Descúlpeme se está lendo isto empoleirado nun tellado, no medio dun mar de auga lodosa, á espera de que o rescate unha zodiac de Protección Civil ou un helicóptero de SOS Galicia, o que chegue antes. Ou se o lee porque se foi a luz a media noite e non veu desde aquela, e o único dos servicios que nos caracterizan como sociedade civilizada que funciona é a distribución deste periódico e pouco máis. Ou funcionan máis cousas, pero a forza dos elementos e a debilidade dos sistemas de prevención conxuráronse para producir outro drama no mar ou onde sexa, como aventurou nestas páxinas o agoiro de Ánxel Vence. Pero desde a placidez do momento en que eu escribo isto, nunha tarde noite desas que nos lugares pequenos a xente aproveita para poñerse a falar diante das portas das casas, o do ciclón-furacán-tormenta tropical Gordon parece unha cousa tan allea como o golpe de estado de Tailandia, gracias ó que soupemos que en Tailandia había democracia, a monarquía era constitucional e mandaba un tal Sinatra.

         En situacións coma esta, na que o temporal, as súas posibles características e os seus presumibles efectos son un futurible que como moito dá para tema de conversación, o que é pesado de verdade é ser xornalista. Máis pesado que cando hai unha catástrofes de verdade, circunstancia dura en todos os aspectos, pero considerablemente máis levadeira. Ó fin e ó cabo, aí pasa algo que hai que tentar contar, e neste caso haise que exprimir para contar o que se supón que vai pasar. Hai que admitir que as administracións fan esforzos para axudar, como anunciar que reforzaron os servicios de prevención e auxilio, e facer chamamentos á precaución, á prudencia e a procurar non levar ningún golpe. Por unha parte, que menos, porque o temporal como xénero informativo inventárono elas para quitarse de culpas se pasa algo e botárllelas ós cidadán que se empeñan en viaxar ou saír da casa. E por outra, tampouco é moita axuda, porque en realidade as medidas preventivas consisten en cousas como deixar a motoserra fora do almacén para poder collela sen ter que espertar ó encargado de material no caso de que haxa que cortar algunha árbore potencialmente perigosa. Ou en poñerlle retén a bombeiros/axentes que tiñan esperanzas de librar. Ou, nun alarde de coñecemento da propia idiosincrasia, aconsellar non ir á Torre de Hércules nin ó Milenio (e que así Corcoba poida denunciar a irresponsabilidade municipal de non mencionar o Dique de Abrigo).

         Pero iso non dá para encher un dente, señores, que levamos 24 horas de alerta/alarma/información de servicio (segundo os medios). E nos Estados Unidos sae xente cegando portas e ventás dos chalés cravando chapas de aglomerado cunhas remachadoras ben chulas, ou carretando auga e víveres nas camionetas de caixa aberta. En China moreas de soldados amontoan sacos de area nas beiras dos ríos e en Centroeuropa flemáticos xubilados pedalean coa auga pola metade das rodas da bici. Aquí, como moito arrincas dalgún mariñeiro condescendiente a información de que si, que van ter que amarrar, e consigues que os cidadáns correntes repitan as consignas oficiais como se creran nelas.

         Menos mal que continúa a ser noticia que se siga indo a luz en canto os postes abanea co aire.

 

(LA OPINIÓN xoves, 21 de setembro de 06)

Advertisements