Sen ánimo de atentar contra a igualdade que garante a Constitución, sosteño que hai dous tipos de cidadáns: os que se saben navegar nos mares da burocracia e os que naufragan nela. É unha habilidade innata ou adquirida que non ten que ver coa orixe xeográfica, coa clase social ou co grado de educación. Eu son dos náufragos, dos náufragos redondos, a pesar de que coidaba que me fora espelindo coa experiencia. Foi ter un fillo e comprobalo.

            Como o da paternidade/maternidade é un uso social relativamente raro, informarei ó público non advertido que o primeiro que hai que facer, axeitadamente provisto do certificado que dan no hospital xunto coa criatura, é ir ó rexistro a apuntalo no libro de familia. O trámite é rápido e sinxelo, quitado que te chames Xosé. Nese caso tes que aclararlle á amable funcionaria que te chamas Xosé con X, e non José con J, nin tampouco Xosé con J. No noso libro de familia, a parte alícuota masculina do matrimonio propietario-fundador do libro é Xosé, pero o pai dos dous primeiros nenos é José. Neste caso cheguei a tempo. Poderalles parecer unha parvada, pero unha vez que a miña muller fixo nun organismo público o comentario inocente de que o seu pai era Fernando Julián e non Fernando Juan, como poñía no seu DNI, tivemos que atrasar unha viaxe e facer un pasaporte novo.

            Logo, como a criatura que queda berrando na casa fai o número 3, aínda que non haxa No-Do para que te saquen en plan cidadáns exemplares, fun todo orgulloso a facerme co título de familia numerosa.  En internet –invento polo que eu supuña ata agora que me ía dando maña coa burocracia- aseguraban que había que personarse coas fotocopias debidamente compulsadas do DNI e do libro de familia. É decir, que soamente se fiaban da fotocopia dun documento feita nesa ou noutra oficina, pero non do documento entregado en man polo interesado. Afortunadamente, non tardei en descubrir que eses requisitos estaban caducados. (Non é de estrañar que as familias se negaran a traer nenos a un mundo en mans de autoridades que esixían un trámite previo que elas mesmas poden facer de vez, sen máis historias). Aínda así, logo de entrar na delegación provincial correspondente, tiven que saír a fotocopiar o carné, anque puido ser pola miña culpa, por ser un cortado e non preguntar se alí non tiñan fotocopiadora. Pero se un vai provisto da fotocopia de marras (ademais de ter tres fillos), o libro de familia numerosa fano no momento. Incluso fan dous, se estragan o primeiro por poñer José Manuel… Alí tamén me deron o enderezo da páxina web dunha asociación que penso que preside o próximo candidato do PP á alcaldía de Compostela, e na que me ofrecen descontos nun concesionario de Mercedes, nun clinic do Atlético de Madrid e tamén acoller a cinco irmáns húngaros. Procurando pola miña conta, dei coa web oficial na que me informan que, mandando unha instancia, teño dereito a 216 litros de leite Tal, que poderei recoller –agardo que non necesariamente todos xuntos- nos supermercados Cal. Non sei se agardar polos do No-Do…

            Ben, moi interesante –dirán algúns deses que non aprecian as digresións- , pero ¿cales son os seus problemas coa burocracia, fóra do José/Xosé?… Mentres o que fagas é apuntar ó neno no sistema, poucos, pero como queiras pedir unha baixa…

 

(LA OPINIÓN, martes, 26 de setembro de 06)

 

Advertisements