Quizais a algúns lles pareza raro, pero non estou de acordo coas críticas que lle fixeron ó PP por instruír ós seus alcaldes para que fosen a modo e sen herniarse á hora de facer as brigadas contra os lumes. Non estou de acordo co que dixo José Blanco de que esa estratexia revelaba que a famosa trama incendiaria existe, e está nos despachos do PP. Nin tampouco coa petición que lles fixo Anxo Quintana de que aclarasen se mantiñan a mesma postura de non apurar cando xa ardían os montes.
Non estou de acordo con Blanco por coherencia. Creo que no do lume hai unha trama de intereses, pero non nesas tramas nas que acreditan desde Romay a Feijoo e de Touriño a Suárez Canal, dependendo dos días. E se non creo que prende os montes unha desas organizacións tipo Spectra, con esforzados sicarios uniformados con esquijamas, menos vou crer que comparta domicilio social co PP. E aínda quitando o de ir vestidos de ninjas, tampouco creo que nas sede populares repartan artefactos incendiarios ós militantes, igual que os das comisións de festas lles reparten foguetes ós veciños para que os boten despois do xantar o día do patrón. E tampouco vexo ós alcaldes e concelleiros do PP facendo unha folga de celo ou exercendo a resistencia pasiva no medio dos incendios. Pero non sei se é peor o que vexo que o que non creo.
O que vexo é que a única reticencia real dos concellos ó novo sistema de convenios era que a consellería interviña na selección de persoal. Non é cousa miúda, porque pode supoñer que haxa diferencias de criterio ou de varas de medir sobre o grao de coñecementos esixidos ós candidatos (se precisan ser moi coñecidos ou simplemente amigos, e de quen) e de feito, se ó final a maioría dos alcaldes do PP non seguiron a consigna do partido foi ou por sentido común, lealdade institucional ou porque máis vale persoal consensuado en man que centos de contratos a dedo no aire. O resto da actitude e do informe é o que parece: ímosllo poñer difícil (“especialmente difícil” por utilizar a terminoloxía do informe) a ver si se esnafran. Non negarse a pelexar pero si, como argumentaba aquel oficial prudente, advertir que calquera demostración de valor por parte dos seus homes poñeríaos en contacto co inimigo. É ata certo punto humano –da parte mala do lote humano- alegrarse das desgracias alleas (como aquel socialista madrileño imbécil que dixo “y si hace falta hundimos otro barco” cando o do Prestige) pero outra cousa é ser cómplice delas, aínda que sexa por omisión.
Claro que eso é o que eu vexo. Tamén hai quen pode crer que todo foi cousa dunha unha dirixente coruñesa, entusiasta de máis, que foi por libre. Ou que o partido apeado hai un ano da xestión autonómica quixo poñer o seu know how ó servizo dos novos encargados, e como non se deixaban aconsellar, elaborou unha abnegada estratexia para levalos, calada e municipalmente, ó rego. Mesmo hai quen pode pensar, e mesmo decir, que podería ser o mesmo PP o filtrante do documento, para forzar a comisión de investigación sobre os incendios. Ou haxa quen esixa investigar se o tal Trashorras ten algún pito que tocar neste asunto. Todo pode ser. Xa outro conservador, Chesterton, decía que podía crer no imposible, pero non no improbable.
(LA OPINIÓN, xoves, 14 de setembro de 06)
e alguen pode pensar (eu) que algun amigo tiña que decirlle a coruñesa do pp, que os teus mais peligrosos enemigos encontranse no partido ou organización human (incluidas as de duas persoas) na que te atopes e que, nunca, baixo ningún concepto, deixes por escrito algo que podan utilizar na tua contra os teus teóricos afins. Ainda que a estas alturas xa se daría conta porque cómo íamos a enterarnos do papel se non fose unha filtración….
Pola súa ideoloxía é normal que o PP non tena dilixencia ningunha na loita contra a desertización cultural e económica de Galiza.Pero a súa neglixencia culposa na desertización física lévanos a outra dimensión.
Imaxinemos a refinería ou unha empresa calquera.Chega un director novo e un novo encargado da seguridade,dous tipos repugnantes, así que os directores doutros departamentos deciden que os extintores novos comenzarán a usarse cando lles envíen a documentación toda.É o mes de xuno,vai moita calor, e o outro día xa saltaran unhas chispas,pero hai que amolar ó director para que vexa quen manda….Que pasaría se o día seguinte a empresa convírtese nunha lumerada e morren tres operarios?
Bueno,en realidade o pasar da destrucción cultural e económica á destruccíon física xa comenzara cando o Prestige.Claro que daquela os truhanes tinan a excusa da fidelidade a Madrid(que llo pregunten a Cuina).Parece que agora,para escacha_lo país vanse amanar sen axuda de fóra.
