A próxima vez que escoiten ou lean algo sobre políticas de apoio á vida familiar, consideren que nesas palabras (sen contar as preposicións) hai alomenos dúas mentiras e outras tantas medias verdades. Por seguir teimando no meu caso, eu era dos convencidos de que algo se fixera polos pais coa paternidade recén estreada: Una leche (maternizada, por suposto), se me permiten a expresión castiza.
Eu xa sabía que as nais, como suxeitos activos (ou pasivos?, nunca o teño claro) do parto e dos resultados que del derivan, teñen dereito a 16 semanas de baixa, prorrogables a catro máis por lactancia. O que ignoraba é que a solicitude ten que ir necesariamente acompañada dun certificado médico de baixa, como se o de parto non fose suficientemente explícito sobre o estado da beneficiaria. Quedóuseme gravado porque tiven que facer a xestión dúas veces. Na primeira, en canto cheguei á casa todo orgulloso co papeliño, a beneficiaria advertiu que lle puxeran unha baixa de 30 días. En cando rematei de xestionar a baixa da nai, púxenme coa miña. Eu son tan iluso que pensei que todos os pais eramos suxeitos pasivos (agora penso que está ben) do Plan Concilia ese que anunciaron, oito días de baixa paternal. Pola cara que me puxeron cando o invoquei, advertín que non, que está reservado ós funcionarios. No meu convenio figuran tres días de vacacións (e de tres a cinco por falecemento de familiar, en evidente desproporción) que xa gastara entre pitos e frautas burocráticas. Fedellando en internet, descubrín que a nai pode renunciar a unha das súas semanas en beneficio do cómplice necesario da aparición do bebé. Aparecín pola oficina do INSS provisto do formulario baixado de internet e xa cuberto e asinado, todo cheo de razón. Nin caso. Non é que dera co tópico funcionario correúdo e mesmo mosqueado de que un civil se autoabasteza de formularios. Dei con un tan educado como estrañado da petición.
– Terao que pedir a súa muller – tentou despexar.
– E que a miña muller é de MUFACE – interceptei.
– Pois o pídao en MUFACE – teimou
– Pero é que eu son da Seguridade Social – resistín.
Como era educado, mesmo llo consultou á xefa, pero o único que saquei en conclusión é que ou son raros os matrimonios mixtos (MUFACE-INSS) ou sono as cesións nai-pai dunha semana. Tamén de que perdera a cartilla do INSS, así que fun pedir unha á central, e de paso preguntar polo meu. Outro funcionario deume ó momento a cartilla, pero solución, ningunha. Pinteille un panorama familiar desolador no que a miña presencia no fogar era imprescindible, e logo tirei pola vía da complicidade de xénero (“mire que, por eses cambios hormonais ou o que sexa, vaise arrepentir de darme a semana…”). Díxome que a ver se nunha oficina especializada que estaba nun primeiro piso nunha rúa pouco coñecida. Como para sospeitar, se eu non fose xa algo maior para ser suxeito pasivo de trata de brancos. De alí a unha semana, a muller dun compañeiro que traballa alí (ela, el traballa comigo) deu desencriptado o trámite: tiña que telo solicitado antes do parto, non sei se en MUFACE ou no INSS. Despois de ter adiviñado o duros que eran os primeiros días con bebé, supoño. A xente que lexisla debe ter os fillos criados ou vivir cos sogros.
(LA OPINIÓN, xoves, 28 de setembro de 06)
hehehe…. en canto escriba o libro recopilatorio dos seus traballos domestico-paternais (SupersHs contra o Dr. Postparto, suxiro como titulo) resérveme o primeiro exemplar.
Por certo, que non se pode imaxinar vde. como é o proceso se a nai da criatura é pequenoempresaria, amén de que non coñezo ningunha que non estivera de volta no choio ás 8 semanas e co bebé pegado á teta….
Você desculpe a expresión, pero este país te es la ostia
¡¡¡¡¡ÚLTIMA HORA!!
O certificado médico non vale por segunda vez, porque é de baixa e non de parto!
¿E si proba a facer como Asterix nas doce probas? Unha das probas era superar un trámite burocrático e, cando Asterix e Obelix se deron conta de que ían tolear antes de conseguilo, pediron un formulario que non existía e foron os propios funcionarios os que tolearon e acabaron dándolle o papeliño. É unha idea, ou iso ou vaia co pequeno a facer ós trámites, para chore e lle haxa que cambiar os pañais nas oficinas, ou suscitar o instinto maternal-paternal dos funcionarios e obvien calquera pequeno detalle ou omisión nos papeleos.
Bueno, xa ve que só se me ocurren opcións marrulleiras, porque polas boas temo que leve vostede as de perder.
ola, bos días!! de casualidade atopei esta páxina e gustoume, só que me gustaría saber máis sobre esta páxina e en que consiste. graciñas
Vén sendo un blog dun xornalista chamado X. M. Pereiro que mete boa parte dos momentos libres pasando aquí cousas que fai noutras partes, ou non, e discutindo con que llas len. Agradecido pola visita e polo interese. Desde que Vd. chegou, xa pasaron case un par de anos.