Unha pantasma máis percorre Europa. Logo da gripe aviaria (¿que sería dela?) ou as medidas de seguridade nos aeroportos, agora é o momento do polonio 210. O tal polonio é esa substancia que serviu para pechar bocas incómodas (e de paso o resto dos órganos dos incomodadores) para determinados altos intereses rusos, e que agora parece que se descubriu que anda ciscada por medio Londres, de momento e ata que se investigue se a cousa queda aí ou medio continente está afectado.

    Esto pasa, supoño eu, porque a xente non é nada curiosa. Igual que os toxicómanos, que deixaban tiradas de calquera forma as xiringas logo de usalas, ou da mesma forma que se sabe onde houbo algún tipo de feito tráxico no que actuaron forenses e axentes policiais/xudiciais porque a escena está sinalada con guantes de látex abandonados. O polonio ese parece que se pode levar como se fose ratibrón, que non pasa nada se non o tragas, así que se o executor era algo trapalleiro, debeu ir ciscando o producto alí por onde pasaba. Agora, xente que frecuentou tal restaurante, viaxou en cal compañía aérea, fixo transbordo naquela estación de metro, tivo que ir facer unha xestión a aqueloutro edificio ou mesmo estivo considerando ir o Nadal a coñecer as noites brancas de San Petersburgo, anda amoscada, que se sente un proído en tal parte ou ten como resentida tal outra.

    Por certo, non deixa de ser irónico que os rusos, sexan autoridades secretas ou públicas, civís ou militares, usen o polonio. Tamén coñecido como Radio F e cuio símbolo é PO, foi a primeira descuberta de Madame Curie, que lle puxo así porque daquela (1898) o seu país, Polonia, estaba dominado por Rusia, Prusia e o imperio Austrohúngaro, e decidiu reivindicalo poñéndolle ese nome (suponse que foi o primeiro elemento químico que se bautizou por unha cuestión política). O caso é que ademais de para reivindicacións patrias, hoxe o PO úsase en aparellos para eliminar a carga estática ou para cepillos especiais para limpar películas fotográficas. Tamén está no fume do tabaco e nas casas rurais (ben, en realidade, en todo lugar onde haxa granito).

    En resumidas contas, quitado que vaian por ti, caso do pobre Alexander Litvinenko ó que mataron, e do afortunado Yegor Gaidar que deu zafado, quizais nos teriamos que ter preocupado máis do lantano que se sementou en Porriño, ou daquelo que se respiraba onda a fábrica da Cross na ría do Burgo (que non sei que era, pero era un po granate que cubría todo) ou xunto a refinería da Coruña, ou a carón da de Celulosa en Pontevedra, por non falar do amianto que agora se sabe que estragou a saúde dos que traballaron con el. Sen embargo, preocúpanos o polonio. E moito máis que nos vai preocupar si se empeza a especular se había ou non polonio na furgoneta Kangoo do 11-M.

 

LA OPINIÓN,sábado, 02 de decembro de 2006

 

 

 

Advertisements