Lin este domingo unha estupenda crónica sobre o Clarena II, o novo barco de Francisco Hernando Contreras (a) El Pocero¸ ese emprendedor que, entre outras grandes empresas, acometeu a de construír unha urbanización de milleiros de vivendas  en Seseña, en pleno deserto toledano, sen servicios de ningún tipo, comezando pola auga.

(o Clarena I, by prnoticias)

A inxustiza poética da vocación marítima de alguén que fixo cartos sobre a sede dos demais é dobre: encher de combustible o depósito do iate custa tanto (uns 250.000 euros) como un deses pisos de secano que vende.

         A todo isto, o Clarena II, de 72 metros de eslora, substituirá ó Clarena I, de 46, que xa era maior ca os do Rei, de Florentino Pérez, Alberto Cortina ou Fefé Fernández Tapias, salienta o xornalista entre divertido e escandalizado. Á familia Hernando quedábaselle estreito, porque nel xúntanse ata medio cento de persoas, presididos en bata de guata por Filomena Contreras, nai do fenómeno, e mobilizados mediante ordes como “¡a jalar!”. A lancha custará uns 60 millóns de euros, deles algúns centos de miles imputables ó desexo perentorio do cliente de que a bandeira española ondee en cuberta, porque – argumenta – “soy español ante todo, cueste lo que cueste”. Para rematar de describir o personaxe, aínda que non faga falta, o cronista sinala que lle chama “toballas” ás toallas e “personas humanas” á xente.

         Ai que risa, vaia pailán, ¿non? Pois si, claro, pero tamén non. O da bandeira, por exemplo, é absolutamente coherente, e non porque o patriotismo sexa a primeira ou a última escusa dun canalla, senón porque que menos que estar agradecido o único país onde puido facer a súa fortuna como a fixo. (Tamén podería facela en Italia, pero alí ese sector trabállase de forma organizada, silenciosa e nada proclive ós individualismos e ás iniciativas persoais). E tamén non porque non se fala nada dos que lle permitiron esas operacións que lle deron para pagar tanto o barco como o helicóptero co que se traslada a bordo dona Filomena, entre outros artefactos de mar e aire dos que é propietario. De se ten ou non barco o entón alcalde de Seseña, José Luís Martín, que cando o empresario Hernando tiña menos líquido que hoxe as súas urbanizacións, contratoulle un colector para dar servicio a 18 chalés seus (do empresario, non do alcalde, suponse) e por riba pagoulle 250 millóns de pesetas a maiores do contratado. Ou do resto das autoridades locais, provinciais, autonómicas e estatais que foron aprobando todo, e agora argumentan que teñen a conciencia tranquila por non ter feito nada ilegal, e siguen presentándose nas entrevistas como servidores públicos por vocación, con inquedanzas intelectuais e amantes da familia. (Alguén que defende como normal recalificar da noite para a mañá case 2 millóns de metros cadrados, case mellor que teña levado parte do botín. Dá máis tranquilidade estar en mans duns cínicos que duns parvos).

         E sobre todo, menos risas. Todos sabemos que a diferencia entre os métodos de Paco el Pocero e os dos seus compañeiros de flota é a forma de chamar a comer á familia.

 

(LA OPINIÓN, martes, 24 de outubro de 06)

 

 

Advertisements