do ser humano fai que te afagas e acomodes dalgún xeito. E quitado o pecado orixinal do rapto e do patolóxico illamento posterior (do que a policía xa anda a procurar inductor intelectual), a educación de Natascha non foi moito máis represora do que era habitual nalgúns casos, tempos e lugares aínda próximos.
Tamén simbolicamente, a pesar de que, polo que se sabe, a rapaza tivo bastantes opcións de escapar, fíxoo ós 18 anos, cando considerou ou sentiu que necesitaba emanciparse. De pasar aquí o caso, Natascha non escaparía ata cumprir polo menos os 35 anos.
(FARO DE VIGO)
10 Domingo Set 2006
Posted Xeral
inTeaser dun documental sobre o asunto que estará rematado en novembro. Para ir facendo boca
(by apointment Bocixa)