Antes había xente á que soamente lle quitaron unha fotografía na vida, a do carné, ou nin siquera, porque a algúns sacábanllas de morto para lembrar como era, como aquel pai do conto de Castelao que lle pedía que debuxara ó fillo que agoniaba. Agora, calquera persoa amorea milleiros de imaxes ó longo da súa existencia, desde que nace ata que morre, e mesmo antes, porque están de moda unhas ecografías tridimensionais e en color que parece ser que sacan ó feto cuspidiño a como vai ser, para ir afacéndose á pinta que vai ter e poder ir discutindo xa a quen se parece. No mundo occidental soamente debe haber unha excepción a esa sobredose icónica:  Natascha Kampusch, a rapaza austríaca que non tivo imaxe ningunha entre os 10 e os 18 anos, e agora é das caras máis difundidas por todo o mundo.

         Hai moitos, sobre todo neste ramo de opinantes, que se laian e escandalizan do impacto mediático ó que está sometida a rapaza. Este opinante concreto non sabe que opción recomendar ou de que queixarse neste caso. Natascha dixera primeiro que quería dar por escrito a súa versión dos feitos, logo dala en persoa pero non a cara descuberta e finalmente saíu como sae todo o mundo neste negocio: o máis radiante e favorecido posible. Quizais tomou a decisión de converter a súa imaxe en icona universal pola forzada abstinencia de oito anos de non poder ensinar fotos dos cumpreanos que non festexaba ós amigos que non tiña. Ou se quere resarcir da soidade que pasou presentándose en todos as casas pola ventá dos televisores. Ou mesmo, xa que a vida lle xogou esa mala pasada (“por que me pasou a min entre millóns de persoas”, recorda que pensaba nos primeiros tempos da súa nova vida ou non-vida) por que non sacarlle proveito dalgunha forma. Non se me escandalicen agora vostedes. Nos Estados Unidos hai criminais tremendos que sacan cartos con libros ou guións baseados nas animaladas que cometeron. E por outra parte, a razón para pensar que Natascha é unha boa persoa é unicamente o pouco razoado sentimento de que debe selo en compensación polo que sufriu. A mesma idealización das víctimas que consciente ou inconscientemente se fixo cos mortos do 11-S e do 11-M, presentados como as persoas entrañables que posiblemente o eran para os seus deudos, cando obxectiva e estatisticamente, algún habería que fose unha besta ou un maltratador.

         De feito, coa formación que recibiu na época da vida en que se forma a personalidade, non é como para abrigar grandes esperanzas dun favorable desenvolvemento persoal, por desgracia. Só hai que reflexionar como actúa un encerro dun mes e unha sobredose de popularidade nos concursantes de Gran Hermano, por moito de que xa os deben de escoller con tendencia ó desequilibrio mental e emocional. Non é, sen embargo, o caso de Natascha, (ou a xuventude austríaca é completamente distinta da española). Tamén quere ser actriz, pero tamén se imaxina estudiando psicoloxía, periodismo ou dereito. E ten cabeza bastante como para decir primeiro o que pensa (que sentíu a morte do seu secuestrador) e logo o que a xente agarda dela que pense (que ás veces soñaba con decapitalo). Sen que unha cousa quite a outra, porque ninguén soporta oito anos en permanente estado de terror, e o mecanismo de sobrevivencia do ser humano fai que te afagas e acomodes dalgún xeito. E quitado o pecado orixinal do rapto e do patolóxico illamento posterior (do que a policía xa anda a procurar inductor intelectual), a educación de Natascha non foi moito máis represora do que era habitual nalgúns casos, tempos e lugares aínda próximos.

         Tamén simbolicamente, a pesar de que, polo que se sabe, a rapaza tivo bastantes opcións de escapar, fíxoo ós 18 anos, cando considerou ou sentiu que necesitaba emanciparse. De pasar aquí o caso, Natascha non escaparía ata cumprir polo menos os 35 anos.

 
(FARO DE VIGO)

 

Advertisements