Pasoume a min e posiblemente a moita máis xente. Que estaba/estabamos máis pendentes doutros asuntos, e soamente así se entende que pasara medianamente desapercibido o caso da redada antiambulantes da semana pasada na rúa Real. Pois tarde piaches, dirá algún, con toda a razón, ou case. A parte que lle falta e que eu teño é a de qué pasou ou que está pasando para que a cousa non fose a maiores e non collera as súas xustas proporcións, as dun auténtico escándalo.

         “O de Palestina é moi complicado, o de América do Sur non está tan claro, adoitan decir os correspondentes de guerra e os analistas internacionais”, citaba o escritor P.J. O’Rourke. “O de Filipinas é así de sinxelo: Ferdinand Marcos merecería que lle cravasen as orellas a un parachoques e o arrastrasen por todo Manila”, concluía. Pois o da redada na Rúa Real, (RRR) e así de sinxelo: foi un escándalo redondo e sen matices, tanto na forma como no fondo. Na forma porque entendo que para os axentes da lei, afeitos a comer tres ou catro veces ó día, non é doado coller a xente nova para a que a vida foi sempre unha auténtica pista americana. Así que é comprensible que supliran a diferencia de forma física coa táctica de pechar as saídas, pero non que converteran practicamente un espacio público nun circuíto de rodeo, en todos os aspectos e sobre todo no do trato ós capturables. Se fan iso na máis tradicional e señorial arteria comercial coruñesa non quero imaxinar como sería o operativo nun polígono industrial.  A saña do modus operandi da RRR é rechamante ademais nun contexto xudicial no que outros delincuentes presuntos, como o maromo da Pantoja, en canto os pillan, en vez de dar gracias á Macarena por ter zafado tantos anos de explicar como deron amasado tantos cartos, consiguen ir librando do talego por achaques de saúde ou por problemas de axenda.

         E menos xustificable é o fondo da cuestión. Falsificar está mal, porque é vender gato por lebre, igual que fai a chamada publicidade enganosa (como se houbera outra). Sen embargo, vender un desodorante asegurando que se o usas non vas dar atendido a tanta muller, ou servir cubatas de gin “Lirios” é legal, pero ofrecer a copia dun bolso a alguén que sabe perfectamente que non é orixinal, non. Non o é porque os fabricantes orixinais din que lles ocasiona perdas millonarias, cando en todo caso deberían falar do que deixan de ganar, e realmente nin iso, porque quen merca unha copia por 30 euros non tiña a máis mínima intención de gastar 300 no orixinal. Houbo tamén detidos por atentar contra a propiedade intelectual (que así se chama a vender copias de productos, aínda que sexan raguetón, feitas en soportes polos que xa se paga un canon). É un delicto tan grave que moitos dos delincuentes págano coa expulsión do país, mesmo algún despois de ser condenado xudicialmente a indemnizar á SGAE en 193 euros. É decir, xente que para poder emigrar de países con salarios medio 1 euro ó día tívolle que pagar 3.000 euros a uns mafiosos e arriscar a vida nun bote, ten que comezar de cero (en realidade de -193) para manter pulgóns como Ramoncín ou Miguel Ríos ou engordar as contas correntes de Alejandro Sanz ou de Bisbal, Bustamante ou Babieca, ou como se chame o hortera ese dos rizos…     E o malo é que pasa todos os días, con redadas ou sen elas.

 

 

(LA OPINIÓN martes, 5 de setembro de 06)

Advertisements