Entre as argumentacións que escoitei no debate no Parlamento sobre os incendios, ou alomenos unha das poucas que me quedou, foi unha de Carlos Aymerich de que cando non hai planificación pública, haina privada e o resultado está a vista. Non houbo, ou alomenos non me quedou, reacción ningunha, política ou mediática, o que non deixa de ser sorprendente, porque calquera liberal que se prece, neo ou paleo, se tiraría á xugular denunciando o rancio estatalismo intervencionista dese argumento.
Quizais non houbo reacción porque, no que se refire á política forestal, que é ó que se refería en concreto o voceiro do BNG, é difícil non estar de acordo. Sería altamente improbable que calquera xestión alternativa á actual empeorase a situación. Ou tamén porque o outro desastre ambiental destes días, o vertido tóxico ó río Umia, parece demostrar a veracidade do aserto aymerichiano. Accidentes hainos e haberaos sempre, e as normativas evítanos nalgúns casos e no resto sirven para eximir de culpa ás autoridades, pero neste parece ser que a compañía química Benntag utilizaba a planta de Caldas de Reis para cometidos distintos ós que tiña autorizados, e que precisarían maiores medidas de seguridade das que había. E iso que é alemana e todo, imaxinen que non o fose, como esoutra ou esoutras da zona que decidiron que xa que o río está como está, non se van notar unhas escorras a maiores. En realidade non se sabe se estas cousas e estes casos pasan pola relaxación do control público das actividades privadas, ou máis ben porque é o sector privado o que decide as políticas públicas. Está o caso do forestal, no que as autoridades nin quitaban nin poñían normas, pero promovían o eucalipto. Ou o de Reganosa, onde a administración decidiu que o lugar idóneo para espetar unha planta de gas, por raro que lle parecese ós non sabidos, casualmente era onde xa tiña os terreos o promotor do asunto. Máis ou menos o mesmo método que usan as empresas acuícolas, ás que lle parece fatal que o goberno non se limite a poñer a metade dos cartos e pretendan decir onde se poden instalar e onde non. Por non falar do urbanismo, ese mundo aparte onde se pode facer simultaneamente a lei e a trampa. Ou eses outros casos, nunca demostrados, nos que o sector privado e o público coincide na mesma persoa.
Unha situación, en resumo, que levaría a un inxenuo a propoñer que fosen as empresas e non os partidos as que se presentasen ás eleccións. Claro que tamén está o caso contrario: unha empresa privada que nun estudio técnico e imparcial encargado polo Concello de Vigo conclúe que o mellor sistema para sanear a ría sería anular as depuradoras actuais e facer un túnel para levar todas as augas residuais, fundamentalmente as da cidade olívica, ata Baiona aproveitando que é costa abaixo (alomenos no mapa). Como decía o século pasado (sen saber que coincidiría máis ou menos con Aymerich) Sir Colin Chapman, o fundador da compañía automovilística británica Lotus: "Fai a suspensión axustable e axustarana mal".
(LA OPINIÓN xoves, 7 de setembro de 06)
O problema é que ate moitos dos técnicos da administración supostamente independentes están politizados ou influídos por intereses externos. Agora todos nos espantamos polo río Umia, mas foi un verquido pontual: cantos pequenos verquidos polúen todos os días os nosos ríos. Se realizásemos análises de auga (e cada mostra custa só 15 euros) unha vez ao mes en puntos críticos quedaríamos sorprendidos.
Eu estaría case de acordo co seu razonamento se substituíra “empresa” por “negocio”, que obviamente non é o mesmo.
Relacionar, sequera indirectamente, unha suposta xestión privada do monte coa desfeita de agosto non é de recibo na miña opinión. E moito menos misturado con especuladores urbanisticos, empresas químicas, acuicultura ou consultoras de enxeñería hidraulica, para amosar o pérfido que resulta o sector privado. A cousa queda moi bonita para consumo dos lectores do xornal, seguro que todos eles honrados, capaces e patriotas asalariados e/ou funcionarios, pero resulta pelín escorada.
Ah, esquecía: non teño a menor idea de quen foi o que fixo o famoso estudo de depuración na comarca de vigo, e moito menos coñezo o seu contido. Supoño que vostede si: de outra maneira pareceríame un pouquiño frívola a ironía sobre imparcialidades, independencias e costas abaixo.
Desculpe o tono desabrido pero xa sabe como as gastamos os trolls.
Os trolls vigueses, ademais. Nunca ousaría debater con alguén cunha sólida formación técnica como eSedidió, pero así en bruto, paréceme antieconómico ter que transportar o meirande caudal (supoño que Vigo xera alomenos a metade do total de residuos da contorna)a outro lugar que centralizar caudais máis cativos. Eso supoñendo que sexa bo centralizalos e suprimir as depuradoras xa existentes, por moito que non sexan grande cousa.
Eu tampouco ouso, maiormente porque carezo de datos. A min, como a vostede, mosquéame que a proposta poda ser en realidade a excusa para desbloquear o PXOM de Vigo, máxime tendo en conta como as gastan os políticos vigueses. Pero tamén podería ocorrer que o estudo fora serio e solvente. Non o sei.
A razón do meu enfado está na teima que ten todo o mundo de cuestionarse a independencia dos técnicos e a imparcialidade dos traballos polo mero feito de cobraren honorarios. Tamén jodería que traballaran/mos polo morro.
A min tenme ocorrido ser lapidado por algún listo que non coñecía o contido dun traballo noso, simplemente polo feito de ser contratado por algún adversario político do individuo en cuestión. E pódolle asegurar que jode, sobre todo cando se ten en conta o montón de horas, de esforzos e de ilusións metidas tentando facer as cousas o mellor que un sabe. Aínda non naceu o político capaz de facerme traballar a medida, e penso que eu non son unha excepción. Por suposto que existen técnicos de cámara, tanto dunha banda como da outra, pero alá eles. Craro que tamén hai xornalistas de cámara, nonsi?.
Como dixo un político veterano unha vez, “habería que pulsar algunhas opinións, pero non deses parvos que temos en plantilla”
despois do asunto do porto exterior coruñes ¿a alguen lle importa os custes economicos ou a viabilidade técnica de algo neste puto pais?.
Relacionar o da depuradora da Porro co do PXOM, por enriba falando do desbloqueo, pareceme un pelin inxenuo. Pero si o principal beneficiario politicamente do bloqueo do pxom é o pp, dígallo a nosa alcaldesa como acedeu o cargo senon.
E dos informes dos técnicos, abogados, inxeñeiros, medicos e demais tropa, primeiro saber quen os paga e sobre ese dato, opinar, o demais son ganas de enredar…