Michael Moore, ese gordo da gorra que fai uns documentais tan sarcásticos, mandoume antonte un email (a min e a todos os que se apunten na súa páxina web) especificando cinco razóns para votar nas eleccións á Cámara de Representantes dos EEUU. Cinco que se resumían nunha: este é un referéndum sobre Bush. “Non importa quen é este ou aquel candidato. Vd sabe que son todos máis ou menos iguais, uns mellores ca outros, pero… por favor: son quen son. Para votar a favor da guerra, vote polos republicanos, para votar contra a guerra, vote ós demócratas”. Foi lelo –como puiden, que estaba en inglés- e sacar a conclusión de que deberiamos importar algúns usos electorais USA.
Rick Santorum (sic), candidato republicano ultraconservador , and family, na rolda de prensa da noite electoral no que parece ser o seu cuartel xeral-igrexa particular. (Vía escolar.net)
O de Moore non parece un argumento moi sutil, desde logo, pero aínda así debeu ser efectivo, ou a maioría dos electores pensaban o mesmo (ou mandou unha chea de emails), porque ganaron os demócratas, fosen quen fosen os candidatos. E sería de agradecer que aquí fosemos por aí, por moito que a tendencia sexa a contraria, e numerosos líderes de opinión se mostren cada dous por tres favorables ás listas electorais abertas e reclamen a valoración individual dos candidatos. Habida conta de que os elixidos son quen son –en expresión de Moore, non miña-, por que non votar en base ás cuestións de fondo, como estas: ¿os Gobernos deberían ocuparse de gobernar ou de preocuparse de que non se metan con eles?, ¿paga a pena ter centrada media profesión periodística e dous tercios da carreira xudicial no conto do ácido bórico ou cambiamos de argumento narrativo?, ¿os casos de Ronaldo e Raúl están merecendo a atención debida nesta sociedade desprovista de valores e presidida pola indiferencia?, ¿teñen dereito os cataláns a votar a Carod?, ¿os xornalistas afectados –non directa, pero si profundamente- polas catástrofes, teríamos ou non dereito a algún tipo de axuda oficial ou subvención?
Hai outro uso USA que se debería importar, que é o da publicidade negativa. Hai dous anos, de cada 11 dólares gastados en propaganda electoral, seis foron para anuncios positivos (que, como suporán, son os de sempre e cinco para os negativos (son os que lle chaman de todo ó contrario e non os poden promover os candidatos, pero si os partidos). Nestas eleccións, a porcentaxe do gasto foron dez dólares para os negativos, como un no que se acusaba a un fiscal demócrata de chamar a unha liña erótica. Resultou que era o mesmo número, quitado un díxito, dunha oficina xudicial, e a chamada non a fixera el, pero como explicou un dirixente do Partido Republicano, “para contrarrestar a unha chea de candidatos demócratas insignificantes que falan de temas de alcance nacional e repiten todos o mesmo, a mellor forma de responder é marcando contrastes e ofrecendo ós votantes opcións reais”. Imaxinen por un momento o xogo que pode dar aquí o de marcar contrastes (por non falar das opcións reais) contra os tipos insignificantes que propoñen cuestións de alcance nacional. Aínda que o que máis envexo son reaccións como a do portavoz de Bush cando lle preguntaron polos resultados: “non foron como para dar unha palmada na frente”.
(LA OPINIÓN, xoves 9 de outubro de 2006)
PD.- Outro uso a importar: Neil Young strikes again
Achtung, sihomesi! O artigo é de La Opinión, xoves 9 de novembro de 2006
Por certo, no Reino Unido tamén lles entusiasma o tema do voto táctico, e algúns como o cantante Billy Bragg veñen defendendo a súa práctica desde fai ben tempo.
Si ten algo que ver, eu sempre pensei que os votos deberían ir para UN PROGRAMA DE GOBERNO e non para unha persona de unha lista; sobre todo, para evitar a chafallada esa dos tránsfugas.
Por outra parte, o que se debe evitar a toda costa e cair no BIPARTIDISMO, aínda que pouco nos queda. A idea de ter que escoller entre un partido que me dea noxo e outro aínda peor non me produce precisamente interese.
Corrixido, atento Mourullo. Espero que cando Google faga unha oferta polo seu software, non perda eficacia (nin atención ás minorías).
En canto ó das escollas, votos co naris tapado, etc, tres frases memorables (citadas de memoria):
“É curioso como os votantes non se consideran implicados polas decisións daqueles que votaron” (Moravia). “Estou farto de votar contra alguén, non a favor de alguén” (Manu Chao). “Cada vez hai máis xente que protesta contra o que votaron os demais” (Fernando Savater)
Francamente, non acabo de ver a diferenza entre o modelo Moore e o modelo “hai que botalos”, de non ser pola diferenza de credibilidade entre o un e os outros (da calidade do produto mellor non falo), e, por outra banda, os “líderes de opinión” non fan case outra cousa que andarnos a tocar as bowlings con consellos sobre voto, aínda que sexa de forma indirecta.
Por útimo, xa sabe que discrepar de vostede mellora o meu nivel de colesterol, o que lle agradezo, pero citar a manu “megustalacoruña” chao e dito savater escarállame a parede intestinal. Como siga así, o médico vaime prohibir según que lecturas
Despois das fotos de Palestina hoxe, so podo suscribir o que lein dun de Hamas fai pouco, hai que botalos o mar como cans, sen compasión nin piedade, e logo o diluvio.Neste caso estou dacordo con Moore, non importa quen veña detras, son todos iguales, pero con estes malnacidos….e voume calar, que danme medo.
Sobre a frase de Moravia, unha observación: os integristas/islamistas/terroristas (eses que se puxeron no papel dos comunistas de hai vinte anos) sí alegan a responsabilidade que unha sociedade ten por ter votado asejún que políticas. Non sirve de escusa para andar a matar a troqueboque, pero sí debería servir para poñernos as pilas, ou poñerllas ós tipos nos que delegamos absolutamente todo cada catro anos.
Para os islamistas, como para os integristas en xeral, o xénero de vida xa é motivo bastante para ser culpable. eSedidió: non son culpable (ou si?) de que se me quede o que se me queda na cabeza, e pareceume uha escolla bastante transversal…
Seica estivo vostede confraternizando con elementos subversivos nestes días, sHs. Mágoa perder tan magno acontecemento.
Eu sempre transversaleando. Do institucional ó subversivo sen sac…