Como todo o mundo, teño días, pero este en particular – e perdoen vostedes- estou que rebento, e todo porque son periodista. Non será para tanto, dirán, entre outras cousas porque esta profesión presenta niveis de subemprego propios da construcción e horarios tan dilatados como na hostelería, pero con salarios máis reducidos. Todo o que queiran, pero formo parte dese gremio de adalides da verdade que están a desvelar a corrupción do ladrillo.
Porque saber xa sabía todo o mundo o que hai, pero todos faciamos o avión. Cando algúns prebostes se comportaban como os gorilas que aporrean o peito, invocando o avance imparable do progreso e a creación de postos de traballo, a maioría dos cidadáns era consciente de que o gran beneficiario era sobre todo o gorila, pero adoptaban a postura dos monos chinos eses que nin ven nin sinten nin padecen. E gran parte dos medios de comunicación poñíanse no papel da mona Chita, o de rir as gracias. O simil simiesco veume á cabeza ó acordarme do homo antecessor, Jesús Gil y Gil. Cando se presentou para alcalde, G&G tiña o mesmo tipo de relación co urbanismo que o doutor Mengele coa atención primaria, pero iso non quitou que saíra elixido e, sobre todo, que se convertira nunha estrela mediática gracias á necesaria combinación de méritos propios e axudas alleas. Incluso, para evitarlle estar exposto ós caprichos dos responsables dos programas, déronlle un programa enteiro propio para que se explanase e fixera as delicias dos antisistema de dereitas.
Aquel tratamento para quen daquela non deixaba de ser xa un delincuente –amnistiado, pero delincuente- foise xeneralizando. Mesmo unha sucesora súa, en canto deu saído da prisión na que estaba como imputada por un delicto urbanístico, foi directa a un plató de televisión para presentarse ante millóns de persoas como unha presa política. Calquera desas persoas indignaríase ata o borde da agresión física se a presunta presa a atendera nunha oficina pública e lle dixera a frase “yo, si no cobro, no firmo ningún papel” que figura no sumario que dixo en privado, pero vista na pantalla vai ti saber se é certo ou non. Agora parece ser que morreu o conto, e os periódicos publican listas de imputados ou condenados e sacan á luz as operacións mafiosas, espertando a esperanza de que o Ben triunfará por fin. O caso máis demoledor é o do ex alcalde de Orihuela, Luis Fernando Cartagena, ó que a superiora das hermanitas do Asilo lle deu 48.000 euros para obras benéficas municipais. Luis Fernando agachou os cartos nun piano da súa casa, e foinos gastando segundo o principio de que a caridade ben entendida comeza por un mesmo, que para iso ganaba as eleccións co 70% dos votos. Este é o momento en que, aínda sen ser un oriolano/orcelitano necesitado de beneficencia, a calquera lle asaltan as ganas de afearlle a conducta ó tipo ou meterlle unhas patadas.
Non se molesten. Aquelo pasou en 1993, antes de que o nomearan Conseller de Obras Públicas e de que se convertera en empresario exemplar. A Audiencia de Alicante condenouno en 2002 a catro anos de prisión, pero sigue na súa casa (a do piano) mentres lle xestionan o indulto. A catarse ética está en que creo que non lle van dar programa ningún.
(LA OPINIÓN, martes, 31 de outubro de 06)
anótate por ahi un dez e gracias pola última frase, a estocada vale moito mais do que te pagan por ela, deseguro.
Non hai dereito. Con escritos coma este non me deixa espazo para discrepar, e se non solto a mala hostia me vai acabar afectando ao colesterol.
O único que vexo raro é o da hermanita da caridade dando esmola a un alcalde. O mundo ao revés….
Creo recordar que os cartos eran un remanente da liquidación dunha institución…
¡Presos políticos!. ¡Dan ghanas de ghomitar!. ¡Caghonacona que os caghou!.
Na actualidade están a dar un gran bombo a unha potencial “policía urbanística”; mire vostede, Sr. Pereiro, eu teño a sorte, despois de privarme de moitas cousas, de que o día 1 de decembro pago a derradeira letra da hipoteca, despois de outras 143 anteriores. Pois ben, dende hai doce anos ninguén, absolutamente ninguén, veo o meu piso a comprobar que se adapta os proxectos presentados no concello, e pódolle asegurar de que no concello hai varios arquictectos e varios aparelladores municipais en plantilla. O concello e Ourense capital. Para que queremos “policía urbanística”, o que fai falta é un bó instructor de expedientes disciplinarios para que os funcionarios cumpran coas súas obrigas, penso eu. Por certo, neste mes o Sr. Cabezas, alcalde de Ourense, que como vostede sabe, ou debe saber, foi un verdadeiro artista do tixolo, acaba de subirlle a varios xefes de servicio, entre eles a algún arquitecto 1.000 €uriños redondos ao mes. ¡Unha marabilla!
grandisimo post, sr. pereiro, non só polo escrito senón por esas impagables ligazóns (a do tomate merece entrar na enciclopedia universal do absurdo)
Non ten nada a ver con este tema, mais como me parece un vídeo engrazado, déixoo por aquí. Un saúdo!
¿Pero non se dan conta vostedes? Si o dicen tódolos enteraos: O problema é a difícil financiación dos concellos, que só poden recaudar a base de recalificar terreos. Eu non acabo de entender exactamente por qué iso implica que haxa unha caterva de parásitos a chucharlle o sangre á sociedade e a enriquecerse dun negocio que, disque, está edificado sobre o blanqueo de capitais, pero en canto se solucione o do financiamento municipal, xa todo vai ser xente honesta e sin afán de iate, piscina, reloxio de ouro e demáis símbolos do progreso e a modernidade de unha nación.
Por certo. Non acaba de entrarme na cabeza que esa foto que postea chegase a sair pola televisión. E imposible imaxinar algo de peor gusto.
Por raro que lle pareza e por novo que sexa, creame que en tele 5, calquera tempo pasado foi considerablemente peor
A mosca que ten o fotograma de Gil non é primeira que tivo telecinco (a dos pétalos), ousexa que si me lembro das “Mama-Chicho” deberíame lembrar de iso… Pode ser aquilo de que a memoria tende a eliminar as cousas desagradables.
E que máis que probablemente, a foto é dunha imaxe de arquivo emitida agora, por eso ten a mosca moderna.
Probablemente non o recorde, Sr. Miguez, porque a esa idade tan tenra os seus pais non lle deixarían ver pornografía