O sistema habitual de argumentar coma un parvo é elevar unha anécdota persoal a categoría xeral. Pero tamén hai asuntos tan complexos que o mellor xeito de entendelos é en base a unha experiencia individual. En concreto, a min revelóuseme en gran medida os intríngulis do rebumbio que se organizou na pasada década no que foi Iugoslavia cando o xornalista vigués Alfonso Armada contou nunha reportaxe as peripecias que pasou en Sarajevo para recuperar o coche que lle mangaran. Esta fin de semana, no mesmo xornal no que daquela traballaba Armada, exemplificaban o drama da inmigración no caso dun rapaz chamado Abdelgani, pero para min que o símbolo máis acaído do que pasa, ou da imposibilidade de evitar o que pasa é Feliciano. Feliciano Paolo Sampa.

Abdelgani simboliza perfectamente a ansia dos desherdados que se matan por chegar a Europa. Ten 17 anos dos que 15 pasounos na súa aldea natal, sen máis horizonte que a supervivencia, outro recluído nun centro de menores en Madrid e leva o restante en Tánxer tentando furar como sexa para volver a España. “Soamente a morte me impedirá regresar”, di coa épica altisonante que dá a mocidade ou falar cun xornalista. Ós 17 anos e sen moito futuro á vista, a morte é moito mellor alternativa que volver á aldea a que se rían de ti por fracasar, que é o que el asegura que lle pasaría. É decir, os que queren vir non é que tomaran unha decisión persoal, senón que acatan unha opción colectiva. Contra esa poderosa corrente de necesidade económica, decisión individual e presión social está, ademais do mar, Feliciano Paolo Sampa.

 Feliciano é a autoridade de Varela, unha aldea de Guinea-Bissau preto da fronteira con Senegal onde se concentran os candidatos a inmigrantes para dar o último salto en cayuco ás Canarias. Feliciano conta co que el chama espingarda (un fusil ametrallador Kaláshhnikov), unha lanterna e un paraugas. Ten un salario de 20 euros ó mes que hai catro que non cobra e tivo unha moto que lle deu un misioneiro pero que lle rompeu, polo que o lle cumpría sería un todoterreo, segundo lle dixo a unha serie de periodistas ós que alguén debeu levar alí para que entrevisten a esta versión subsahariana daquel famoso vixía de Occidente e vexan o pouco que colaboran os países de orixe. Feliciano tampouco ten calabozo, nin supoño que lle serviría de moito: o modelo de cárcere para delictos menores que vin en Mozambique consistía nun cerrado de varas no que os reos ían pasaban alí o día e pola noite volvían ás súas casas, a durmir e presumiblemente a comer. Así que como non pode deter os que alí chegaron para embarcar, dedícase a espantalos. Tendo en conta o que cobra –máis ben o que non cobra- suponse que espantará ós que xa chegan sen un can.

Decía que Feliciano é un símbolo, porque resulta que o goberno español ofreceulle ó de Senegal 20 millóns de euros de axuda para evitar ou reducir a inmigración. O malo é que eses cartos nunca chegarán ós Felicianos.

(LA OPINIÓN, martes, 10 de outubro de 06)

Advertisements