Hai fenómenos habituais que parecen estarse disparando e deixando de selo –habituais, non fenómenos- e logo resulta que esas presuntas saídas de madre son precisamente evidencias de que se están asentando, como os arrotos anuncian a placidez dixestiva do lactante. Os dous últimos e ben claros exemplos de convulsións teóricas que confirman na práctica a rutina son o Premio Planeta e o topónimo da Coruña. O planetario e o local, sempre da man.
O galardón literario que instituíu o empresario Lara sempre foi un prodixio de equilibrio. Tan ben dotado de cartos como precario de prestixio, a falta de suspense da decisión final sóese compensar cun pouco ou moito de polémica. Este ano tocou pouco. E correspondeulle levantar a lebre ó segundo término do habitual binomio autor consagrado–autora revelación (ou viceversa). A autora revelada, a lucense Marta Rivera de la Cruz, queixouse de que en Galicia non lle fan caso polo feito de escribir en castelán, idioma que escolleu porque nel faino mellor e está máis cómoda. A polémica foi unha convulsionciña porque unicamente ratificou o xa sabido, o mal que tratan nas periferias ós que se resisten a escribir en autonómico. Queixarse en público das consecuencias dunha opción que se tomou libremente non deixa de ser estraño (Torrente Ballester, nun mal momento, preguntouse se non lle tería sido mellor escribir en galego, pero nun diario privado). Queixarse, a maiores, desde o segundo lugar do podio do Premio Planeta, que lle asegura 150.000 e pico euros, vendas millonarias e unha resonancia maior da que poden ter os aludidos por moitos e moi xuntos que berren, non é moi elegante. É como se Míchel Salgado se queixase de que dedicarse ó fútbol lle restou recoñecemento deportivo no seu Condado-Paradanta natal, feudo de seguidores do ciclismo.
Ningún medio, ou case ningún, atendeu á esencia do asunto –os posibles valores literarios ou os probables elementos comerciais da obra de Marta Rivera- nin ó verdadeiramente noticiable: as razóns dunha reacción así nunha rapaza educada como sei que é Marta etc. A galardoada entoou o seu canto ferido como literata postergada porque seu pai actuou de demiúrgo. En vez de felicitarse na intimidade porque a súa filla escolleu un idioma de proveito, encarnouse publicamente como periodista/padre de la Pantoja, e sacou o tema, non sei se en versión periodista (“¿Es cierto que las instituciones y el nacionalismo excluyente la ninguean en su tierra?”) ou en versión padre (“Martita, dile a estos señores lo mal que te tratan allá”). Que te suban ós altares dos best-sellers que se anuncian en televisión está moi ben, pero que te chamen para dar unha conferencia na Facultade de Veterinaria da túa cidade non ten prezo.
O mesmo que a polémica provocada polas declaracións do conselleiro José Luis Méndez Romeu a prol dunha solución consensuada do A/La Coruña (¿que tal ¡Hala, Coruña!?) confirmou tamén que todo está como estaba, por moito que se quitara da vista, e do pouco oportuno que é lamentar hogano os efectos das causas que se abrazaron antano. No caso de Méndez non había –polo menos fisicamente presente- demiúrgo ningún ó que botarlle á culpa, e el tampouco se queixou, pero debería saber que despois de outorgar cando se optou pola demagoxia electoralista, invocar a razón e o sentido común non é, como pouco, elegante.
(LA OPINIÓN, xoves, 19 de outubro de 06)
Pues yo, si me lo permites, tambien me siento mas comodo hablando en castellano.
Está claro que aqui el que no llora no mama y bueno si es cuestion de mamar 150.000 euros pues eso. Aunque claro está el tema de los principios y esas cosas, pero, ¿hoy en dia a estos niveles podemos hablar de principios?. Pocos o ninguno parecen respetarlos.
Respecto al tema de la nomenclatura de La Coruña, para mi son ganas de montar bronca o de no estar quieto. Porque, yo me pregunto, ¿Para que sirve verdaderamente el llamarle de una manera u otra a una ciudad?. Yo creo que hasta ahora se le llamaba La Coruña. ¿Qué problema existe?
Con respecto do finalista do Planeta 2006, eu non sei se tirarme o mar e nadar pro fondo…
Any trouble, Seo, meu.
