Posiblemente vostedes pensen que as cousas ocurren porque si, e os sucesos acontecen onde lles cadra. Lamentablemente, non é certo. O que pasa é porque está de dios que pase, segundo a vella crenza popular, pero o que se ve que pasa está da man de xente que chegou á conclusión de que a verdade é máis verdade se o público ten unha idea previa do que é verdade. Os fenómenos extraordinarios, por decilo á brava, véndense mellor se están anunciados en televisión.
Así, como analiza un xefe meu, no Levante español localízanse a maior parte das víctimas adolescentes de crimes sexuais, en Andalucía prodúcense os máis tráxicos casos de violencia de xénero, e Madrid e Barcelona repártense os incipientes casos de serial killers e os cada vez máis abundantes dramas de exclusión social. Enténdaseme, non é que as traxedias se ateñan ás xurisdiccións xeográficas, é que, igual que os viños ou os queixos, teñen máis predicamento as que gozan de denominación de orixe. A Galicia especializárona en catástrofes naturais. Ben é certo que aquí fixemos un enorme investimento no sector. Primeiro foron as precampañas do Urquiola, Mar Exeo, etc. e logo o impacto mediático do Prestige, un fenómeno que marcou todas as catástrofes posteriores. Por exemplo, as presentes inundacións. A lama negra das cinsas dos incendios forestais nas praias excita vellas sinapsis nos editores de informativos, e non digamos os indíxenas dicindo que non hai dereito, e a ver se hai solucións. En Galicia os bancos do marisco quedaron arrasados polos efectos colaterais dos lumes, nunha catástrofe peor ca do Prestige, escoitase nos medios informativos, coa garantía das imaxes dunha (1) praia e os rostros de resignación e da impotencia característicos destas situacións. Estou nunha cervexería de Cee, pero o panorama non me cadra. Os parroquianos deberían estar abducidos pola retransmisión televisiva da crise local, contendo a rabia ou o escepticismo, pero non o están. Isto é un centro comercial e bastante fan con aturar o cruce de megafonías e reclamos. A retórica “el nuevo drama medioambiental en la Costa de la Muerte” non pega moito coas cinco redes wi-fi que me entran aquí no portátil.
Non critico ós esforzados cidadáns que responden guiadamente ós estereotipos. Todo o mundo posúe hoxe unha cultura xeral mediática que dicta como comportarse e que opinar nestes casos, e con máis razón se és dos directamente afectados. Pero tamén hai xente –mesmo dos economicamente amolados- que se achega para opinar que como non vai haber inundacións, se onde ten o negocio había mar hai vinte anos, e reconstrúe de memoria os percorridos hoxe soterrados dos tres ríos que desembocaban máis ou menos por onde acabas de estacionar o coche. Ou o técnico que informa que a escoura de manganeso coa que se fixo maiormente o recheo da mariña de Cee non compacta, e a ver por onde andará indo e vindo a auga. Ou a muller que che confesa, na rúa M (antes río Ferrol ou Madriñán), que é culpa de todos, porque todos pecharon os ollos, e que ela vive nun edificio construído nun solar que fixeron desviando o río da Granxa (e que agora lles entra polo garaxe). Quizais esta especialización ou reiteración catastrófica estea modelando novos aspectos da nosa idiosincrasia. Onte, unha muller entroulle a unha xornalista habitual dos directos para preguntarlle onde comprara as katiuskas: de tanto verllas, a filla quería unhas iguais.
(LA OPINIÓN, xoves, 26 de outubro de 06)
E dígame, Sr. Pereiro, ¿Podemos xogar a imaxinar que á tele lle da un telele en plan “Mentiroso Compulsivo”, e empezan a soltar verdades como “Estes pailáns levan o que merecen por seren ovellas, papadores e aprendices de clientes (de clientelismo) e poñerse en mans de políticos un pouquiño necios, pero bastante cabroncetes, e grandes homes de negocios, que non saben ler nin escribir, capaces de encher o bandullo hasta estourar e aínda embaucar ó personal coas faragullas”?
Por outra parte, con un pouco de sorte, o mellor que pode pasar si seguimos encasillándonos no papel de GaliZa Zona Zero, é que as inmobiliarias madrileñas, esas que nos van traer progreso e prosperidade no AVE, empecen a ver cair a demanda de pisos e chalés na nosa terra. E unha vez a recuperemos, xa veremos que facemos con ela, quizáis inventemos o “turismo de catástrofes”, e collamos un novo nicho (con perdón) de mercado.
Non sei, non creo, pero en plan cuco vou usar esa excelente idea de GaliZa Zona Zero. Nunca é tarde para meterse a aproveitado
É toda súa, patrón. Iso sí, si lle chega a xenerar grandes réditos económicos, lembre que eu son estudiante, e teño unha economía moi precaria…
¿Pensa que se tivera algunha idea que xerase rendementos económicos altos, ou siquera medio-altos, ía estar aquí tocando o zoco?
Outro exemplo de aproveitamento: as súas teses de por que pasa o que pasa
Esas sonlle de balde. Prefiro que as aproveite alguén, si as considera útiles, a que se perdan no mundo do blogueo. E aínda lle estaría agradecido.
O que xa nos faltaría por ver, sería outra camiseta para a colección.”Riadas Nunca Mais” proximamente á venda nas tendas de souvenirs de Compostela.
Zona Zero de Caciques.
Pois se falamos de xeitos “modernos” de falar,aldeas e medios de comunicacion,vexan este clip que esta rachando coa pana en Francia.Un rapaz(Kamini)cantalle a sua aldea(Marly-Gomont).Despois do Koala,podemos falar do nacimento do rap rural?…..(Que me perdoen os de Arrested Development.)
Vexan,vexan….www.kamini.fr
Xa que falamos de aldeas,modas e comunicacion,vexan http://www.kamini.fr Desaparecido o Koala,parece que esta a nacer o rap rural.(Co permiso dos Arrested Development,claro)