Desde logo, non me gustaría estes días estar na pel de Fernando Martín, o que foi presidente do Real Madrid e será propietario de Fadesa. Non soamente por ter que aturar todas as felicitacións que debe estar recibindo por ser o peixe pequeno que deu comido ó grande. Tamén polo inmisericorde asedio telefónico que debe estar soportando.

         – Don Fernando, le paso una llamada de Galicia, el señor Núñez Feijoo.

         – ¿Es el mismo Pérez Feijoo que llamó ayer?

         – No, aquel era don Emilio Pérez Touriño, el presidente de la Xunta, este es el señor Alberto Núñez Feijoo, presidente del PP de Galicia.

         – Ah, bien. Páseme. Y llame a Lendoiro y dígale que podrá seguir poniendo el rótulo en las camisetas, pero que quiero que me nombre director deportivo… ¿Sí?

         – ¿Fernando?, soy Alberto N…

         – ¡Hombre, Alberto, que hay!

         – Te llamo por lo de Fadesa, ya te imaginarás… Es que aquí tenemos mucha preocupación por el asunto, y como el presidente no se aclara…

         – ¿Cómo que don Manuel no se aclara?

         – No, don Manuel ya no está en la presidencia, desgraciadamente, ahora está Emilio…

         – ¿El presidente es Emilio Jove? No os echaréis atrás ahora, que tengo un compromiso con Esperanza para trasladar aquí la sede social…

         Como isto non é unha columna de investigación admito que esta conversa é ficticia e malamente argallada para que coincida cos meus intereses. En concreto os de evidenciar o moito que cambiaron as cousas coa democracia, ese sistema que Noel Clarasó definiu como arte de obter diñeiro dos ricos e votos dos pobres co obxectivo de protexer ós uns dos outros. Antes, levar e traer unha empresa para onde lle petara ó propietario, vendela ou comprala, era decisións soberanas que a autoridade apoiaba de cheo. Unión Eléctrica fusionou/ absorbeu Fenosa entre os fervorosos aplausos de toda canta institución había, civil, militar ou mediática. Reaccións sorprendentes como as do alcalde Losada felicitándose pola noticia –da de Fadesa, non da de Fenosa- só se explican polo shock ou por resaibos daquelas caducadas conductas políticas.

         Agora, vistos os resultados do intocable albedrío empresarial, toca preocuparse. Persoas que ganaron os seus cargos en duras lides políticas, pídenlle favores a outros que nin se deron mantido ó mando dun club de fútbol. Representantes da cidadanía co dereito e o deber de marcar o rumbo dun país, no goberno ou na oposición, solicitan entrevistas con solartenientes que fixeron fortunas mercando montes e agardando (sexamos ben pensados) a que a aproximación da cidade ó campo os converta en urbanizables. Pode parecer raro, pero no fondo é habitual que os responsables políticos estean así de esixidos. Polos representantes dos traballadores, que ven perder ou trasladarse o seu posto de traballo, ou polos residentes deses lugares urbanizados, que reclaman ás administracións as vías e servicios que os solartenientes non lles fixeron.

         Así que, Presidente (ou presidentes), falen o que queiran e negocien o que podan, pero que non nos custe nin cartos nin a liña da costa.

(LA OPINIÓN, martes, 3 de outubro de 06)

Advertisements