“Hola amiguis, ¿cómo está tu familia? espero que muy bien, nosotros todos de maravilla, mi mamá, mi papá y mis hermanos afortunadamente muy bien. Fíjate que necesito tu ayuda, hay una página que ofrece el Neo en mensualidades, pero no se muy bien cómo adquirirlo, sabes que no soy muy hábil con el internet. ¿le das un ojo y me explicas por favor? http://www.XXXXX/neo Gracias y espero tu respuesta. Alejandra Campos”. Con este entenrecedor email, quen (ou que) queira que sexa que se agacha baixo o nome da sra. Campos tenta que vaiamos a unha páxina web na que posiblemente nos sacarán os untos. Con parecida sintaxe similar á do castelán, cheganme tamén mensaxes supostamente de entidades bancarias nas que non teño un peso, encarecéndome que vaia á tal páxina para amañar uns problemas indeterminados nas contas correntes das que non dispoño.

    Son estas dúas variantes diso que lle deron en chamar phishing e agora estendeuse tanto que xa se inventan nomes para cada modalidade (pharming, scam). En definitiva, o vello truco de sacar cartos sen máis armas que a agudeza propia e a ignorancia ou boa fe alleas. Tamén hai métodos, como as clásicas estafas tipo estampita, na que o defecto dos incautos que se aproveita é a cobiza. A aparición dos faxes trouxo aparellada a do timo da embaixada de Nixeria no que un político en desgracia pedía axuda económica para sacar a súa fortuna do país. É un truco aínda vixente, con adaptacións como que son a viúva de Arafat ou un cuñado de Sadam os que quere poñer o tesouro familiar a salvo das gadoupas dos islamistas. Unha oportunidade de conxugar as boas causas cos aínda mellores beneficios, vamos.

    Non son delictos que aprobe (de feito, non adoito aprobar case ningún) pero desde logo, dentro do malo, prefiro os delincuentes que agardan a que piques que os que andan a cazarte. E iso que supoño que haberá xente que, xoubiña a xoubiña, se fai cunha fortuna. Esta semana trincaron a un residente en Betanzos que xuntou 16.000 euros con catro que picaron, e o método debe dar tanto rendemento que hai ofertas a esgalla (o scam de marras) para facer de muleros, é decir para que deixes a túa conta bancaria como depósito temporal das cantidades estafadas, a cambio dunha comisión. Xa digo, non é que me pareza ben, pero a verdade, non encontro demasiadas diferencias entre estas actividades e outras legais, como as comisións bancarias, ou que che cobren por establecemento de chamada incluso se tes que facer catro en vez de unha porque non hai cobertura, e unha chea de exemplos que vostedes saben mellor ca min.

    E tamén se fan fortunas con métodos como aforrar materiais nunha obra (non me refiro a vía rápida do Salnés, senón ó salón de banquetes que construíra Jesús Gil por Navacerrada e que se derrubou cos clientes dentro por aforrar na porcentaxe cemento/area). Ou comprar unha toxeira ou unha xunqueira e convertelas nun mes en solares sen máis traballo que sementar comisións. Saír sae ben máis xente prexudicada, pero ata agora, ninguén saíu en informes policiais nin foi a prisión por iso. Para que logo digan que en internet todo son vantaxes.

(LA OPINIÓN, sábado 9 de decembro de 06)

Advertisements