PD.Senor Álvarez,se non me trabuco,a do PP é betanceira e non corunesa.Como bibliotecario xefe de sHs,debería dar datos máis precisos,que os coruneses xa temos de abondo co que apandamos.:)
PD.sHs,como siga escribindo así,haberá que dicirlle ós de Hachette ou ós de The Observer que non gasten tantos cartos con Houellebecq ou con Amis.Seguro que con vostede arranxarían por unha miguina menos e esas empresas ganarían en categoría
Sr.Pardo, moi agradecido pola crítica literaria (porque supoño que a PD debe ser un eloxio…)
Como non vai ser!Para min é unha ledicia ler a Amis(fillo)ou a Houellebecq,como tamén ler o que bota vostede no pote de sHs.Se cadra falei de dous escritores que non son do Estado Español porque incomodoume un pouco iso da endogamia do blogmillo.Hai blogs que fan provincianismo madrileño e recollen pequenos ruxe-ruxes corporativos,e,en xeral,os blogs do mundo enteiro reflexan as pequenas manías e os grandes egos dos autores.Vostede,pola contra, non ten esas doenzas.
Eu tamén son devoto de Amis jr., do seu ex-amigo Barnes, de Irvine Welsh e de Hornby (deste, despois de “Cómo ser buenos”, estoume quitando). De Houellebecq, nadiña, como de ningún francés , quitado a belga esa que se criou no Xapón, e que foi perdendo gas segundo ía subindo …
Pereiro, ainda as de ter razón no que dis. A verdá é que nesas cousas de tramas tipo spectra solo creen os do PP, e algúns nenos. Pero xa sabes que nós somos ghalleghos endogámicos, e creemos en todo canto nos digan, sean meighas ou tesouros. Ademais a eses do PP poñan a careta que poñan, “conocemolos coma aruda” je je. A min tamén me ghusta Amis (fillo), pero ti tamén, a pesar de ser ghallegho
Suscribo (entusiasta) o de Amis e tamén o de Houellebecq (Sr. sHs, bótelle paciencia e reléao que paga a pena). Do resto non lles sei pero tentarei facerme con algo. E do outro, totalmente de acordo. A min tamén me pareceu chisco esaxerada a interpretación á vista da literalidade do informe.
Asdo. eSedidió, Primeiro Secretario (provisional) do CTHPPNPS (Comité de Técnicos Humanistas Pro Premio Nobel Para sHs)
Pero como que non lle gusta a cultura francesa!Sen querer facer de comisario político,advírtolle que o rexeitamento do francés é unha constante do nacionalismo español dende Fernando VII a José María Aznar,por citar dous persoeiros de moita categoría.E que en Francia mesmo os políticos conservadores son xente elegante(coa excepción de Sarkozy).A min de Francia gústame todo,dende o viño a Vanessa Paradis.Home,tamén recoñezo que son un macarra de Monelos, e que en canto escoito o acento francés váiseme o espíritu crítico e actívaseme outra parte do cerebro.
Bueno,se non lle gustan sempre pode rir un cacho deles.Hai unha foto moi boa nas memorias de Amis.Nela o fillo, completamente bébedo, escoita ó pai,igualmente bébedo,imitar ós intelectuais franceses.Seguro que a cousa era para esmendrellarse de risa.
PD.Derradeiro consello literario.Veño de ler semente máxica de Naipaul e gustoume moito.Recoméndolla mesmo ó sector máis marxista-revolucionario de sHs.Ou especialmente a eles,hai que coñecer ó enemigo.
PD.Señor eSedidió,espero que a Secretaría pague os billetes do avión a Estocolmo tamén ós membros de base de sHs.
Falando de bases e alturas. Non sei se someter á sua consideración a oportunidade -é decir, se paga a pena meterse nunha liorta allea- de opinar sobre militancia, dereitos e deberes, abnegación ou patrimonialismo… a conta dun certo debate que hai por aí…
Someta, someta, pero non fale en clave que non son horas…..
Pois eu coido que un foro ilustrado e librepensador como è sHs deberìa estar ò marxe das miserias partidistas.
Claro que unha viaxe a Estocolmo reafirmarìame moito nos meus principios sHs e mesmo estarìa disposto a votar pola sùa querida Amèlie….
Ninguén está a salvo das miserias, e máis vale non estalo. (Isto vai collendo unha profundidade do demo)
Xa.Vostede é que é un progresista,pero de verdade.Tiña que ter nacido en Finlandia,ou alomenos en Suecia.Sexamos optimistas,por eiquí os tempos non son chegados,pero falta pouco.
Non pode ún faltar tres días do país, coño, e ao quin levántanselle en armas….. Menos mal que quedou o insigne (quinta) columnista Barreiro encargado de poñer a cada ún no seu sitio…..
Sr. sHs, faga algo, que entre os lumes de onte e os fumes de hoxe ímonos quedar sen vice, co ben que da nas cámaras….
Alá vou. Vexan o post de mañá.