O de La naceu como unha traducción do artigo A, que se usa en galego, pero non en castelán (“son do Irixo”, “soy de Irixo”) e comezouse a extender no século XX. Máis ou menos, pola mesma razón (ignorancia e/ou mala fe) se lle chama en España Oporto á cidade portuguesa de Porto. No propio Concello hai unha colección de selos postais do XVII e XVIII e en todos figura “Coruña”. Hai mencións antigas a “la Coruña”, así en minúscula, e mesmo teño unha copia de cheques bancarios do XIX nos que así aparece. De todas formas, legal e unicamente é A Coruña desde 1984 a cidade e desde 1997 (penso) a provincia. Como os únicos efectos prácticos de chamarlle dunha forma ou doutra son os impresos oficiais, non se entende por que andar en preitos desde hai 20 anos sen ter ganado nungún para zafar da lei.
(Agora que o penso, quizais a mellor solución de consenso fose Acoruña, coa vantaxe de figurar sempre no primeiro lugar das listas alfabéticas e dos formularios informáticos)
Pois, xa postos, non está mal defender a dupla versión castelán/galego: Lacoru en castelán, que soa máis glamuroso, e Curuña en galego, que queda máis racial.
Por certo, que en Boinolandia temos un claro exemplo de dobre denominación: Bilbao/Bilbao (antes era Bilbo, pero seica chegaron a conclusión de que había perigo de devenir en Gollum).
En canto a Martita, vostede, coma sempre, acertando de cheo: ese pai, fachendoso coma poucos, rencoroso coma idem…
Eu, como xa lle dixen unha vez (perdoe que non busque o enlace), sosteño que o ideal era chamarlle Coruña e que cada un lle poña o artigo que lle cadre, si lle cadra. “…que o importante é que haxa traballo para todos” dicía un vello que entrevistaban ó respecto unha vez, na tele.
E si para que ese traballo che cunda máis, o tes que facer en castelán, pois moi ben, pero non digas que eres un libertario por apostar ó cabalo gañador (refírome, naturalmente, á literata medio coterránea súa).
Óptimo último paréntese.
Coitadina a rapaza e mailo papá.Agora faltanos por ver como El Corte Inglés láiase de non ter recibido o premio dos artesanos de Monforte.Polo menos confórtame ver que non aparece só A Coruna no cumio do provincianismo e os complexos de identidade.
Falando de La Corogne,Corunna,ou La Coruna,as traduccións son moi boa cousa cando non se entende,ou se entende mal,a versión orixinal.Cando alguén prefire a traducción,mesmo entendendo a versión orixinal a perfección,coido que saímos da leira da política e metémonos no monte oscuro da psiquiatría…
PD.Outro caso é o uso das traduccións coa vontade de exterminar a cultura fonte.Digo eu que no século XXI non andaremos con esas…
O luns, en Hai debate, na parte final, a resposta dos coruñeses todos ante tan absurdo dilema, ou “trilema” (coruña, la coruña, a coruña. O presidente da federación de asociacións de veciños versus a Mesa pola normalización lingüística. É que Méndez Romeu non se presta). Se gustades. Cando era pequena, viñan os meus primos de Coruña, a secas. Eu sempre digo Lacoru, neno (con cariño, eh!).
Bo argumento, Alfonso.
Por certo, o efecto martarivera cruzou o Atlántico y hete aquí Mi vida como un chino EN GALEGO
Lean, se gostan: http://www.bestiario.com/mvcuc/d.php?id=586
Pereiro, gracias por deixarme poñer o cartaz na porta.
O que eu dicía: canto máis glamúr, máis lacoru
Onte a noite, na radio, escoitei a alguén (seica un político) engadir outra versión ao asunto: La corogné, así, con acento. É que non hai como ser políglota….
Si, A Coruña sempre foi La Coruña e non sei eu onde está o problema. Tamén os malditos nacionalistas italianos e holandeses mudaron respectivamente o nome de Napoles por Napoli e de La Haya por Den Haag, que xa me diredes, vaia ganas de montar bronca, se todo o mundo sabe que deus puxo os nomes das cousas en español, e despois viñeron os nacionalistas a mudalas sen máis razón que súa propia barbarie.
Querido Pereiro, porque non nos botades unha man ós da Galega nas cidades que nos queren pecha-las sedes da compañía e botararnos nas mans das produtoras pra sempre
A man xa a tedes, pero para estes asuntos quen ten mellor man que ninguén é a inspección de traballo…
Uta que es lindo su idioma compañeros…. me gustaría haber nacido gallego, vivir en O Grove y mirar la lluvia en Santiago de Compostela…
Saludos…
Un chileno más.
Grazas polo do idioma, Rafá. Asegúrolle que é moito máis bonito falado. En canto á chuvia, o que é estes días estamos sobrados.