Unha das cousas que me admiran do mundo actual é o calculo das perdas económicas provocadas por determinados fenómenos (non é que non me admiren as ganancias, pero esa é outra). Por exemplo, as estimacións dos prexuízos que lle ocasionan ás chamadas prácticas contra a propiedade intelectual ás industrias fonográfico-cinematográficas. Ou o cuantificación de horas e esforzos perdidos que ocasiona o spam, esa marea de correos electrónicos publicitarios que invade os ordenadores. Medir esas magnitudes paréceme algo máis próximo á teoloxía que á economía.

En concreto, que a industria do CD-DVD contabilice como perdas o número de copias dos seus productos que non lles compran e eles non deixa de ser unha hipótese bastante optimista. Baséanse no improbable suposto de que un consumidor que se fai por 3 euros coa copia do último traballo de Alejandro Sanz (que desgraciadamente ademais non vai ser o último) gastaría 30 na edición orixinal nunha tenda se non se lle interpuxera a tentación en forma de vendedor ambulante. Máis ou menos como se os concesionarios de Harley Davidson contabilizaran como perdas as cifras de vendas de vespinos.

Igual pasa co spam, esa chamada publicidade non desexada – como se houbese moita desexada- que anega os buzóns electrónicos. Nos USA calculan que son spam o 90 por cento dos emails, e que cada traballador perde 4,4 segundos en desfacerse deles. Mesmo hai un programa informático que lle calcula de balde a cada empresa as perdas (que serán sempre maiores que o que custa o programa antispam que vende). No buzón de toda a vida, a porcentaxe de propaganda (neste caso chamada mailing) é máis ou menos a mesma, e por riba gástase papel, pero ninguén calcula as perdas que ocasiona ós destinatarios, nin as bolsas de lixo que se necesitan para darlles saída. Tampouco en ningún dos dous casos ninguén cuantifica os postos de traballo que se crean con esas prácticas, aínda que outra empresa antivirus vén de informar que un recente spam que recomenda investir en determinadas empresas chegou a provocar subas de ata un 12% nas accións desas sociedades.

Os meus correos están inzados como os que máis desa praga, e a pesar de que non lles dedico eses 4 segundos, observo que as mensaxes renóvanse escasamente. Do xa clásico enlarge your pennis foron mudando ós que ofrecían títulos universitarios, e mantéñense os de viagra e cialis (que non sei que é). O que variou é a imaxinaciòn de quen os manda, xente curiosa que asina “Anxo Sharif”, “Orgiastic I. Ultraconservatives” e “Moroccans E. Impetus”. O que me empeza a preocupar é que ultimamente, teóricos remitentes coñecidos como “Emilia Esposito” ou “Rivas” me prometan software a prezos de ganga. E o que definitivamente me meteu medo é que onte mesmo, “Esperanza Aguirre” me mandou unha oferta de Rolex. Non sei me me aterra máis que sexa verdade ou mentira.

(LA OPINIÓN martes, 17 de outubro de 06)

Advertisements