Eu son alérxico ó ácido bórico, ou alomenos todo o mundo me decía que a miña alerxia a tocar o marisco viña diso, de que lle botaban bórico para conservalo. Non sei se tiñan razón ou non, porque ó final convertinme en alérxico redondo a calquera relación co marisco, non soamente á táctil (quitado a visual, claro). Así que o bórico perdeu peso específico na miña vida.

        Unha mágoa, porque agora en que a tal substancia está en boca de todos, eu podería andar por aí de experto, dando declaracións e conxecturando vínculos islámico-etarras baseados no uso en que o uso do bórico como desodorante pedicuro estendeuse entre a militancia abertzale logo da estancia dos seus líderes en Arxel, onde trabaron relación cun muláh especialista en remedios tradicionais ou non tanto sempre que fosen contrarios ás directrices das multinacionais farmacéuticas occidentais. Home, non digo que a miña experiencia e coñecemento sobre o traído e levado bórico fose bastante para ser chamado a declarar no xulgado de Garzón (de feito, pese ó que lle achacaron unha importancia decisiva na miña traxectoria nutricional e gustativa, nunca o vin en directo, cara a cara e ignoro que pinta tén), pero si podería terciar modestamente nalgunha polémica.

         Para maior desgracia, do que si podería perorar ata o aburrimento (propio ou alleo) é do caso do alcalde Landín de (des)Barro, ese que se presentou cunha minipancarta ou macropin na comisión parlamentaria sobre os incendios e que, requerido para que apeara o letreiro (alí xa teñen uns, parecidos ós dos telediarios pero en papel, para que todo o mundo saiba quen é cada quen), ergueuse, botoulle ós presentes a culpa dos mortos polo lume e foise por onde veu. Eu podería recordar que ese señor xa non é a primeira vez que co asunto dos incendios perde non os estribos, senón o xinete (en descritiva expresión dita por un alcalde coruñés que non é o que están pensando). Botándolle á culpa primeiro ós ecoloxistas e logo ou á vez os contrarios á celulosa de Pontevedra e finalmente cualificando o desastre como “terrorismo de estado” conseguiu unha relevancia que non tivo con vinte e pico anos de mandato local. Pero o fenómeno Landín supón a aparición sorprendente en Galicia, en concreto no PP de Galicia, do homo zaplanensis, un vestixio do xurásico acebense que ata agora se pensaba que aquí non se daba. Dado que é médico, e polo tanto pasou pola universidade, desmonta a teoría que se tiña por certa de que os estudios académicos son unha forma de educación. Analizar o caso esixe unha formación científica da que carezo, e mesmo non sei que fai aquí en vez de aparecer en The Lancet, Muy Interesante ou Quo.


(
LA OPINIÓN, xoves, 12 de outubro de 06)

Advertisements